26/09/08

Verdades



A agulla agarimou o vinilo
e Beth Gibbons encheume o salón de melancolía.
Esperei que chovera,
esperei que nacera unha cheminea onda a tele,
esperei que a roupa do tendal non secara.


Podo mentir e dicir que houbo tormenta,
que se fixo noite
e que de súpeto foi decembro
e puiden estrear o abrigo negro.

Pero non me gusta mentir.


Chegou o final do disco,
calada, sen respirar,
prestei atención ao delicado ruído da agulla
que volvía á posición de repouso.


Entón,
xusto cando se detivo o disco,
materializácheste no meu sofá
e tiven que confesar que collera prestado a Pegaso.


O meu coche arranca mal,
espero que non che importe.


Conteiche que cabalguei antes do amencer,
cando aínda non puxeran as calles,
nin os bancos.
Que voamos entre a néboa e que
sobre Rande,
berrei todo o que normalmente digo baixiño.


Ti riches
é décheslle a volta ao disco.

Esta vez,
tampouco choveu,
nin houbo tormenta,
nin se fixo noite.


Non vou mentir,
que non me gusta.


Así que só direi a verdade:

que caeu o edificio embaixo
e Vigo desapareceu unhas horas;
que nos tivo que rescatar Pegaso,
para levarnos voando onde,
sen dicilo, queríamos ir,
e que bailamos sobre un vinilo xigante
nunha praia onde si que chovía,
ata que, por fin, se fixo noite.


They made a statue of us
The tourists come and stare and us
The sculptor's model sends regards
They made a statue of us
Regina Spektor - Us

ETIQUETAS