26/12/12

Felices festas!




Vou facer un pequeno alto blogueiro ata o ano que vén. Son só uns días para volver con ánimos, fotos, textos e cousas novas e renovadas.

Felices festas!

24/12/12

Cousas de nadal


Un agasallo floral
Este nadal, coma o nadal pasado, ando motivada cos agasallos bonitos e as pseudo-manualidades (a miña habilidade manual coas tesoiras impídeme chamarlle manualidades de verdade).

Un primeiro agasallo, que realmente foi de cumpleanos e non de nadal, é este que vos traio. Isto é o que se pode facer cun sobre normaliño, cordel de cores e un rotring finiño. E un par de horas de diversión debuxando. Non quedou mal, ou?


Un debuxo con bolboretas para a mestra das bolboretas. Iria si que sabe de manualidades e cousas bonitas. Botádelle un ollo ao seu blog aquí mesmiño, merece a pena!

Feliz noiteboa!

21/12/12

No noso salón

Aló polos 90... - Sabela González

Por fin está rematado e colgadiño sobre o sofá. Esta carallada (que é ben grande, por certo) levaba torturándome penso que hai xa máis dun ano. Unha capa de vermello, uns anacos de póster, logo recortes e logo pintura sobre os recortes... E logo un día vén un arrebato que unha confunde con inspiración e bota brochazos e pintura ao tolo. E, que vos vou dicir, a min gústame o resultado (e o ben que vai cos coxíns nin vos conto).

Bo nadal!

19/12/12

Inverno


O inverno azul rezuma agoiros para algúns,
pero a min ábreme as flores,
na noite,
agrómame primaveras,
no vento.

17/12/12

QWERTY



















Ao outro lado atoparei o que busco.

Transportareime á nova dimensión ás agochadas,
primeiro,
e volverei onda ti cada noite
coma se nada.

Logo,
un día calquera,
mergullareime nela de cabeza
berrando
Jerónimo
Eureka
ou, se cadra, o teu nome.

Podes vir comigo
[ven!]
aquí,
onde os qwertys me susurran e sosegan
e os pianos son máquinas de escribir,
onde me peino con pinceis á mañá
e os lápices cantan cancións de amor.

14/12/12

O camiño


Había un camiño correcto,
había un camiño fácil,
e había un camiño soñado.

Onde serpentean e se entrecruzan,
onde facemos as pausas do traxecto,
respiramos un intre, soñamos, e
ás veces
decatámonos:

 sen medo ás alturas,
os tres son posibles.

Onde agarda a fin da ruta correcta,
no destino da senda fácil,
abonda apoiar a palma da man
sorrir
e dar media volta,

e correr,
como se corre ás randeeiras
como se corre na choiva
cara ao soño,

o camiño máis longo,
a vereda máis ampla,
o sorriso máis profundo,

onde abonda apoiar a palma da man
sorrir 
e dicir
"casa".

12/12/12

Moby




Podedes chamarme Ismael
aínda que non lérades a súa historia.
Eu tampouco a lin,
aínda,
pero gústame pensar que poderei,
mesmo se me engule unha balea.
Entón,
se cadra,
poderedes chamarme Pinocho.







05/12/12

A águia do taboleiro

A águia do taboleiro - Sabela González, Dot: 46

Xa sabedes qué cousas escribe Sergio para a Dot e xa sabedes que eu intento que os meus debuxos estean á altura! Quedei moi contenta con esta águia e, aínda que parece mentira, non sabedes o absorta que quedo e o que me relaxa facer eses centos de raias.

Se vivides tan fóra do mundo que non vos subscribistes aínda ao boletín semanal da Dot, deberiades facelo aquí. E se queredes ver o último número, podedes lelo e descargalo aquí mesmiño!

E, por suposto, ide á páxina 27 para admirar o meu debuxo e ler o texto de Sergio. Home no!

03/12/12

GUSTOUME... (16)

Xa é decembro!
Sei que a moitos non vos emociona isto do Nadal que se achega, pero a min ségueme gustando coma cando era pequecha, así que comezo este mes con ilusión e sorrisos cando os faros dos coches reflicten nas rúas molladas.

E sen máis dilación, comezo cunha boa ilustración para un mellor libro:

Visto en Kireei

Antes de seguir coas cousas de hoxe, un consello culinario importantísimo, aquí. Por se non vos pica a curiosidade como para clicar no enlace, xa volo digo eu: o béicon ten que quedar crocante!!!! Nada desas entrefrebas moles dos bocatas mediocres. Cro-can-te. E ben tranquila que quedo compartindo esta sabedoría.

Pasemos a outras cousas...

Xa que, como vos digo, se achega o nadal, aínda que se polo Corte Inglés e IKEA fora comezaba a se achegar en agosto, isto é un bo consello:

De La Casita de Wendy vía Kireei

E para ir pensando en agasallos, para min mesma e para os meus, sempre hai listas e ideas pola rede. Listas coma esta, de libros molóns, e ideas coma os raposos. Si, os raposos sempre molan, en boneco, en pucho e en luvas!

Visto en Kireei

A nota decorativa déixoa con este escritorio. Hai un montón de imaxes de espazos de traballo pola rede e hainos verdadeiramente inspiradores. Este, por exemplo, non está mal para un cuarto xuvenil, ou?:


Visto en Kireei

Dous verdadeiros profetas... Non vos perdades este video que prediciu a crise.
Xa que estou con videos... a peli deste trailer ten boa pinta. Curiosa premisa, pode ser interesante. Tamén pode ser unha cagada. Pero pode ser interesante.
E o último video, a historia do póster da xa famosa frase "Keep calm and carry on". Aquí o tedes. Non perdades detalle da libraría da que saíu, é un paraíso!

Apertas!

Gústanche todas estas cousas tanto coma a mín? Podes seguirme en Pinterest e velas máis a miúdo!

30/11/12

Premio Johán Carballeira


Imos acabar este mesiño de novembro con outro certame. Será por premios!

Na axenda da AELG publicouse o anuncio da convocatoria do XVI Premio de Poesía Johán Carballeira: tedes ata o 10 de xaneiro para presentar as vosas obras inéditas de máis de 400 versos. O premio son 1.500 € e inclúe a publicación da obra.

Non será porque non vos aviso...

Se vos interesa, podedes consultar as bases aquí.

E se o voso é o xornalismo, non esquezades que tamén está aberta a convocatoria desta modalidade!


28/11/12

O peso do mundo


O mundo pesaba
porque sempre pesou
pero a faciana de pedra
con anos ás costas
co mundo ás costas
co ceo ás costas
mesmo semellaba levalo mellor
cás facianas da rúa.

O mundo pesa
porque sempre pesou
pero é curioso
que pese máis sobre todos nós
ca sobre un home só.

O mundo pesa
máis ca nunca
pero, ai,
nós non somos de pedra
nin o levamos ben
con tan poucos anos ás costas
con tan pouco ceo para soñar.


26/11/12

Un par de premios


Supoño que lembrades cando hai pouco vos contaba do certame de narración e ilustración Pura e Dora Vázquez.

Aló por outubro saíu a gañadora da modalidade de narración, Ángela Fernández Rey, coa narración Por que está triste Miañas?. Agora ábrese a modalidade de ilustración, que estará aberta ata o 20 de decembro. Tedes as bases aquí.

Aproveito tamén para vos contar do IV Certame de Poesía María Mariño, no que podedes participar cun só poemiña de ata 100 versos. No enlace tedes máis información.

E que é luns, así que ánimo!


23/11/12

B WOZ ERE


E si,
se cadra deixei a miña marca no mundo
mesmo se foi nunha porta en ningures.


21/11/12

Ela pensa...




Pensativa,
entintada
e
mesmo se ás veces pinto ollos baleiros
durmo satisfeita
porque debuxo sorrisos.

16/11/12

GUSTOUME... (15)

Ultimamente empezo sempre con frases, parece.
Esta é unha delas:

Visto en DesignForMankind

Logo unha nunca se acorda de pensar que non ten por que ser unha superwoman, así que mellor pegar este lema na parede!

Na parede tamén se poden colgar ilustracións. Eu teño unhas cantas, e máis que quero! Coma as deste libro:

Gato y pez, visto en Kireii
 
Ou mesmo estas feitas colgantes e broches:

Visto en Depeapa

 Coa orde de sempre, paso á cociña e comezo cun libro que ten boa pinta (hai tanto!): chámase What Katie Ate, e xa só polas fotos parece que merece a pena. Hai por aí tamén un de galletas co que hai que ter coidado...

E de receitas alguna cousa apetecible e, coma sempre, moi light :), coma estes bagels caseiros ou este calzone de brécol e xamón.

Visto en Martha Stewart

Casas bonitas? Sempre!
Que tal esta cociña?

Visto en Vintage&Chic

Ou estes coxíns:

Visto en Kireei

E pecho cunha aplicación que ten unha pintaza... Terei que pedir prestado un iPad, que lástima ;)
É para facer fontes tipográficas. Un non parar, oiga...

Boa finde!

Queredes máis cousas? Pois botádelle un ollo ao meu taboleiro de Pinterest!

13/11/12

A nosa casa

Visto en Alley Cats and Drifters via Pinterest

A nosa casa
túa e miña
nosa
non está ao pé dun lago
e non ten árbores verdes na primavera.
A nosa casa
túa e miña
nosa
ten pedra de soños
e un pequeno xardín de futuro.
A nosa casa
túa e miña
nosa
non existe para ninguén máis,
non está, pare eles, en ningures.
A nosa casa
túa e miña
nosa
é tan só este pequeno espazo,
só este,
un minúsculo corredor para o aire
que ousa irrumpir na nosa aperta.

7 anos

Vía Pinterest

Hoxe fago 7 anos blogueando.
Felicidades, eu!
Do Café das Letras á Gramática de Corpos 
en 222 entradas escritas e 156 publicadas.

E moitos amigos e lectores.
E moitas amigas e lectoras.

Sigamos, polo menos 7 anos máis!

Apertas!



12/11/12

Abrígate

Visto en OlhaQueMassa via Pinterest

Abrígate ben,
que vai frío.
Tápate,
que chegou o inverno.
Foi ese vento azul
que nos axexou dende un recuncho
agardando o seu turno.
Aquí non vén neve,
pero abrígate,
que vén o aire xeado
punzante nos oídos
suavizante no rostro
petrificante de sorrisos
agradecidos polo reflexo dos faros no asfalto.
Ese brillo amarelento é o meu nadal
canda ti.
Abrígate ben,
que vai frío.
Tápate,
comigo.

09/11/12

Invictus

Encántame este poema e pensei en intentar traducilo,
sen manter a rima, pero por ver a sonoridade dos versos en galego.
Cagadas? Seguro. Pero frescura tradutora recuperada!
Que vos parece?
___________________________  

Out of the night that covers me,                                        Dende alén da noite que me cubre,
Black as the Pit from pole to pole,                                    da negrura do abismo na súa inmensidade,
I thank whatever gods may be                                          dou grazas aos deuses que poida haber
For my unconquerable soul.                                              por esta miña alma indomable.

In the fell clutch of circumstance                                       Nas incertas poutas das circunstancias
I have not winced nor cried aloud.                                    non tremín nin berrei.
Under the bludgeonings of chance                                     Baixo os bruscos golpes do azar
My head is bloody, but unbowed.                                     está sanguenta a miña testa, mais erguida.

Beyond this place of wrath and tears                                 Alén deste lugar de ira e bágoas
Looms but the Horror of the shade,                                   esténdese o Terror das sombras,
And yet the menace of the years                                        e sen embargo, a amenaza dos anos
Finds, and shall find, me unafraid.                                      atópame, e atoparame, impávido.

It matters not how strait the gate,                                       Non importa a estreitura da cancela,
How charged with punishments the scroll.                          nin cantos castigos dicte o pergamiño.
I am the master of my fate:                                                 Son o amo do meu destino:
I am the captain of my soul.                                                son o capitán da miña alma.

(William Ernest Henley)

Via Pablo Amargo

07/11/12

I happened



Cun remexido de ideas, deume un día por probar a escribir un poemiña en inglés. 
Este é o resultado, se cadra con erros,
se cadra non moi bon, pero foi un exercicio interesante :) 
 ____________________



I happened the winds on a whistle
and got my caution back from it
wrestling restlessness relentlessly
I sold it my truths for a penny,
plus a cash discount on marrow

the same me within that collapses,
ribs first, head second,
over the rotting apple-free insides of my old youth.


Further down,
lower flesh,
empty stomach.

Let’s eat some roses and garlic with passion
And you shall have me bloom and burgeon and burst with
this new you
this new me
this old us of creation.

You’d better caress my emptiness full
as things
only happen to come to pass when they occur
(not before, nor after).
As it just so transpires                          (as your body,
as my body when it runs still)
that things happen when you alone happen them
(like I happened the winds with my whistle)
neither me,
nor him.

Meanwhile,
thick grey matter’s threads throb and thrive
and I sell my words for a penny,
plus a cash discount
on thought.


de Sara Landeta

05/11/12

A serea

Via Amaia Arrazola

–Pero que curiosa criatura! –exclamou.
–Abofé. Mais, non lle parece fermosa?
–Paréceme certamente estraña! Non comprendo como pode funcionar... Desafía toda a ciencia que coñecemos, meu Deus!
–Algún día comprenderémola, meu amigo, e deixará de ser un misterio para sempre.
–Pode ser, pode ser... –murmurou, observando aquel ser feminino de ordinaria cola escamada máis cun rostro pálido e aplanado, coroado por aqueles herballos que, segundo ela dicía, se chamaban cabelos.

02/11/12

GUSTOUME... (14)

Comeza un novo mes e cun merecido descanso. Descansastes onte? Eu si. Tamén falta facía. Agora fai falta poñer a casiña en orde, relaxarse cunha bebida quente e unha mantiña e pensar novos proxectos!

Se cadra estas ideas vos axuden...

Comezamos?
Pois  comezo entón cun bo mantra:

"Fai máis do que te fai feliz", visto en Rue Magazine

(moita verdá)
Estes pratos tan lindos son de Nuria Díaz. Só vos deixo unha mostra, coma sempre, pero non deixedes de visitar a súa web!

Visto en Nuria Diaz Ilustración


E agora... Receitas! Esta, en concreto, é de Rechupete! Calabacín recheo de pisto de mencía e solomillos de polo... Soa ben!
E sei que non é o prato máis popular do mundo, pero a min a sopa de cebola pérdeme (co que chove mentres escribo estas liñas, máis). Esta receita ademais leva bacon e queixo gratinado nunha rebanda de pan. Pouco máis se pode pedir.

Sopa de cebola e bacon, ñam! Visto en Everyday Food

Confeso que o mesmo día que vin a receita e a gardei para vola poñer aquí fixen a sopa. De lixeira non ten nada, de rica teno todo. Iso si, non se me caramelizou guai a cebola e quedou esbrancuxada. Non se pode ter todo.

Máis receitas loguiño! Téñenme boa pinta estes sándwiches e sopas, un bo almorzo, verdade?

Visto en A Beautiful Mess

Paso correndo á decoración para deixarvos algunhas das imaxes que me gustaron, a ver que vos parecen!

Unha oficina acolledora, vista en Bohodecochic

Nesta entrada hai un piso ben bonito, pero a min o que máis me gustou foron os coxíns...

Visto en Vintage&Chic

Remato con algo molón. Bueno, todo é molón. Pero esto é vintage (léase vin-tá-ghe, porfaplease)... Neste enlace atoparedes unha selección de cabeceiras de series da infancia. Da miña polo menos. A volta ao mundo de Willy Fogg, Bola de Dragón, Fraggle Rock, Mofli... Ainsh! Que tempos!

Boa finde!


31/10/12

Noite de monstros

E acaso non é estraño que ti, humana, teñas esa longa pranta medrándoche do cránio?

29/10/12

Mecanismos

Vía Décalage


Ocultos tras o papel cebola da miña pel
viran mecanismos metálicos
flúen fíos e cables
imitando arterias e veas
na superficie
branca e fráxil, curtida e forte.

Son os lunares faíscas de aluminio
liberadas nun arranque forzado
tirándome do aire
neste motor de explosión
que teño por peito

nestas bielas que tanto refungan
nesta árbore de levas que tan ben baila
nestas buxías que se me acenden nas meixelas
cando a corda llela das ti.

26/10/12

Choutar nas pozas

Vía Décalage

Fóra
vai frío
e venta
e chove
e faise noite axiña.

E a maioría dos días
prefiro quedar dentro,
baixo unha manta,
baixo unha lámpada,
baixo un libro.

Pero hoxe,
hoxe e todos os días que non son a maioría,
quero saír fóra
e choutar nas pozas.

Quero choutar nas pozas
e poñerme pingando,
poñerme coma un pito,
enchouparme toda,

tesa de vento,
azul de choiva, 
feliz
coma unha nena
con botas de auga
choutando nas pozas

mesmo se vai frío
e venta
e chove
e xa é noite.



24/10/12

Marcela

Obra de Maruja Mallo


Marcela corre cos pés de chumbo e o corazón de pedra.

Marcela sempre corre e esvara e cae e máncase máis adentro de onde doe.

Ai, Marcela.


Hai medo en todas as chamadas,

hai bágoas onde debería haber palabras pero,
co tempo, das en crer que
se pensas en todo o malo que pode acontecer
evitarás que suceda.

Non funciona así, Marcela,
e nunca vas durmir tranquila.

Marcela corre cos pés de laios e o corazón ateigado.

Se nin sequera lle queres, deixa de pensar na súa morte.

Se non queres estar cando esperte,
deixa de chorar porque durma.

Ai, Marcela.

22/10/12

Fuxida - versión 2.0

Imaxe inspiradora via Décalage

Ondea o teu gabán no outono que atravesas,
ceibe, plena, estourante,
e vóanche finos cabelos a gargalladas.

El agarda
nun barco de principios de século,
nun andén aló polos anos 50,
na barra dun bar de madrugada.

Trémenche os dedos, parvos.
Báilache o estómago, lelo.
Mesmo se o viches...
[cando?]
Hai nada!

Pero sabes
el agarda
e sorrirá ao entrares na sala,
mesmo se o viches
[cando?]
hai nada.

Pero non hai tempo longo nin curto para estar sen el.
Pero non hai máis que apertas baleiras devecentes de se encher del.
Pero ti corres,
el agarda,
randeeira no horizonte,
randeeiras no corazón.

19/10/12

GUSTOUME... (13)

Fin de semana!
Xa tardaba! Tedes algún plan? Ides a algún lado? Ou só queredes buscar ideas e inspiracións? Se é así, aquí veño eu ao rescate!

Comecemos cantando! Cantade comigo:

Visto en PopChartLab

 Non? Que tal esta?

Visto en Alberto Montt en dosis diarias


Non sei vós, eu xa me rin un bo anaco. Así que imos con máis cousas!

Empezo con ilustradores. Velaquí vos deixo unhas mostras de Arnal Ballester e Elena Odriozola, nominados ao premio ALMA (xa vos falei del, o Astrid Lindgren Memorial Award).

Ilustración de Arnal Ballester




Ilustración de Elena Odriozola



Se vos faltan enerxías, non deixedes de probar estas barriñas de sésamo. Non probei aínda esta receita, pero se sabe coma as barras de sésamo e mel de toda a vida, merece a pena! E a min non me gusta o mel, pero supoño que se compensa co que me flipa o sésamo. Forzas aseguradas!

Despois de coller forzas podedes probar con algunha manualidade, coma estas tazas. Dende que o ano pasado vira unha entrada de tazas pintadas á man ando con ideas para darlle á creatividade cerámica (tuneando cerámica, non facéndoa, iso é nivel 10). Tal intento xa o sufriron, de feito, nos seus regalos de nadal, a miña hermanísima e o seu home. Esta cousa de pintar con pintura de pizarra gústame especialmente.

Visto en A Beautiful Mess

Queroqueroquero electrodomésticos Smeg. Son unha pija, si, que pasa? Pero queroqueroquero. Nunha casa máis ordenada ca esta, si, pero ai que bonitiños son! Pequeno contratempo, hai que ter casa propia... pero xa lle iremos dando.

Visto en RueVintage74

Esta casa tamén está desordenada, pero ten detalles moi curriños, coma esta cama, que parece o agocho perfecto para ler un conto de raposos!

Visto en ABeautifulMess

Máis desorden. Debo de estarme reformando. Algún día deixarei de tirar posavasos coma se fosen surikens.

Visto en RueVintage74


Outro par de descubrimentos:
A luz de cor rosa non existe. Flipando quedei.
Begoña Martínez, tradutora con moito sentidiño, escribiu o outro día unha entrada de obrigada lectura (sen saltarse o vídeo de Michael Jordan) para os que de cando en cando cren que os que teñen éxito non tiveron que facer esforzos para logralo.
E seguindo co mesmo tema, se estades esperando a ver un sinal que vos indique que o voso futuro comeza, non esperedes máis:

Se estás a agardar un sinal, velaquí o está (Visto en DesignSponge)


Para pechar, unha foto que di máis que tropocentasmil palabras. E apertas, claro.

Vía Décalage, verdadeira fonte de inspiración!


ETIQUETAS