Os propósitos de ano novo non son o meu, pero mal raio me parta se non comezo cada ano pensando neles.
É un costume, que lle imos facer, e, sinceramente, non quero deixalo.
Porque coido que para pensar neses novos obxectivos cómpre facer balance do que queda atrás, do que xa se fixo, do que aínda non se fixo, do que non sabemos se daremos feito algún día. E iso é bon. Recapitular, recapacitar e reflexionar é moi bon, crédeme.
Claro que eu este ano que vou dicir, se todo canto teño para rememorar é bo... Non só por ver publicarse o meu primeiro libro, ou por casar e viaxar, senón porque, a pesar dos días malos, que sempre os hai, foi un ano cheo de felicidade. E iso é o que quero lembrar.
E para este aniño que estreamos? Pois toca traballar, e moito. Ese é o meu maior propósito, o propósito creativo. E cólloo con ganiñas, non vaiades pensar, pero tamén con certo medo e algunha inseguridade. É inevitable, supoño.
O propósito creativo vai seguido de cerca polo de moverse e coidarse (que mal se reparten polo corpo os excesos de Nadal, aimimadriña...), e logo o de ler máis, escoitar máis música, ver máis películas, descubrir sitios novos, cociñas cousas novas. En fin... os de todos os anos.
Penso que a frase da imaxe é a que mellor resume os meus propósitos de ano novo:
Make something today even if it sucks
Crea/Fai algo hoxe aínda que sexa unha merda
Claro que si. Hoxe. Todos os días. Cada día.
Este é o mellor dos propósitos, para min: porque vale para escribir (a segunda parte das "miñas crónicas", poemas, este bloguiño), vale para debuxar (á man e á maquina, bosquexos e ideas, cousas que vallan para pendurar da parede, cousas que non vallan para ver), vale para cociñar (este vén do ano pasado: convidar a amigos á casa a probar pratos novos), vale para facer algo de deporte (non é meu forte, a verdade, pero se fago algo, por pouco que sexa, é algo, ou?), vale para facer fotos (para inspirarse, para gardar recordos, para probar porquesiporquequecarallo), etc.
E non importa que o resultado sexa unha merda. Hai que trabucarse, hai que probar, hai que fallar para acertar. E eu prefiro tela cagado que non telo intentado.
E vós?