19/03/14

Stanley

Acuarela sobre lápiz
Sombreado con lápiz
Como vos contei o outro día, á miña morsa faltábanlle cores. Aínda que o papel non era o axeitado (pouca gramaxe), decidín poñerlle as cores con acuarela. Outro(s) día(s), coa acuarela seca, sombreei con dous lápices (un máis brando e escuro, un duro e clariño), ata dalo por rematado. Podería telo traballado un chisco máis, pero estou moi contenta co resulatdo e é un bo entrenamento. Bótolle en falta os bigotes, pero despois de pintado e sen ter reservado os brancos, a cousa non quedaba tan ben como me gustaría. Iso si, o meu amigo (e artistazo!) Marcos xa me dixo como facer e penso armarme cos materiais e probar a facer reservas de brancos moi pronto!



05/03/14

I am the walrus

Non, eu non son a morsa, como di no título, pero non puiden evitar facer a referencia.

Hai días (tardes) que sento a escribir e a cousa sae fácil.

Pásanme as imaxes desa Landereina miña pola cabeza coma se estivese a lembrar unha película. Cando descanso ou paro un anaquiño, a escena na que estou quédaseme en "pause" na fronte e só prosigue cando as mans se pousan no teclado de novo.

Eses días molan. Son días moi produtivos, e a satisfacción ao ver, ao final da xornada, o tempo invertido ou as páxinas resultantes é inmensa.

Hai días (tardes) que non dou nin sentado. Reviso o escrito. Vou a por un té. Corrixo, cambio. Vou a por auga. Boto 2 vidas ao Candy Crush. Poida que saia un paragrafiño, poida que nin media frase. Comeza The Big Bang Theory. Xa o vin. Volvo velo. Collo o caderno de notas e apunto como seguir, reordeno ideas, anoto posibilidades. Comeza How I met your mother. Xa o vin. Volvo velo.

Porque o máis probable adoita ser, nesas tardes, non dar pé con bóla. Así que cambio de tarefa, que tampouco é malo, e debuxo.

Ontes, en concreto, quixen comezar a bocetar animais. Gústanme as ilustracións de animais e sempre penso que me gustaría probar... Que mellor momento que ese no que o corpo che di que escribir non está no plan do día e que as mans precisan practicar!?

Así que, para poder fuxir dos animais que adoitan ocorrérseme para debuxar (estou en fase "hipster-vintage-naïf", creo, e só quero ver raposos e ourizos cachos) busquei un xerador aleatorio de animais. E, claro, existe. E saíume unha morsa. E díxenme "que guai! Unha morsa!". E a morsa dixo que tiña frío e eu púxenlle un xersei de oitos. E, o próximo día que teña o cu de mal asento, heille poñer cores.

Boa semana!

ETIQUETAS