05/06/12

Esqueces

Foto: Sabela Glez. - Camelle, abril de 2012
Contan das pedras que che fan as beiras
e dos felgos que che bailan
os suspiros.

Din das flores que te envexan
e dos tecidos
que te gozan esvarándote ao andares.

Esquecen,
cres ti,
que es máis ca un sorriso
e ti sínteste louza
e ti sínteste pote vello.

Esqueces,
creo eu,
que es só un autorretrato
e que pintaches os beizos
e que pintaches a alma.

04/06/12

Back in business

Foto: Sabela González - Fisterra, abril de 2012
O prometido é débeda. Estou de volta.

Dou por rematado o tuneo visual que xa anunciara, e espero que o rexurdimento creativo lle siga sen tardanza.

O de facer outro blog foi unha idea que rematou no lixo. Xa dá un abondo que facer, así que o de xuntar churras con merinas vai acontecer. Iso si, imos separar as cousas para entendérmonos ben: na páxina EU explícovos como.

E que hai dese libro sen comiñas? Pois creádelo ou non, está ben medrado, pero aínda necesita unhas boas fregas. Xa vos irei contando, que ben o merecedes.

En fin, aquí estou, despois de ir ata a fin do mundo, volvo á orixe e volvo ao meu, tecla a tecla e letra a letra. A gramaticar. Vides comigo?

04/02/12

AWOL

Así lle chaman en inglés a estar ausente sen permiso.
Sinto ter estado ausente sen o voso consentimento (nin o meu, realmente) pero teño varias cousas en construción:

1) Este blog, que necesita un tuneo visual, ademais dun rexurdimento creativo.

2) Outro blog, para non xuntar churras con merinas neste espazo de creación literaria que é a miña Gramática.

3) Un libro. Libro sen comiñas. Hai dez anos non lle chamaba máis que "idea". Hai seis anos chamáballe """libro""". Logo quedou a descansar, por períodos abondo longos, mal que me pese,  ata que hai algo máis dun ano lle din orde a todas as notas, cadernos e arquivos e fun quitándolle comiñas. Agora está medrando un libro, sen comiñas.

Por iso, pido desculpas. Porque non me dá a cabeza nin o tempo para todo e preferín descansar da rede sen descansar das letras. Estounas xuntando nunha festa grande que espero que algún día teña unha última páxina. Tamén espero que poida ser lida, pero iso xa é cousa de ollos doutros e non das letras que eu dispoña.

Dádeme uns mesiños. E seguiremos gramaticando.


23/11/11

Ai, meu


Medran paraugas, medran galegos



Hai terras tan confusas
que fan xermolar paraugas no formigón.
Froito das sementes dun trebón,
medran abertos,
fillos da choiva,
onde os débiles caeron
con baleas rendidas.
Hai terras tan extrañas
que fan xermolar carriza no corazón.
Froito das sementes dun trebón,
medran galegos,
fillos da choiva,
onde os mares non arredan
marabuntas fratricidas.
.
.



08/11/11

7 palabras e unha coma



Son os seus bicos,
vestíndome
de festa.




Foto: Sabela González - Vigo, outubro de 2011

ETIQUETAS