26/03/07

eu


























Por algún estraño motivo, o blogger non me deixa facer estas composicións... Se premedes na imaxe, verédela a un bo tamaño.


22/03/07

Hai xente que non entende os significados das formas

(tanto ten. non é para eles)


pola presente manifesto a miña liberdade.
liberdade para sentir e expresarme.
declárome ser pensante e expresador,
dona do meu corpo e dos meus pasos,
veñan os camiños que veñan.
son, sinto, penso e fago.
erro e acerto.
amo, odio, vexo, oio, digo, choro e berro.
son.


do you think i'm asking too much?
Asking too much -- Ani Difranco

17/03/07

Un no peito

Tiña furadiños polo corpo e asubiáballe o aire ao pasar por eles.


Ás veces tapábaos con algodón, ás veces con corchos.


Outras, parábase a escoitar ata atopar unha melodía
e acompañábaa abaneando a cabeza.


Cando abaneaba a cabeza pechaba os ollos.
Cando pechaba os ollos ás veces sorría.


Se soase unha voz para acompañar a melodía...


Se soase, sacaría o algodón do furado do peito.
Ése era o que máis picaba.




If I had some influence, [girl]
With the powers that be
I'd have them fire that arrow at you
Like they fired it right at me
Maybe when your heart and soul are burning
You might see...
Be Mine -- David Gray

02/03/07

Bicos

hai bicos de bos días e bicos de boas noites
hai bicos nas meixelas e bicos nos beizos
hai bicos húmidos e bicos mornos
hai bicos con apertas
hai bicos apaixoados
hai bicos de despedida

hai mil sitios de min que poderías bicar
probaches todos os bicos
devólvemos
menos un

24/02/07

Fadas


Houbo unha vez un príncipe que vivía nun castelo ao pé do mar. Pódelo imaxinar coma un príncipe azul loiro vestido de prata e ouro, pero en realidade non era así. Eu imaxínoo castaño e sorrinte, falangueiro e ben vestido, coas apertas fáciles e os bicos lixeiros.


Un día, atopou unha fada nun narciso do xardín. Falaron e riron e deron voltas pola herba. Deron en verse tódolos días e quedaron en xogar con rosas vermellas e pingas de choiva.


Pero os príncipes e as fadas non poden adicarse só a xogar. Ao príncipe comezou a medrarlle a cabeza e a inflárselle os miolos de cousas que pensar, a fada tivo que facer as maletas e voar.


As pombas mensaxeiras non abondaban, e doíalles todo coma se as rosas das que falaran lles chantasen as espiñas no estómago. E un día, a cabeza hinchada do príncipe fixo "pum". Abréuselle un furadiño ao pé da tempa, escaparon dous pensamentos e entraron catro máis.


O príncipe foi ao narciso e a súa tristura púxoo murcho. A fada apertouno e el bicouna. Sorriron só un día máis e logo el renunciou ás rosas. Ensinoulle os pensamentos que lle inflaran os miolos e desculpouse antes de marchar.


A fada debuxou flores durante días e regounas con bágoas. Coidáronse un ao outro mandándose apertas nas nubes.

Se cadra, algún día, encolleralle a cabeza de novo e caberalle o meu pensamento. Algún día, atoparémonos no meu narciso, ou noutro. E prometeulle ao aire que seguiría a debuxar flores, e o aire prometeulle que non lle diría a ninguén cando espiase, de vez en cando, pola fiestra, esperando a que ao príncipe lle desinflasen os miolos.




make a list of things you need
leave it empty
except for number one - write love,
gamble everything
keep it under lock and key
if you wanna you can gamble everything for love
Ben Lee -- Gamble everything for love

29/01/07

Shhhhh

Vós non o sabedes, pero en Madrid hai rúas que lle dan a volta ás cousas.


Un pensa que se está achegando ao metro pero en realidade está dado a volta sobre a rúa Areal e ve á xente paseando baixo a súa cabeza. Párase e observa, interesado, e analiza aos transeúntes con ollo clínico. Este mercou zapatos, estoutro vai ao bar, a esta vanlle as quinielas. Logo de cavilar sobre os destinos e as orixes da xente, dáse conta de que está cabeza abaixo sobre eles e non sabe como poñerse dereito.
Mira para os pés e ve que están suspendidos no aire coma agarrados por cadeas, ao fondo as nubes, abaixo a rúa, antes hostil e agora tan desexada.
Chouta e estírase, coa dor nos xeonllos que iso supón. Estira as mans e espera soltarse do seu recén atopado inferno de apresamento. Pero está dado a volta e xa esqueceu que tiña un blog que actualizar. Iso pasounos a moitos, non o neguemos. Só lembra que se quere soltar do ceo e volver á terra, porque hai un límite para todo, mesmo para o bon.
Agarra os nocellos e tira, remexe as dedas e tira da cabeza, e nada o solta do seu engaiolamento. Case pensa que hai nubes ríndose del e que o sol brilla porque escacha da risa. Con xesto anoxado segue a darlle pulo aos membros, a tirar e a se remexer. Xa deixou de mirar á xente, pero a xente segue sen darse conta de que está aí.
De súpeto, un raiola vingadora, coma un superheroe saído dun cómic, rachou as ataduras de nube e el caeu. Caeu de cabeza como da nada pero ninguén o viu. Ninguén ve a ninguén na cidade.
Espertigou, mirou para arriba dende o chan. Alguén achegoulle a man. "Caeu, señor?". Caín, si, di el, coma se non soubera ben de onde. Érguese e segue camiñando. Debino soñar, pensa. Pero a crua realidade é que as rúas de Madrid lle dan a volta ás cousas. E, ás veces, á xente.




E a xente mesmo esquece actualizar o seu blog.




let's get unconscious, honey

bedtime stories -- Madonna

ETIQUETAS