07/04/11

Ingredientes para 2 comensais:


A soidade na cociña nunca foi soidade.

Traspasar a soleira cara ao reducido habitáculo imprégname de calma, ralentiza os meus movementos, dotándoos de suavidade. Na miña pequena cociña móvome lixeira coma se bailase. Pico, corto, removo coa delicadeza de quen toca con paixón unha fermosa peza ao piano.

Na cociña só existiamos eu e os meus ingredientes. Con eles, cociñaba felicidade, outorgándolles a personalidade do que me faltaba, creando historias máis ca receitas, cociñando a realidade para que semellase menos crúa.

A vida na cociña semellaba ser completa. A cebola constituía ese cruel amante ao que non se pode deixar. Picándoa, cremos que conseguiremos cambiala, sacarlle o mellor partido e, neste proceso, non conseguimos máis ca bágoas. Merece a pena, no entanto, pois unha vez que pasa a rozar a tixola, cunha fina capa de aceite de oliva de penetrante arrecendo, a cebola adícanos bailes de ledicia, mentres se torna transparente ou, se o lume é dispensado mainiño abondo tempo, dourada e doce. Sen a cebola, poucas historias de fogóns verían a luz. Se cadra, entre as excepcións, están os fillos máis delicados, coma os bebés biscoito, que deben ser feitos con tento. As sensibles claras erguidas e medradas, combínanse moi paseniño coas xemas, o azucre e fariña, pero o coidado na preparación non queda na mestura. Unha vez no forno, non nos podemos alonxar. Coma quen lle le un conto a un neno, o biscoito debe ser observado, mentres nos ofrece unha beleza incomparable xurdindo do seu molde, dourándose e arrecendendo a cociña de avoa. Tamén se lle contan contos á pasta. Tende o cociñeiro pouco douto a botar a pasta á auga fervendo e a abandonala sen escrúpulos. Nada máis incorrecto: a pasta precisa amor, precisa atención e coidados, precisa dun tempo xusto, correcto, tanto coma dun bon aceite de oliva.

A miña cociña dábame alegrías a centos, sorprendíame cos resultados, mesmo se a idea de engadir novos ingredientes fose miña. Nela descubrín a insuperable sensación que se produce coa mistura de sabores e texturas: o follado estralando crocante entre as encías para deixar paso a unha suave carne de polo, de toques salgados, rechea da suavidade de trigueiros e cebola, e acompañada da dozura da mazá feita compota. Volvín á infancia coas castañas asadas, misturadas coa idade adulta en forma de confit de zancos de pato. Visitei á miña nai entre grelos, fabas e lacón. Sorrín con ledicia ante un bacallau ao pil pil, feito sen trampa, cunha longa vixilancia arrolado na súa cazola.

Adoitaba quedar marinando nesta agradable sensación a cotío, impregnádome das sensacións de olores e sabores, mais, agora confésovos, enganábame entre fogóns. Porque, unha vez que as miñas preparacións tocaban o prato e pasaban á mesa, a maxia esfumábase. Ninguén me acompañaba. Tornábaseme insípida a victoria, o máis delicioso bocado, non tendo con quen compartir a miña creación. De certo viñan amigos ás veces, e non negarei a grande alegría que me supuña, pero a situación cotiá arrastrábame, sen eu sabelo, ao suicidio culinario da pasta de sobre e da pizza prefabricada.

E logo entrou el na miña vida. Pouco a pouco, paseniño, como se desconxela o bonito de miña nai na neveira, e tornouse un compañeiro dos meus ingredientes, e meu, na cociña e na mesa. Nun enganoso corpo espigado, o seu estómago agarda impaciente todas as preparacións, goza coma un neno nunha feira de cada receita e agradece cuns deliciosos beizos calquera invención culinaria. El toma vinganza por mín da cebola, devólveme á infancia mesmo sen castañas e cocíñame a realidade para gozarmos dos sabores da vida, dentro e fóra dos pratos. Se non me engano, mesmo me ten preparadas fiambreiras para o futuro, caldo de polo para os invernos, bonito con tomate para as visitas familiares.

El fíxome bailar entre táboas de cortar á calor do butano, fíxome música co crocante son do pan recén feito e cortoume o tempo en xuliana para que gozasemos xuntos, facendo receitas de bicos e demostrando que a soidade nunca lle gañará á compañía na cociña. Porque ademais, a mín nunca se me deu ben o arroz e el... el ponme cremosa coma un risotto.

*Relato enviado ao certame Adiala 2009

30/03/11

Fotos

Foto: Sabela - Vigo, febreiro de 2011


contigo decateime de que eu non era dixital
na era dixital
e só ti podías darme corda

sen ti, velaríanseme os carretes a escuras,
sobreexpoñeríanseme os ollos á noite

pero estas aí,
e as fotos saen máis bonitas ca nunca
mesmo en rúas difíciles
mesmo en días pintados
reveladas en papel mate de apertas

as que nos demos,
as miles que nos quedan por dar.



08/03/11

Carrapuchiña está farta


Carrapuchiña corre que se mata, carreiro adiante, visiblemente enfadada.
Non sabe que é peor: que logo vaian dicir que andaba parándose coller flores ou que o lobo prefira comer á avoa primeiro. Acaso non sería máis lóxico, pregúntase, paparme a min, papar o da cesta e logo ir con calma papar á avoa?
Para colmo de males, a historia non cambia. Todos os días igual. “Que orellas máis grandes tes!”, terá que dicirlle, para logo escoitar “son para oírte mellor”. Si, home, si. Así, medran dun día para outro. Ai, pensa, se Darwin levantara a cabeza…

Inevitablemente, Carrapuchiña parece parva. Pero, ollo, Carrapuchiña non é parva. Tócalle ir ver ao lobo, peludo e grimoso, e facer coma quen que é a avoa, pero ela sabe ben que non o é, sabe que son esixencias do guión.
O caso é, a quen raio lle ocorreu que era mellor que a vella vivira soa no bosque a vivir na aldea con ela e a nai? Carrapuchiña aposta a que a avoa ten unha aventura co leñador, non hai outra explicación para a perrencha de non se mudar, nin para que o home estea perto da casa para oílas berrar, que o descampado non dá para tanto.

Hoxe é o último día, pensa mentres corre canto lle dan as pernas, xa estou farta de estar nun conto sen príncipe, sen amigos e sen xeito.
Á porta da casa da avoa, para coller aire. Previsiblemente, o lobo está deitado, disposto a comezar coa leria. Abre a porta co sorriso de rigor (ai, avoa, tampouco era mal pechar con chave…) e vai a carón da cama.
“Avoíña! Pero que cara de parvo me tes!”
O lobo queda parado, non sabe como reaccionar e murmura entre dentes “pero que dis! As oreeeellas, as oreeeeellas”
“As orellas o carallo. Comiches á vella? Pois que che preste”, di Carrapuchiña, mentres saca da cesta un coitelo grande e afiado. O lobo abre os ollos, grandes coma pratos, pero antes de dar dito nada, Carrapuchiña rebánalle o pescozo.
“Hala. E morra o conto”.

*Ilustración de "A verdadeira historia de Carapuchiña" de Marc Taeger

Udon


No fondo da cunca, un último fideo afogaba no caldo, desafiándoo, marcando a fin da pausa de comer. Observouno atentamente, como agardando que se esfarelase no líquido por si só; estralaría sonoramente e deixaría agromar na súa lene superficie flores de perfecto branco. A flor da cerdeira.
O fideo non agromou. Pendurouno no ar cos paus e, cando o comeu, comeuse a si mesmo.

O tráfico de Tokio apertoulle o nó da gravata e o aire acondicionado da oficina secoulle as bágoas todas, mesmo as que reservara para algún momento de felicidade no futuro.
Aquel cubículo era o seu futuro.
Yoshiro, sentímolo moito, pero imos ter que prescindir dos teus servizos de agora en diante.
Din servizos, pero é traballo. Digo traballo, pero é vida. Cando apartaches do camiño a persoas, soños e motivos polos que loitar, a silla xiratoria do cubículo é o teu fogar. Yoshiro, se ti só es o teu traballo, que es agora?

Pendurou a corda branca, un fideo máis, un último fideo afogando na pesada escuridade do apartamento. Dunha patada, a cadeira caeu en horizontal sobre o chan. Á súa nai dixéronlle que na corda había unha flor branca. Se cadra ese fideo si agromaba coma as cerdeiras.

17/12/10

Tic Tac

Estou segura 
de que o tempo está a correr máis que hai anos.
É curioso pensar que eu corro moito menos.

09/12/10

Bosquexo de personaxe (IV)


O chef mantivo agochadas durante os dous anos que viviron xuntos a morea de camisas que lle mercara cando se coñeceran. Ela non se decatou de que nunca usaba camisa. Entrou na súa vida e encheulla de caixas, de cousas, de palabras e de choros. Invadiuno de historias de amores rotos que el non entendía, pois nunca tivera un amor de verdade que romper, mentres ela semellaba terse namorado miles de veces. Traía á casa cans perdidos e adicaba o cen por cen do seu tempo a buscarlles un dono, só para chorar pola perda do seu novo compañeiro de xogos, unha e outra vez. Coidaba gatos do vecindario co amor dunha nai, para logo se deprimir baixo a manta no sofá cando o seu amor non se correspondía. Cambiaba a cor dos cuartos e a orde das cousas cada mes e atopaba unha nova vocación cada semana. Pero queríao, ou iso lle amosaba. Tiña apertas para el todos os días, tiña bicos a todas horas, en directo e en forma de chamadas ou mensaxes. Tiña historias para contarlle todos os días, mesmo se eran inventadas. El só tiña sorrisos e palabras de ánimo tímidas de máis para animar a ninguén. E ninguén pode dar toda a vida sen recibir. Como ela non puido dar máis de dous anos de si, mesmo se lle quería, mesmo se cría que, polo que o pasado lle ensinara, o futuro fóra podería non ser brillante.


Non é a historia que nos ocupa, pero o futuro foi benévolo con ela. Deulle un traballo, se cadra algo nimio ou insulso ás veces, mais de agradable monotonía e constante compaña, nunha cafetería calquera. E a cafetería deulle un home. Un home dos que unha di que nunca se fixaría nel, pero o home que toda muller debería querer. Un home feliz, que sempre tomaba un café con leite e unha torrada ás 11:00. Un home cheo de apertas e de agarimos, un home sen berros e sen queixas. Si, era gordiño, pero ela sabía que toda aquela panza era amor, tanto, que lle rebosaba e lle saía pola ollada e polas inquedas mans que sempre o xesticulaban todo, coma se calquera sardiña fose un atún de récord. E foi el, o home que nunca buscara, o home ao que non tivo que roubar o número de móbil con falsas premisas, o que a fixo feliz, a fixo nai, a fixo deixar de chorar frustrada por todo. E bastoulle cunha frase. Hoxe fáltache o sorriso, queres un, que me sobran?

ETIQUETAS