22/02/10

Re: busco recipiente para zume de estrés

a responsabilidade tornóuselle estrés
e deron en sangrarlle as ideas.

pediu unha esmola de comprensión
e coma moitas esmolas
déronlla fóra da casa.

recolléronlle aquel zume de presión
sen luxuria
sen engano
e el cometeu o erro de namorarse da idea
de non ter estrés
ou, se cadra, de non ter responsabilidades.

19/02/10

O resultado

no fondo, non era nin muller nin paxaro.
era unha besta agochada trala dualidade dun descoñecido ser mitolóxico,
o resultado de ser devorada tantas veces,
de térenlle remexido as entrañas
con mentiras.

a salvación, sempre se soubo, está nas ás,
ben dos anxos, ben da águia que unha leva ás costas.


16/02/10

Os meus domingos

Decidimos non celebrar San Valentín.
Non temos nada en contra do día.
Tampouco nada a favor.

A min gústame pensar que te quero igual todos os días.
A ti gústache que os domingos sexan domingos.


Querería dicirlle á xente que os domingos levo unha vida bohemia,
que disfruto dos praceres máis sinxelos da vida dos que sempre falan os intelectuais.

Querería dicirlles que leo os periódicos tomando o café,
que poño a radio mentres me ducho
e logo saio pasear na calma dominical.

Se me chegaran as ondas do mar pola radio
poida que a puxese,
pero o certo é que vexo a tele.
Vexo debuxos animados
con sumo interés
e tomo torradas con aceite co café
con non menos interés.

Logo, mentres non te ergues,
xogo a videoxogos,
escribo,
fago garabatos,
penso qué comeremos
e, entrementres,
vou a cada chisco ao cuarto darche un chucho.

Despois xogarás comigo,
riremos,
arrolarémonos no sofá
e iremos tomar as cañas de domingo,
cos seus dardos e, ao volver á casa,
cos seus bocatas.

Por iso decidimos non celebrar San Valentín.
Non temos nada en contra do día,
tampouco nada a favor.

Pero os domingos son domingos,
e eu quérote igual todos os días.

07/02/10

Unha ducia de bailarinas



Cando se achega a noite,
as bailarinas chegan ao cabaret de incógnito.

Son corpos de pulida madeira de buxo,
carcasas baleiras agás polos enferruxados mecanismos que as gobernan.

Onde a miña vista as perde,
cúbrense de plumas e peles,
de sorrisos e insinuación,
e outros homes gozan dos seus movementos,
mentres eu agardo o día
neste escuro cuarto.

Cando chega o día,
as bailarinas saen do cabaret crebadas.

Veñen a min coas chaves dos peitos na man,
e eu abro con coidado os cofres dos seus tórax.
Amaño as dentadas rodas grazas ás que respiran,
engraxo os seus engrenaxes
e afío as finas agullas que lles lembran que están vivas.

Cando se achega a noite,
volven estar listas para o espectáculo.

Sorprendeume coma ao que máis
a chegada do home da maleta de coiro aquela noite.

Escolleu unha, unha soa de entre unha ducia de bailarinas,
e só a ela lle ensinou o contido da maleta.
Á mañá, foi a última en vir verme,
e veu da man do home da maleta de coiro.

O home sorriume e cedeume a maleta.
Nela, o mecanismo dun reloxo latexaba os segundos incansable.
Seguindo as súas ordes, coloquei o mecanismo no cofre do peito da súa bailarina, 
da bailarina escollida entre unha ducia.

Abandonaron o cuarto da man,
latexando felices ao unísono.

Cando chegou a noite,
once bailarinas entraron de incógnito no cabaret.

Cando chegou o día,
once bailarinas viñeron engraxarse e amañarse,
máis enferruxadas ca nunca,
crebadas de ciumes e envexa.

ETIQUETAS