Deixamos marcas nos libros e nas paredes
e no canto dunha porta, un corazón.
Eu, que tan mal lembro todo,
sorrío ás veces sen vir a conto
e pregúntome se segue alí,
onda o salón de te,
onda as casetes roubadas,
onda as dentadas no cu.
Xa non te roio. Quédasme lonxe.
E os quilómetros non fan senón ferverme no peito
e eu, que tan mal me amoso toda,
sorrío pensando en contos
e pregúntome se son para ti,
coma sempre foron todos,
ou se dar o relevo a eses novos rostros que fixeches
con tanto agarimo como fixemos
no canto dunha porta
aquel corazón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Dime que pensas...