26/09/12

París: Día 1

Como prometín antes de marchar, aquí vos deixo cousas da nosa viaxe a París.
Non hai moito que compartir, pero quedamos moi contentos coas rutas que fixemos e o que vimos, así que vos conto!

Ao pé do Sacré Coeur, o carrusel - Foto AST

Chegamos mooooi tarde a París (quen dixo que o avión era un medio de transporte rápido?) e durmimos abondo para recuperar. Ao saír do hotel para desayunar, asulagounos os fuciños Montmartre.
Que marabilla! En só uns metros de rúa, a Rue Lépic, fan a boca auga croissants recén feitos (cruasáns de verdade, nada deses bolos con forma de cangrexo!), as rotisseries cos polos xirando ao calor dun forno, tendas de queixos (ai! Queixos! Non digo máis), de especias, de comida típica asiática... Un desmadre, falando claro.
Nós escollimos como orixe para todas as xornadas o Lux Café, xusto enfronte do Café des Deux Moulins (vistes Amélie? Ese), que, como todo en París, non é barato se sentas en mesa no canto de quedar na barra, pero que tiña un café máis que decente e variedade de almorzo (baguette à tartiner, croissants, pain au chocolat... todo light, claro).
E logo que? Logo ver cousas! Teño as rutiñas trazadas nun mapa de Google que aquí deixo (pode ser útil!), cos camiños que seguimos e algún sitio que nos gustou.


Ver París nun mapa máis grande

Así que o primeiro día, pola mañá (ruta 1! Xa ides vendo), fumos ver o Sacré Coeur.

O Sacré Coeur - Foto AST


As vistas son xeniais, unha boa panorámica, e se no canto de mirar só dende a fronte da igrexa camiñades un chisco á dereita (según se mira cara a París) vese mesmo a Torre Eiffel. Tamén por ese lado está a Place du Tertre, perfecta para tomar algo! Nós deixámola para outro día...
Sigo por orde!
Baixamos camiñando por bulevares ata o Georges Pompidou. Edificio curioso, verdade?

Centro Georges Pompidou - Foto AST


E comimos por alí, nun sitio que se chama Komptoir e, a verdade, moi ben. Comer en París non é caro, pero ás bebidas chégalles largo. Sempre podedes pedir un "carafe d'eau", xarriña de auga do grifo que é gratis. Despois do Georges Pompidou (ruta 2!) fumos ver o Hôtel de Ville, o concello ou algo parecido: un edificiaco tremendo!

Hôtel de Ville (a foto non fai moita xustiza) - Foto AST


Precioso, inmenso... E de aí paramos ver a Tour Saint Jacques, punto de partida do camiño de Santiago francés, seica!

O río e unha das pontes que levan á Île de la Cité - Foto AST
 

O paseo ao lado do río é moi agradable e as pontes son preciosas, o Pont Neuf, por exemplo, a ponte máis antiga da cidade, malia o seu nome. Subimos ver tamén Les Halles, pero ou se nos escapou algo, ou está todo en obras, porque non había nada que ver por alí agás a Bourse de Commerce, xa saíndo.
Preto estaba tamén o Palais Royal, cun xardín interior apacible e ben bonito.

Nos xardíns do Palais Royal - Foto Sabela González
 
De aí, ao Louvre. Desta non entramos, pero o edificio, gústenvos ou non os museus, hai que velo. Dende aí, ademais, xa se atravesan os xardíns das Tullerías e chégase á Place de la Concorde. Nela, está o obelisco do mesmo nome, xemelgo do que xa vimos en Luxor.

Obeslicazo, da concordia, en concreto - Foto AST

 A xornada turística rematou na igrexa da Madeleine, aínda que logo aínda visitamos a uns amigos que nos convidaron a unhas crêpes e queixos de-li-cio-sos!
Buff, máis ao día seguinte!

2 comentarios:

  1. Este comentario foi eliminado por un administrador do blog.

    ResponderEliminar
  2. E de onde nos virá ese costume de erixir obeliscos?
    (Inda pendente a miña visita a Paris, quizá por iso me encanta ler sobre a xente que viaxou alí)

    ResponderEliminar

Dime que pensas...

ETIQUETAS