15/11/05

Verde

TRD Santiago-Vigo
Novembro, 2000
Unha vez díxenche que, cando chove, o verde, o verde da herba e das árbores, é máis verde ca nunca. Soa simple. Éo. Eu decatárame máis veces. Sempre indo soa. Coma cando vou no tren. Prefiro ir do lado da ventá, coma todo o mundo supoño, e ver pasa-lo mundo, coma se se me movese el baixo os pés e eu ficase queda ollándoo. Vese máis bonito que estando quedo, porque cambia seguido. Ves rías, ríos, campos, leiras, casas, cidades, estacións, árbores... e óllalos coma se fosen un cadro que te abraia, coma por primeira vez e coma se foses un neno que nunca tal cousa vira. E se chove, o verde é máis verde. E o laranxa do outono máis laranxa. E o azul máis azul. E as cores máis cores. E o mundo máis mundo.
Encántame que chova. Ben sei que ás veces farta, pero sempre me acordo das ganas que teño de saír ó medio da estrada e dar voltas e voltas sobre min mesma cos brazos abertos, ollando cara ó ceo, mollándome mentres algunha raiola asoma rindo a miña graza. E ver chover dende a casa. Dende unha casa quentiña, cunha cheminea acesa, lapeando detrás do cristal e dando esa calor que che pon roibas as meixelas, mentres tomas algo quentiño, ou unha cervexa fresca, feito unha bóla no sofá, coa tele posta, se cadra, ou lendo ou escoitando ou mirando o fondo da cunca sen pensar máis que no a gustiño que se está. Eu quero unha casa quentiña. Con cheminea. E boas vistas. Vistas co marco dunha ampla ventá veneciana dende a que ve-lo mundo os dous. Mirariámolo con chulería. Mirariámolo dende o alto, dende o noso pazo nas nubes, con agarimo. Mirariámolo mentres nos apertamos, envoltos nunha manta e sen dicir unha soa palabra. Só mirando. E sorrindo por dentro. E se alguén nos puidese ver, vería aló arriba un cadro de luz amarela, cunha figura de dous corpos unidos, unha silueta, sen se decatar de que só nos ve a nós e nós vemos a todo o mundo dende o noso refuxio.

Unha vez dixenche que cando chove o verde é máis verde, pero seguro que quería dicir outra cousa. Seguro que estaba a soñar esperta con ver ese verde máis verde de tódolos verdes canda ti. Con vérmolo xuntos. Porque teño os pés fríos e non mos quencerían nin mil mantas xuntas. E disque cos pés fríos se ten o corazón quente. Non sei se eu teño o corazón quente. Eu sei moi poucas cousas. Pero as que sei, seinas ben. E ti sabes que é-la manta que mellor me quence os pés e o corazón e a min enteira. Unha aperta é un mar de mantas quentiñas que me envolven e me protexen. Envólvenme toda, mesmo o corazón, e sáenme cóxegas na barriga e sáenme sorrisos e sáenme bágoas. Unha ollada, unha palabra, oí-la respiración, profunda, coa cabeza apoiada no teu ombro e o sorriso dáme mil voltas á cabeza. E pecho os ollos e imaxino que non estamos alí, onde esteamos. Imaxino que non hai ninguén ó noso arredor. Que é un prado verde. Do verde máis verde de tódolos verdes. E o vento fai remuíños, reméxeme o pelo e éntrame o frío por fóra. E sinto os teus brazos, que non sei se son de la ou de que, pero que me dan calor. Danme calor por dentro e danme calor por fóra. Bícasme no pelo. O pelo non sente, pero dime que me bicaches. O pelo ponse contento e baila co vento e cántame que me bicaches. E os ollos aluméanme e pídenme a berros que te olle, porque non hai nada que lles guste máis ollar. Os beizos estíranseme nun grande sorriso, loitando por escaparme da cara e darche mil bicos. Fóxenme as mans para roza-la túa cara, a túa pel, o teu corpo enteiro. Mesmo as pernas queren atraparte, rodeándote. Logo báilame algo por dentro. Baila con cadeiras insinuantes que me fan cóxegas de emoción. Fanme cóxegas de emoción sempre. Cada minuto e cada segundo. E cando non estás quéixanseme as bailarinas. Cáenme as mans, entórnanseme os ollos, chámante os beizos, queren as pernas correr coma tolas para ir na túa procura. E eu dígolles que se calmen. Todos preguntan por que, porque non se queren calmar, que queren estar contigo. Dígolles ós ollos que te van ver outra vez, ó nariz que non esqueza o teu olor pero que pronto poderá seguir explorándote. Dígolles ós beizos que xa te bicarán enteiro, que vas vir. Animo ás mans, pronto camiñaredes por el, dígolles. Coxéganme as pernas pedindo azos para aguanta-la espera e dígolles levádeme logo. Erguédeme e ide paseniño buscalo. E todos se emocionan. As pernas coordínanse, primeiro unha, logo a outra, sen présa, porque aínda que tardemos imos chegar onda ti, e se o camiño se fai longo todos soñamos máis con verte. As mans tiran dos brazos para movelos ó compás das pernas, bailando de contentas. Os ollos só miran ó fronte, espreitando, e saben ben quen es ti e quen non, e quen non es ti tanto lles ten. O nariz respira esquivo, ignorando todo olor que non sexa o teu. Cando te vexo érguenseme as bailarinas. Báilanme por dentro e cántanlles ás pernas que apuren. E apuran. Pero só un pouquiño, sen correr. As bailarinas téñenme unha dinamo dentro que fai que se me encenda unha luceciña na cara, unha luceciña en cada meixela. O sorriso sinte a luz e estírase. Saúdote. Saúdasme. Agora andamos xuntos e ás pernas xa lles dá igual a présa ou a dirección ou a coordinación. As mans non queren estar soas. Díxome un paxariño que están namoradas das túas e non as queren soltar. Ás veces xogan as catro a se ollar, rodéante co brazo para mirar dende o fronte e non separarnos. Lévasme. Lévame onde queiras, pero lévame contigo.

14/11/05

Azul

TRD Vigo-Santiago
Decembro, 2001
Hoxe lémbroo todo. As parvadas, as risas, as bágoas. As cousas sen importancia que son tan trascendentais. Lembras que unha vez che dixen que cando chove o verde é máis verde? Agora vai frío e todo é azul. Branco, ás veces. Branco cando vai aínda máis frío e xea e azul se pechas os ollos e oles o vento. Saes á rúa e éntrache o azul nos brazos, porque ó nordeste non lle importa a roupa e méteche o azul nos ósos. Eu azuléome no balcón na noite, os pelos van e volven e dan lategazos nas meixelas, coloradas pola friaxe. Agárrome os brazos con forza, se cadra porque ó mellor así o frío non me entra máis adentro. Venta tanto que entrepecho os ollos para poder mirar ó fronte, contra a vontade do vento que me azouta. Dou unha volta de 180º e uns cinco pasos e en cuestión de segundos estou a amarelearme na casa coa calor do lume. E ti estás aí. E sorrís. E eu, no colmo do amarelamento, derrétome onda ti no sofá, na luz da lúa, das lámpadas, do lume e do televisor.
Agárrasme e posme colorados os ósos. (O nordés sae dese refuxio, enfadado).
Ás veces penso que estás feito de la ou de plumón coma os edredóns. Os teus brazos deixan a redondez da carne e esténdenseme por riba para darme caloriña. Fúndense na miña pel, que se fai saba. Almofádansenos as cabezas, colchónansenos os corpos... e cando se desamarelea a cheminea imos esvarando, arrastrando os membros polo chan, para deixar que a cama faga o seu traballo. Pero non te penso soltar. Vou ser eu quen despregue a epiderme feita colcha envolvente de trasnos durmideiros coma ti. E mentres te gardo dentro de min coma a un meniño e respiro o teu pelo, pecho os ollos e sorrío... toda feliz e toda contenta, coma unha pícara pequena cun vestido novo. E pouco a pouco quedo durmida e a manta de min desaparece de ti, pero ti e eu quedamos, estufándonos, sorrindo e soñando. Ti e máis eu quedaremos aquí, aínda que ninguén nos lembre. Deixaremos pegadas o un no outro e os dous no mundo.

13/11/05

Gris

TRD Vigo-Santiago
Setembro, 2002
Hai pouco cría que a tristura era azul, coma nas cancións inglesas, coma a música de blues. Sometimes I feel blue. Agora todo semella gris. Coma se estivese sentada neste sofá cun nubarrón sobre os ombros que me chove enriba e me afunde en min mesma e onde me doe, e aí non quero estar. Todo semella gris... un monocromo onde, se cadra, chegarei a sentirme cómoda.
En gris imaxínome nunha película antiga, en branco e negro, co pelo ao Olivia Newton-John facendo de Sandy. Ouh, Sandy.
Xa non somos os amos do mundo, verdade? Pero seguimos estando aquí. Eu estou… e ti, estás aí? Estasme oíndo?
Fáltasme. Faltas dese xeito estúpido no que se non o penso non te boto de menos, e iso asústame.
Voume castigar mirando para a parede, cos brazos en cruz, enciclopedias nas mans e lapis baixo os xeonllos… Mellor prescindo dos lapis…
Por que?
Porque doe máis, carallo!
Por que te vas castigar?
Por asustarme ou por botarte de menos ou por marchar… Non sei…
Ás veces quero verte. Quero verte, pero estás moi lonxe, e xa sabes que non vexo ben de lonxe.

Non me gusta o gris. O gris oprime o peito. Sei que a ti tamén. Boto de menos o azul e dicirche que cando chove o verde é máis verde.
Gustaríame verdearnos. Que voltemos ao technicolor, pero sen cores non podo debuxarnos nada...
Estou confusa, iso xa... O gris sempre foi confuso.
Cando saín da casa a outra noite vin a Orión vixiándome, ou coidándome, ou non sei o que. Orión non ten cabeza. É un soldado fracasado que coida a miña cabeza para que non a perda. O certo é que a perdo igual. Perdo a paciencia, perdo o tempo, perdo os nervos, perdo a conta dos minutos que hai que non miro pola fiestra para ve-lo ceo gris sen Orión o soldado fracasado sen cabeza, que me coida ou me vixía ou non sei que... E pérdote a ti e penso… Penso en Magritte por esas cousas tan raras que pinta. Teño a cabeza perdida e penso cousas raras coma as que pinta Magritte. Unha rosa xigante pechada nun cuarto, ou unha mazá verde tamén nun cárcere de paredes pintadas de amarelo vainilla... Teño claustrofobia. Son unha mazá enorme e quero saír.
E saio. E marcho do teu carón e se cadra algún día alguén pensará que marchei de xeito poético, coma se me fose alonxando na choiva, cun chapeu e un maletín cara ás luces da cidade, ó fondo, os meus cabalos na rotonda, mentres ás miñas costas se debuxa a palabra FIN.
Non sei que facer… e non me podes axudar. «Ti es unha festa e eu son unha noite de semana e estou a busca-la miña chave, pero ti é-la luz da entrada»
[1]. Sabes que quero aluma-la luz, pero o interruptor está onda as cores.

Sometimes I feel blue...

Sometimes I feel grey...

¿?
Setembo, 2003
Ó mellor… ó mellor lembras as cousas que dixen que non cambiarían igual que lembras tódalas datas importantes. Estou segura de que o tes todo escondido nalgún recuncho dos miolos, se cadra xusto enriba da caluga, onde disque se proxectan os soños. Sei que lembras cando eu ría e dicía que moito tiñamos que cambiar calquera dos dous para que non te quixese como te quería… E logo, aquel día, recordáchesmo e dixéchesme que ti non cambiaras… que eu tampouco… Pero se cadra eu si cambiei. Ti ve-la mesma carcasa, pero eu desfíxenme por dentro. O que choraba eran anaquiños de min e, se non os aproveitaba, sabía que non volvería ser eu. Nin para ti nin para niguén. Cando me envolvía en min mesma no sofá, estaba a rete-la eu que intentaba fuxir (foxía para que só me quedara baleiro no interior) e así gardarme un pouquiño máis.
Pasou tempo dende que rachei por dentro. Seino. Dende aquela vou xuntando anaquiños e facéndome de novo, montando pezas coma nun xogo de Tente. Algunhas pezas, coma as do xogo que eu tiña de nena, xa non encaixan ben no sitio. Roínas ou piseinas ou non sei que, outras debinas de perder. E se cadra pensas que me refixen ben e que, se son a de antes, os dous xuntos podemos se-los de antes. Pero sei que a eu feita anacos te rachou un pouco a ti tamén antes de marchar. Non sei se a túa ferida sandou, pero a min aínda che me doe, nalgún sitio entre a íngua e os pulmóns... e non quero romper máis cousas. Xa rompín abondo. Teño medo do que poida facer ou dicir. As palabras poden ser coitelos. Calquera cousa é un arma, se a suxeitas ben.

Aí me tes. Sigo montándome, debuxándome pouco a pouco para facerme forte outra vez, para dar feito comigo, que moito me dou que facer... Estouno conseguindo, non si?
E ti? Dás feito contigo? Se queres, debúxoche un sitiño aquí, ó meu carón, para darche as grazas por axudarme a ordena-las pezas, por termar delas e por lembrarme onde estaban cando as perdía entre as bágoas. Podo debuxarche o que queiras, só mo tes que pedir. Pódesme pedir calquera cousa. Podo face-lo que queiras. Podo facer que asome o sol de entre as nubes e xa verás como, paseniño, nos imos coloreando... Se cadra non xuntos, pero o verde volverá ser verde... e máis aínda cando chova.


____________________________
[1] «You are a party and i am a school night and i’m looking for my doorkey, but you are my porchlight»; Ani Difranco, “Reckoning-Revelling” (2001)

ETIQUETAS