Amosando publicacións coa etiqueta traballiños. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta traballiños. Amosar todas as publicacións

19/03/14

Stanley

Acuarela sobre lápiz
Sombreado con lápiz
Como vos contei o outro día, á miña morsa faltábanlle cores. Aínda que o papel non era o axeitado (pouca gramaxe), decidín poñerlle as cores con acuarela. Outro(s) día(s), coa acuarela seca, sombreei con dous lápices (un máis brando e escuro, un duro e clariño), ata dalo por rematado. Podería telo traballado un chisco máis, pero estou moi contenta co resulatdo e é un bo entrenamento. Bótolle en falta os bigotes, pero despois de pintado e sen ter reservado os brancos, a cousa non quedaba tan ben como me gustaría. Iso si, o meu amigo (e artistazo!) Marcos xa me dixo como facer e penso armarme cos materiais e probar a facer reservas de brancos moi pronto!



05/03/14

I am the walrus

Non, eu non son a morsa, como di no título, pero non puiden evitar facer a referencia.

Hai días (tardes) que sento a escribir e a cousa sae fácil.

Pásanme as imaxes desa Landereina miña pola cabeza coma se estivese a lembrar unha película. Cando descanso ou paro un anaquiño, a escena na que estou quédaseme en "pause" na fronte e só prosigue cando as mans se pousan no teclado de novo.

Eses días molan. Son días moi produtivos, e a satisfacción ao ver, ao final da xornada, o tempo invertido ou as páxinas resultantes é inmensa.

Hai días (tardes) que non dou nin sentado. Reviso o escrito. Vou a por un té. Corrixo, cambio. Vou a por auga. Boto 2 vidas ao Candy Crush. Poida que saia un paragrafiño, poida que nin media frase. Comeza The Big Bang Theory. Xa o vin. Volvo velo. Collo o caderno de notas e apunto como seguir, reordeno ideas, anoto posibilidades. Comeza How I met your mother. Xa o vin. Volvo velo.

Porque o máis probable adoita ser, nesas tardes, non dar pé con bóla. Así que cambio de tarefa, que tampouco é malo, e debuxo.

Ontes, en concreto, quixen comezar a bocetar animais. Gústanme as ilustracións de animais e sempre penso que me gustaría probar... Que mellor momento que ese no que o corpo che di que escribir non está no plan do día e que as mans precisan practicar!?

Así que, para poder fuxir dos animais que adoitan ocorrérseme para debuxar (estou en fase "hipster-vintage-naïf", creo, e só quero ver raposos e ourizos cachos) busquei un xerador aleatorio de animais. E, claro, existe. E saíume unha morsa. E díxenme "que guai! Unha morsa!". E a morsa dixo que tiña frío e eu púxenlle un xersei de oitos. E, o próximo día que teña o cu de mal asento, heille poñer cores.

Boa semana!

20/09/13

O raposo da neve


Na neve porque si. Porque me apetece a min.

Ou porque eu quería facer un mapache pero nos bosquexos a cousa non me convenceu. A verdade é que teño certa debilidade cos raposos (decorativos, sobre todo, sirva de exemplo: 1, 2, 3, 4) e despois de pensar en cambiar ao raposo veume á cabeza esta canción e non houbo volta atrás.

O fondo recórdame ao xelado de menta (cousa boa). Penso que quedaría xenial cun marco negro lisiño.

Os raposos están feitos cun selo de goma vinílica (xa vos amosara aquí e aquí canto me gustou o descubrimento desa manualidade) e pintura acrílica. Están postos ao chou porque, despois de facer moitos números, me guiei pola técnica do "que carallo". E un deles, só un, está na neve.

18/09/13

Cervo xeométrico




Tiña eu teima de debuxar un cervo xa hai tempo.

Vin varias fotos e ilustracións en Pinterest para inspirarme, aínda que o resultado final non é a idea inicial. Estas cousas van cambiando e hai que facer probas, que se non, non se aprende. Eu o de pintar dentro das liñas teño que practicalo ben, a verdade :)

O resultado gústame, aínda que as cores non se aprecian ben na foto: teñen un brillo estraño (e con flash a cousa non melloraba).

Son só catro cores: carmín, verde, amarelo e azul, rebaixados. O que ía ser un fondo de anacos xeométricos tamén, pero en branco e negro, acabou sendo gris, texturizado un chisquiño con branco aplicado con pequenos golpes de brocha e pincel.

Gústavos?




21/08/13

Un vello mariñeiro

Un só. Non son catro metidos nun bote, pero xa me está resoando iso na cabeciña...

O outro día deume forte o mono de pintar e saín mercar uns cantos lenzos. Nunha oda ao consumismo artístico que ás veces me obnubila, volvinme á casa ben cargada con dous lenzos ben grandes e tres "pequenos" (esto é moi subxectivo, penso eu), bocetei un retrato de mariñeiro cos meus novos lápices moleskine (regalazo) e púxenme a "pincelear". Un día relaxado, mono satisfeito, Beluka contenta. Esta é a evolución e o resultado.

Bo día!

14/08/13

Un reino de bolboretas (iv)

Estou de vacacións pero non me esquezo da última entrega das miñas ilustracións para un conto! Se non sabedes cal é, aquí tedes o comezo da historia, aquí o making of da primeira ilustración e aquí a portada e unha mini ilustración para a primeira páxina.

Hoxe remato coas outras ilustracións, a ver que vos parecen. Todas están feitas coa mesma técnica que vos expliquei: debuxo a lápiz, entintado con rótring (aquí en Vigo chámanlles grafos, pero en mi vida, chico...), escaneo e logo color en Photoshop. As sombras fágoas en capas distintas usando "multiplicar" no modo de capa, e os trazados negros elimínoos para darlle bordes brancos a todo.

Sen máis explicacións innecesarias, aquí tedes o resultado!


 Unha maldición escurece o reino e entristece á princesa...

O gnomo Klaus axuda aos dous irmáns que buscan como acabar coa maldición.




A raíña dos vagalumes axuda aos irmáns a saír do labirinto de Teseo.


 O amable cíclope dálles regalos para levaren de volta ao reino.


Miles de mariposas, xoaniñas, vagalumes... A cor volve ao reino!

Xa sei que moi profesional non é (e o das cores nocturas non o levo especialmente ben), pero foi un encargo precioso, unha práctica moi boa e un resulado do que estou máis que orgullosa. Espero que algún día me poña as pilas nestas cousas da técnica e poida facer moito máis.

Apertas!

09/08/13

Un reino de bolboretas (iii)

Non, non me esquezo do conto das bolboretas. Hai que ir pouco a pouco cos contidos, tampouco vos vou a saturar pero, como suporedes, xa está rematado e parece que o autor quedou contento!

Ademais das ilustracións a páxina completa quixen engadir algúns detalles: os separadores son pequenas bolboretas (nada incrible, hai pinceis de Photoshop que as fan) e na primeira páxina hai un paxariño:


Parece que son adicta aos pinceis con efecto acuarela. Non é verdade :)

E aquí tedes a portada rematada:



O texto está feito á man con tinta en papel de acuarela (a posteriori houbo que corrixir unha ponte de máis no 'm'... cousas da escritura estraña dunha), só con iso escaenado, diferentes pinceis e cores e un efecto xogando cos brancos e as sombras, este é o resultado.

Só quedan o resto de ilustracións interiores. Outro día máis!


24/07/13

Un reino de bolboretas (ii)

Aquí tedes a primeira ilustración rematada para o conto do que vos falei.

Lembrades o boceto? Pois despois de escanealo púxenme a darlle cor por partes:




Primeiro cor plana e logo noutra capa, en modo "multiplicar", as sombras.


Os efectos da barba e do pelo da roupa son pinceis de efecto acuarela, superpoñendo capa normal e logo capa en modo "multiplicar" de novo.


Para o vestido da princesa usei pinceis de herba. Cando me puxen a comprobar unhas cousas quitando a capa na que tiña o trazado, dinme conta de que o efecto de que as liñas fosen brancas me gustaba moito, así que xoguei con iso para o resultado final:



A pola seguinte! :)

19/07/13

Un reino de bolboretas

Por fin puiden organizarme un chisco e volver a poñerme coas miñas cousiñas de sempre. Unha desas cousas son unhas ilustracións para o conto que un avó fantástico lles escribiu aos seus netos.
Para min é un pracer ilustrar un detalle tan bonito e espero estar á altura. O primeiro medo é dar con como facelo, que estilo darlle, que técnicas utilizar... e todo isto sen complicarse moito tendo en conta as miñas carencias técnicas, claro!

Primeiro fixen probas de como podería ser a princesa do conto. Probei co estilo de debuxo que máis me gusta e saíu isto:


 Logo pensei en darlle un toque máis simpático, con distintas proporcións:


E mesmo se me ocorreu facela máis realista e logo pegar o rostro sobre collage de cores e texturas:



Finalmente, por fin, vin a idea máis clara e boceteina: o rei apertando á súa filla:


Tras unha proba pouco frutífera (pero sempre boa práctica) con acuarelas...


... paseime á tinta:


Agora falta darlle cor, a ver que tal o resultado. Mantereivos informados :)

05/07/13

A firmar!

Eu xa sei que me repito. Pero teño que repetirme! Non podedes non ir verme toda colorada, nerviosa e acalorada dos nervios (e, polo que dicen, da calor, claro)...

Mañá, presentación do meu libro na Feira do Libro de Vigo, ás 20:00, na Praza de Compostela. Non ten perda.

E ademais fixen un seliño do brasón para a ocasión.

Feliz venres!

14/06/13

Un león


Dáseme fatal dicir que non.

Tampouco vaiades pensar mal, pero é que ás veces me piden cousas ás que non se pode dicir non!
Iso si, co tempo, reducín embolaos, que xa me chega coas miñas cousas varias, e digo que non máis a miúdo.

Pero a isto non. A isto non se pode!

Este é o making of dunha ilustracionciña para o cuarto dun bebé guapo-guapo coma un sol. E unha oportunidade de facer caralladas co InDesign de novo!
Algún día aprenderei Illustrator e todo será máis fácil e artístico, hehe.

Por agora, esta é a miña última aventura cos vectores. 

Primeiro fanse todas as formas con polígonos ou trazados. É máis divertido do que pode parecer vendo ese remexido de raias azuis. Vanse agrupando para distinguir ben as partes e colocando a diferentes niveis para que cando se coloreen non queden por riba pezas do fondo e demais. Pode ir en capas, pero, sinceramente, xa levaba medio león cando me din conta de que estaba todo nunha capa e dixen "boh!" e pasei. Así como volo conto.


 Aí o vedes con cores. Probando, vaia!


 Ao ir traballando pódese ver como vai quedar, sen guías nin formas de liñas azuis, e ao ser vectorial parece sempre perfecto! A min, profana da ilustración, paréceme unha pasada que un feixe de raias e formas queden como quedan...


Tras unhas cantas probas, había que darlle profundidade ás cores. O que fixen foi probar capas de degradados sobre as cores planas das partes e logo engadín resplandores interiores nalgunhas pezas. Os trazos do rostro xa vedes que van cambiando... non sabía que lle pegaría mellor!


Cando quedei contenta co león, dividín a folla para que fose proporcionado e púxenlle un fondo. Moi windows, agora que o penso...

Este é o resultado final! Non foi unha mala proba e gustoulle a quen lle tiña que gustar! A alguén que me debe unha foto do resultado enmarcado, ehem, ehem.
A vós que vos parece?

08/05/13

Un novo debuxo

Gústame moito debuxar con raias finiñas, supoño que vos daríades conta. Tamén me gusta facer probas de anatomía (unha nunca practica abondo a anatomía) así que me propuxen facer unha serie que comeza co debuxo que vos traio hoxe. Espero que vos guste!


Primeiro, un boceto tirado dun libro de fotografía. Escollín este porque a muller tiña un corpo natural e gustoume a idea de xogar con plegues na pel e formas redondeadas. A foto era pequena, menos dunha cuartilla, pero tiña á muller enteira ollándose nun espello no chan. Calquei os contornos para poder facer liñas de referencia e logo trasladeino a unha folla en A3.


As liñas de fóra son a parte fácil. Fágoas primeiro para facerme mellor a idea de por onde comezar... pero a cousa acaba sendo máis que aleatoria, a verdade.


Aí podedes ver un par de detalles e o traballo comezado. Perde moito realismo, pero esta é a idea. Un pouco coma unha macrotatuaxe, supoño!

 

Velaquí o resultado de varias tardes de raíñas! Sempre hai zonas que me gustan máis ca outras, pero probando se aprende!

19/04/13

Máis selos

Pois intentei o que vos contaba, e penso que non quedou mal o resultado... Velaquí o selo co "logotipo" (ten que ir entre aspas, non hai que esaxerar) deste bloguiño meu:


Facer as letras foi difícil de carai, e penso que o resultado non foi tan malo!
Logo quixen probar cun dibuxiño algo máis elaborado e fixen un paxaro abondo grande. Pode ser unha boa proba para estampación en camisetas, por exemplo:

 

É un traballo de chinos e facer os detalles deixa os ollos ben cansados, pero gústame moito a idea, sobre todo para probar estampacións distintas, en tea (que tal un manteliño? ou con paxaros diferentes nunha camiseta?).

Boa fin de semana!

17/04/13

Debuxando!

 Esta semana santa estiven coa familia toda e miña irmá tróuxome un regalo que-te-ca-gas. É un caderno para debuxar, grande, grande, encadernado artesanalmente en pel e con follas grosas e rugosas, perfectas. Directiño do Cairo, nada menos.

Por suposto quedei parva e dispúxenme a estrenalo pero "bien". Qué mellor que cun debuxo que tiña na cabeza rondando xa hai tempo.


Este é o proceso dunha tarde de debuxo da que estou moi contenta (hai moitas –tardes– que non teñen esa sorte).


Un primeiro boceto para colocar as cousiñas e logo imos detallando:


E despois entintamos! Rotring finiño-finiño para todo:


Aquí está a medio camiño, ollo co peixe da esquerda, quedou así á primeira (e eu toda chea, claro):
 

A cola leva raias e raias e raias... É relaxante, non vaiades pensar.


Uns detalles na cola, uns brilliños nas ondas e este é o esultado final:


 Só falta escaenalo e facer probas de cores. Non é o meu talento iso de colorear, pero vai molar. Afirmo.

Apertas!

ETIQUETAS