Amosando publicacións coa etiqueta premios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta premios. Amosar todas as publicacións

22/03/13

Premio de poesía Novacaixagalicia

Antes de marchar de vacacións, déixovos unha nova convocatoria literaria:

XI Premio de poesía Novacaixagalicia

Presentaranse obras dunha extensión mínima de 600 versos, inéditas e non presentadas a outros certames.

Prazo aberto ata o 5 de setembro de 2013.

Premio: 6.000 €

Bases aquí.

15/02/13

Premios!


Semella que, ás veces, cando saen anunciados os certames xa non dá tempo a nada... Así que apuntádeos, que se repiten todos os anos!
Se cadra tedes por aí algo rumiado que valla para participar! Velaquí os dous últimos que me chegaron:

Certame literario de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos 2013
Hai ata o 19 de abril para remitir os exemplares. A extensión debe ser de entre 70.000 e 100.000 caracteres (para isto vale o de contar palabras do word...). O premio é de 3.000 €, unha escultura e a publicación da obra.
Máis información e enlace ás bases aquí.

XVII Certame de Poesía Francisco Añón
Presentaranse poemas inéditos na categoría de idade axeitada. Hai moitas modalidades, así que animade a fillos e sobriños (que sempre hai!).
 No caso dos adultos, a extensión mínima é de 150 versos e o premio de 1.200 € e publicación da obra (hai un accésit con publicación pero sen cartos). Tedes ata o 8 de abril.

30/11/12

Premio Johán Carballeira


Imos acabar este mesiño de novembro con outro certame. Será por premios!

Na axenda da AELG publicouse o anuncio da convocatoria do XVI Premio de Poesía Johán Carballeira: tedes ata o 10 de xaneiro para presentar as vosas obras inéditas de máis de 400 versos. O premio son 1.500 € e inclúe a publicación da obra.

Non será porque non vos aviso...

Se vos interesa, podedes consultar as bases aquí.

E se o voso é o xornalismo, non esquezades que tamén está aberta a convocatoria desta modalidade!


26/11/12

Un par de premios


Supoño que lembrades cando hai pouco vos contaba do certame de narración e ilustración Pura e Dora Vázquez.

Aló por outubro saíu a gañadora da modalidade de narración, Ángela Fernández Rey, coa narración Por que está triste Miañas?. Agora ábrese a modalidade de ilustración, que estará aberta ata o 20 de decembro. Tedes as bases aquí.

Aproveito tamén para vos contar do IV Certame de Poesía María Mariño, no que podedes participar cun só poemiña de ata 100 versos. No enlace tedes máis información.

E que é luns, así que ánimo!


16/10/12

Novidades literarias

Agustín Fernández Paz (Foto: Faro de Vigo)

Esta semana hai boas novas no panorama literario.

Porque unha moi boa nova é a nominación de Agustín Fernández Paz ao premio ALMA. Este é o premio máis importante de literatura infantil do mundo e sempre dá unha alegría ver a un autor dos nosos e de toda a vida (que igual non vos soa, pero listes algo del fijo) nominado para tal honra, un premio a toda unha carreira e non a un número de vendas, como tanto se estila agora.

Noutra orde de cousas, lembrades o premio Pura e Dora Vázquez do que vos falei? Pois a modalidade de narración xa ten gañadora: Ángela Fernández Rey. Queda por ver quen ilustra a súa historia!

Leo tamén na AELG que se convoca un novo premio de poesía, o do Concello de Fornelos de Montes. Non vos podo dar máis datos porque os enlaces non funcionan, pero supoño que este problema se solucionará en breve.

ACTUALIZACIÓN:  Aquí tedes as bases e aquí a páxina do Concello de Fornelos de Montes coa información. O prazo remata o 31 de decembro e o premio son 2.500 €. Se tedes por aí de 500 a 800 versos inéditos ou un ratiño para ilos creando, xa sabedes!

E algo máis haberá, mantereivos informados!

11/10/12

XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

Outro certame de poesía!
Por se vos animades, aquí tedes un pequeno resumo e neste enlace máis información:

As obras presentadas a este certame, cunha extensión mínima de 400 versos, estarán escritas en lingua galega e serán inéditas e sen premios previos.
Os traballos enviaranse por quintuplicado, mecanografados a doble espazo e baixo plica a XIII Premio de Poesía FIZ VERGARA VILARIÑO, Concello de Sarria, Rúa Maior 14, 27600 (Sarria) antes do 31 de xaneiro de 2013.
O premio é único e de 6.000€ (menos retencións), aínda que se poderá declarar deserto.
A obra premiada será propiedade do autor, agás a primeira edición que publicará Espiral Maior.

26/07/12

Certame nacional galego de narracións breves

Outro certame aberto e este é de cousas breves, por se andades faltos de folios cheos!

XXXVIII Certame Nacional Galego de Narracións Breves Premio Modesto R. Figueiredo, 2012

Presentaranse unha ou máis obras inéditas e non presentadas a outros certames que estean escritas en galego, cun mínimo de 5 páxinas A4 e un máximo de 30 (mecanografados a dobre espazo por unha soa cara.

O prazo de presentación remata o 2 de novembro de 2012 e o premio é de 1.000 €. Tedes máis información no enlace do título. A darlle á tecla!

10/07/12

Premio de Ilustración e Narración

Que logo non me digades que non aviso:
O venres publicouse no blog da AELG a convocatoria dun novo certame de narración e ilustración de literatura infantil e xuvenil, velaquí as bases resumidas, máis información aquí:

NARRACIÓN
Presentaranse textos inéditos e orixinais en galego, 6 copias a unha cara e dobre espazo, en tamaño folio ou holandesa, antes do 12 de setembro. O premio establecido é de 1.500€.

ILUSTRACIÓN
Presentaranse un mínimo de dez ilustracións orixinais e inéditas baseadas no texto premiado na modalidade de narración antes do 20 de decembro. O premio é tamén de 1.500€.


11/06/12

Premios Xerais 2012

Marcos Calveiro e María Lorenzo e Manuel Lorenzo (Foto: Xerais)

Xa que o outro día falábamos de premios literarios, vou aproveitar para poñervos a nova dos gañadores da edición 2012 dos Premios Xerais.

O Premio Merlín deste ano foi para Marcos Calveiro por Palabras de auga, mentres que o Premio Xerais de Novela o levaron a parella de pai e filla composta por María e Manuel Lorenzo, coa obra Tonas de laranxa.

Hala. Pa' o ano terá que tocarnos a nós, ou?




07/06/12

Por se vos gusta isto de escribir

Eu aínda teño que me poñer a traballar noutras cousas, eso de diversificar, pero co libro en revisión e co placer inmediato de bloguear, a cousa complícase. Mesmo se non dá tempo para moitas convocatorias, cómpre ter balas na recámara, pois o ano que vén estarán aí de novo!

Por se vos animades, velaquí algunhas convocatorias que aínda están abertas, coa información da Axenda Cultural da AELG:

NARRATIVA 

XIII Premio Vicente Risco de Creación Literaria
Poden presentarse novelas, conxuntos de relatos, ensaios, etc. en lingua galega cunha extensión mínima de 150 páxinas e máxima de 300*. O premio son 6.000 € e a publicación da obra.
O prazo remata o 1 de outubro de 2012.

XXX Premio de novela longa Blanco Amor
Ai, quen puidera... Para este premio presentarase unha novela longa inédita en lingua galega que supere as 150 páxinas* (permítese a doble cara, cun máximo de 75). O premio son 12.000 €.
O prazo remata o 28 de setembro de 2012.

VI Premio de Narrativa Breve Repsol
Para este falta menos, xa que remata o 20 de xullo de 2012, pero ao ser de narrativa breve a extensión é dun mínimo de 50 follas e un máximo de 120. O premio son 9.000€ e a publicación da obra.

POESÍA

XIII Premio de Poesía Díaz Jácome
Este certame ten un límite de idade nos 30 anos. Os orixinais inéditos deberán ter unha extensión máxima de 150 versos**, con tema e metro libres. A admisión de traballos remata o 2 de xullo de 2012 e establécense 3 premios de 1.500, 600 e 300 €, ademais de placa e diploma.

I Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro
Presentaranse poemas orixinais e inéditos (conta o formato dixital) cunha extensión máxima de 150 versos**, tema libre. O prazo remata tamén o 2 de xullo de 2012. Os premios son tamén de 1.500, 600 e 300 €, ademais de placa e diploma.

XXV edición do Premio  Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé
É un premio para novas voces, polo que os autores non deberán ter obras individuais de poesía publicadas.  Presentarase un "libro" de poesía cun mínimo de 300 versos. O premio consiste en 500€ e a publicación da obra na editorial Espiral Maior.
O prazo remata o 29 de setembro de 2012.

___________________________
*Lembrade que a medida para os certames adoita ser de folios DIN A4 a dobre espazo, letra tipo Times New Roman a 12 puntos e a unha soa cara.
**Mecanografados a dobre espazo.

ETIQUETAS