Amosando publicacións coa etiqueta persoal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta persoal. Amosar todas as publicacións

01/10/14

A nova Gramática



Sen perder o que facía deste meu blog o meu blog e sen esquecer todas as entradas que, ao longo dos anos (dende O Café das Letras en 2005 ata esta Gramática orixinal, comigo desde 2009), o foron enchendo, emprendo unha nova fase cunha Gramática de Corpos renovada.

Esta nova páxina persoal pretende unir a vida de escritora coa vida de sempre nunha soa fonte de información e comunicación: www.sabelagonzalez.com.

 Ao ubicarse nun novo blog e enderezo, prégovos que, se me seguides por algún medio sindicado ou sodes seguidores de Blogger, cambiedes os enlaces ou renovedes a vosa subscrición.

O enlace www.gramaticadecorpos.com pasa a redirixir a www.sabelagonzalez.com proximamente e este blog só poderá ser visitado a través do seu enlace orixinal,

Grazas por estar comigo na rede todos estes anos. Vémonos de paseo por ela :)

http://www.sabelagonzalez.com


06/08/14

Ultimamente // Pouca vergonza



Iso é o que teño eu... Pouca vergonza! Se non, non se explica que me tire 2 meses sen actualizar isto... Crédeme que non teño intención ningunha de esquecer o meu blog, é máis, sigo traballando pouco a pouco nun novo e rotundo retuneo, pero ás veces o tempo escapa entre os dedos. Mentres escape facendo cousas, non penso sentirme culpable.

Esas cousas que fixen inclúen rematar de escribir a segunda parte das Crónicas (que, por certo, levará por título Feitizo de Sangue) e, agora, revisala. Ademais, estouno a facer nun novo espaciño que axeitei para fuxir das distraccións do fogar. Está funcionando moi ben e teño a neurona creadora renovada!



Outra cousa que fixen foi a ilustración da Dot nº. 55... e nin vola colguei! Tampouco é que quedase especialmente orgullosa dela. Iso si, a nova, a da Dot nº. 56 (que xa está aquí tamén dispoñible), gústame moito máis:



Pois iso. Que cousas aínda se van facendo. Traballar, escribir, revisar, debuxar, trebellar na web e descansar... E planificar as vacacións, que en menos dun mesiño xa están aí. Mentres tanto, espero ir aparecendo por aquí. E saudarvos coas miñas caralladas.

Ah! E no meu cumple, este ano, fun aos karts!
Brrrrrrrrum!

:*

30/05/14

Ultimamente // Libros e orgullo friki


Vou intentar remediar a deixadez á que teño sometido a este bloguiño meu con estas notas de actualización, por chamarlles dalgunha forma.

Ás veces non hai moito que contar, e falar seguido de traballo, sexa o que paga as facturas ou o que alegra o día, acaba por cargar a caixa. Tampouco quero desbarrar cos plans e ideas que me pululan libremente pola cabeza: disque se se confesan os propósitos diminúen as posibilidades de logralos, así que canto máis queden en petit comité, máis factibles me parecerán... se cadra.

Entre as cousas que andan pasando están as Feiras do Libro, das que sempre vos conto. A principios de mes pasei pola de Santiago e non puiden evitar unhas cantas compras, incluído este marabilloso libro de Miguelanxo Prado, Ardalén, que devorei entusiasmada. Este luns achegueime á feira de Vigo á presentación de Recinto Gris, de Ledicia Costas. O acto foi un encontro moi ameno, a modo de diálogo entre a autora e Marcos Calveiro. E non merquei nada. Igual ata me estou rehabilitando...

Por certo, xusto o día antes, o 25 de maio, foi o día do orgullo friki. Teríaseme pasado tan curiosa data de non ser polo blog de Libros Lectureka, que o celebrou compartindo as frikadas dun dos seus autores.

Non puiden evitar, ao lelo, pensar nas miñas, e pareceume unha boa carallada (se me permitides o termo) para compartir con vós. Xa vos decatariades ao ver a primeira foto desta entrada que algo de Star Wars hai pola casa. De feito, ese casco foi usado un antroido, nun disfraz completo da stormtrooper máis baixiña da galaxia, probablemente :). O Delorean meu-meu non é, pero exhibímolo con compartido orgullo no salón o Flaco e máis eu.

De todas as mostras de frikismo, de todos xeitos, vou quedar coa que á xente máis sorprende (que é unha forma de dicir que me miran coma se estivese tola... eu non lles vou quitar a razón toda...): a miña colección de harrypotters. Teño, coma moitos, os 7 libros da saga. No meu caso, en inglés. Pero tamén teño algúns exemplares noutros idiomas...

Valga de proba esta imaxe:
Parte da colección de harrypotters...

En total, son 22 (máis os 7 orixinais), un de cada lingua e case todos o primeiro volume da saga, Harry Potter e a pedra filosofal. Téñoo en galego, en castelán, en catalán, en éuscaro, en portugués, en francés, en italiano, en sueco, en danés, en noruegués, en finés, en neerlandés, en gaélico, en croata, en polaco, en húngaro, en turco, en ruso, en vietnamita, en tailandés, en xaponés e en árabe.

Podedes mirarme coma se estivese tola. Dáme igual, a verdade. A min gústanme moito e faime unha ilusión inigualable cando un/ha amigo/a ou familiar vai de viaxe e me pregunta se teño o libro no idioma do país que visita. Faime aínda máis cando mo traen e comparo a edición e leo esas primeiras liñas que xa sei de memoria para ver se entendo a estrutura gramatical (ou algo, por pouco que sexa) dese estraño idioma. Hai edicións impresionantes, hai edicións curiosas, hai libros ao revés e libros escritos en liñas verticais, hai debuxos distintos e solapas que agochan sopresas. E eu, que son unha friki orgullosa, sorrío ao velos todos.


23/04/14

Ultimamente // Feliz día do libro!

Vergonza me debía dar pensar canto hai que non actualizo... Pero tampouco me dá tanta, non vaiades pensar.

É difícil sentirse mal cando o tempo está aproveitado. Podía estar máis aproveitado? Claro que si, pero ver o número de páxinas da segunda parte das miñas "croniquiñas" medrar é un sentimento demasiado positivo como para enmerdalo (con perdón pola expresión) cunha perda de tempo tan grande como sentirse mal.

En resumo, niso veñen pasando os meus días ultimamente (despois de traballar, antes de saír as findes, enténdaseme): en escribir.

Outras cousas que ando facendo... Pois aprender a esculpir en arxila polimérica, correr e ler.

En arxila saiume ese raposiño porta-aneis que vedes na foto. E está sentado sobre a miña última lectura, unha recomendación dunha amiga que, polo que estou vendo, atinou de cheo! ;)

O resto das lecturas pendentes están na estantería vertical do salón, canda outras lecturas rematadas (o meu criterio de orde nos libros é un tanto peculiar... pero é orde, prométoo). Por aquilo de que é o día do libro (feliz día do libro!!), déixovos uns retratos desa estantería. Entre as últimas adquisicións, City of Ember, The Book Thief e un que non sae porque está onda os "libros xoia", The Bird King, unha marabilla máis de Shaun Tan.

E vós, que estades lendo? Se a resposta é "nada" ou "non sei que ler", pensade que hoxe é o día ideal para buscar esas páxinas que vos están agardando!

15/01/14

Propósitos


Os propósitos de ano novo non son o meu, pero mal raio me parta se non comezo cada ano pensando neles.

É un costume, que lle imos facer, e, sinceramente, non quero deixalo.

Porque coido que para pensar neses novos obxectivos cómpre facer balance do que queda atrás, do que xa se fixo, do que aínda non se fixo, do que non sabemos se daremos feito algún día. E iso é bon. Recapitular, recapacitar e reflexionar é moi bon, crédeme.

Claro que eu este ano que vou dicir, se todo canto teño para rememorar é bo... Non só por ver publicarse o meu primeiro libro, ou por casar e viaxar, senón porque, a pesar dos días malos, que sempre os hai, foi un ano cheo de felicidade. E iso é o que quero lembrar.

E para este aniño que estreamos? Pois toca traballar, e moito. Ese é o meu maior propósito, o propósito creativo. E cólloo con ganiñas, non vaiades pensar, pero tamén con certo medo e algunha inseguridade. É inevitable, supoño.
O propósito creativo vai seguido de cerca polo de moverse e coidarse (que mal se reparten polo corpo os excesos de Nadal, aimimadriña...), e logo o de ler máis, escoitar máis música, ver máis películas, descubrir sitios novos, cociñas cousas novas. En fin... os de todos os anos.

Penso que a frase da imaxe é a que mellor resume os meus propósitos de ano novo:

Make something today even if it sucks
Crea/Fai algo hoxe aínda que sexa unha merda

Claro que si. Hoxe. Todos os días. Cada día.

Este é o mellor dos propósitos, para min: porque vale para escribir (a segunda parte das "miñas crónicas", poemas, este bloguiño), vale para debuxar (á man e á maquina, bosquexos e ideas, cousas que vallan para pendurar da parede, cousas que non vallan para ver), vale para cociñar (este vén do ano pasado: convidar a amigos á casa a probar pratos novos), vale para facer algo de deporte (non é meu forte, a verdade, pero se fago algo, por pouco que sexa, é algo, ou?), vale para facer fotos (para inspirarse, para gardar recordos, para probar porquesiporquequecarallo), etc.

E non importa que o resultado sexa unha merda. Hai que trabucarse, hai que probar, hai que fallar para acertar. E eu prefiro tela cagado que non telo intentado.

E vós?


08/01/14

Decembro en fotos (e feliz 2014!)

Lembrades cando dixen que quería sacar máis fotos? Debe de ser o único propósito de ano novo que cumprín de verdade, de todo. Certo é que quedou xullo sen entrada, pero pode valer para retratalo esta entrada da Feira do Libro de Vigo, que á fin e ao cabo foi no mes. Novembro tampouco ten unha adicada tal cual, pero a viaxe a Roma, Florencia e Venecia ten que contar para algo.

Chegados a decembro, confeso que pouco teño que amosar, pero non podo rematar 2013 sen fotos, non podo non rematalo como comezou: cunhas botas e abondo frío.

Déixovos mostras dun paseo xunto ao mar furibundo de Burela, o río Xunco espléndido e os meus peuíños, de paseo á súa beira, este Nadal.

Comecemos este ano con azos renovados, desexos e propósitos novos e vellos e, sobre todo, coas mans bailando sobre os qwertys, que hai moito (pero moito) que facer.

Feliz ano! 

23/12/13

Bo Nadal!

Coma quen non quere a cousa, marcho de vacacións de Nadal despois duns meses de blog maltratado.
 Gustaríame ter máis poemas e ilustracións cos que encher este recuncho meu, pero os quefaceres diarios e os compromisos escritoriles gañan na lista de prioridades.

Iso si, estes días din sacado algún momentiño para preparar os agasallos de Nadal da familia: aí vos deixo os materiais cos que estiven fedellando: tinta en degradados verdes, selos tipográficos e de adorniños, cinta washi navideña e o cordeliño que tanto me gusta. Aínda quedan cousas por envolver para levar a Cervo mañá, pero é que para min é un gustazo ver que todo está bonitiño e que aos agasallados lles gusta.

Descansemos, pois, cada un o que poida, disfrutemos dos momentos de tranquilidade, se os hai, festexemos con familia e amigos as cousas boas e riamos por un día das cousas malas, que para iso son as celebracións.

Boas festas!! 
E ata o ano que vén ;)


18/12/13

Venecia

Velaquí a última entrega das fotos da nosa viaxe:

A última parada en Italia da lúa de mel, despois de Florencia, foi Venecia.

Collimos tamén un tren e chegamos á illa polo que chaman a Via Libertà: unha ponte longuísima que só é carrís para coches e a vía do tren... ver ás gaivotas voar sobre o tren era un momentazo-zelda-spirit-tracks tremendo.

Frikismos aparte, chegar á cidade e cambiar as rúas con coches por canais con lanchas de góndolas fai que escape un sorriso. Ademais, en outono, parece que a cidade é ben máis agradable, aínda que a marea estea alta grande parte do tempo (e, en consecuencia, algunhas partes anegadas). Faise de noite cedo e a iluminación non é moi abundante, pero esta vila ben merece uns bos paseos.

Para min foi máis que inspiradora, coa súa atmósfera grisenta, coma Santiago na choiva, coas súas curiosidades coma tiradas dun conto e esa sensación de irrealidade. Ata o último día, o clima acompañounos e, malia o frescor do outono que xa se deixaba notar, disfrutamos de cada minuto da viaxe.

Aí non acabou a cousa, voamos a Madrid (chegar ao aeroporto en barco é unha pasada) e de alí a Gran Canaria. Como non vos quero mal, de aí non ensino fotos: todo foi deixar o cerebro líquido e relaxarse ao sol (eu á "sombrilla", pero vale igual). Unha grande viaxe, irrepetible. Espero que vos gustase.

Un conto acuático...
Fermosas igrexas... medio anegadas. Ten o seu encanto.
Portas ás rúas e portas aos canais, coas lanchiñas ao pé da casa // En moitas rúas hai pozos antigos coma este
Piazza de San Marco con dous palmos de auga. Aos nenos non lles importaba o máis mínimo...
Un clásico coñecido: O café Florian // Unha rúa dun clásico: Calle Tron!
O león alado é o símbolo de Venecia, un símbolo precioso, se me preguntades a min...
Baixo a choiva, este outro león ollaba tranquilo á xente pasar.

11/12/13

Florencia

E sigo coas fotos da viaxe! Xa sei que os contidos do blog están frivolizándose (que tampouco me quita o sono, se vos digo a verdade), pero haivos moito choio e sei duns cantos que prefiren que colgue fotos a esgalla pero que lle dea duro a iso de escribir :) En fin, sigo contando:

Na nosa lúa de mel, despois de visitar Roma, collimos un tren á belísima Florencia, onde pasamos dúas noites.

A cidade en si é preciosa, os monumentos están por todas partes e só camiñar pola zona do río xa é un pracer. O máis impresionante: a catedral. Para entrar nela hai que facer una cola de mil demos, e como o tempo non sobraba, tivemos que deixar pasar a oportunidade. Iso si, dende fóra, xa deixa a mandíbula frouxa!

Velaquí tedes unhas cantas fotos (si, estoume aficionando aos filtros, que lle vou facer). Espero que vos gusten!

Nas paredes do Palazzo Pitti, uns cantos leóns observaban a cola para entrar. Este debía de estar preocupado...
O Ponte Vecchio, foto obrigada. E ben bonita, por certo.
A foto "con bichos" tamén é obrigada :)


A pesar do efecto, xuro que as cores brillan así ou máis: o Duomo, unha preciosidade.
O Duomo é imposible de meter nunha soa foto. Que barbaridades facían estes italianos...

Un paseo polos xardíns Bóboli e un oquiño para unha foto entre o xentío na Pza. Signora.



27/11/13

Roma

 A nosa lúa de mel comezou mooooi cedo. A viaxe polo menos. O martes erguímonos ás 4:30 da mañá, puxemos as farolas e subimos ao aeroporto. Primeira parada no aeroporto de Barajas (que agora é un centro comercial pero coa comida carísima, parece ser) e seguinte voo ás 11:55 cara a Roma.

Serei sincera e direi que, aínda que me gustou moito, me decepcionou un pouco. Se cadra puxera a cidade nun pedestal na miña cabeza, se cadra era mala época, pero o ruído, as masas de xente e esas cousas non son o meu.

Foron tres noites e dous días e medio de moito (moito, moito) camiñar, así que cundeu e disfrutámolo. Si, a pesar do ruído e da xente. Porque unha lúa de mel é para disfrutar, faltaría máis.

Por certo, entrei en modo friki e tirei algunhas fotos panorámicas e esféricas co móbil. Podedes velas neste enlace.


A Fontana di Trevi. As fotos non lle fan xustiza, é impresionantísima. Mágoa de tropocentas persoas arredor...
Bicis e portas molonas. Váleme todo, vaia :)
As pombas son jodonas en todos laos. Piazza Navona, preciosa.
Este mercado parece unha postal, pero non o é. Os postos daba gloria velos.
En inverno, as taquillas para entrar ao Coliseo pechan ás 15:30 (WTF, verdade?). Quedades avisados.
O Baldaquino de Bernini en San Pedro. A basílica é pa' caer de cu. Unha marabilla arrastrando recordos de COU :)
Piazza da Republica. Sorpresa de camiño ao hotel: de día non sobresae, de noite parece Nadal...

22/11/13

Outubro en fotos

Chamarlle "outubro en fotos" se cadra é moito chamarlle... Porque outubro, como xa sabedes, tívome ocupadiña ultimando detalles para iso de casar, e non hai fotos do mes agás polas do "evento".

Cris xa contou a súa crónica no seu blog de moda (grazas!), e eu algo da viaxe deixei caer por twitter. Pero bueno, para rememorar un día precioso (non só climatoloxicamente) e por aquelo de ter outro momento selfie, como din pola rede, aí van un par de instantáneas.

As fotos da viaxe déixoas para próximas entregas que, co voso permiso, virán pouco a pouco, segundo me vaia permitindo escaquearme o meu proxectiño... que xa está ben de tomalo con calma!
:*

E si, os nomes das mesas eran circuítos, claro! A nosa, como non, Mónaco :)

25/10/13

26/10/13



Entre a foto de arriba e a foto de abaixo hai case 4 meses e 24 días.

A quen vos diga que non se pode organizar unha voda en 4 meses e 24 días mandádesmos a min.

Pódese. Vaia se se pode. E, polo que me din, o dos nervios pasa sempre, así que non sei se compensará estar un ano ou así dálle que che pego. 

Igual non vos destes conta de que vos dicía que dixera que si ou insinuaba novas etapas da vida, é normal, pero agora cóntovolo para, como fago tantas veces, poñer excusas: mañá caso e ata o 11 de novembro penso estar todo o offline que me pete, viaxando e disfrutando do meu Flaco.

E á volta... á volta hai moito que facer, así que xa vos contarei e amosarei.



Cadro da imaxe feito por Marcos Puhinger




16/10/13

Setembro en fotos

Ultimamente vou tarde. Pero vou.
Desta volta, non poño excusas, só fotos.
Como vos dixera, estiven de vacacións. Aquí tedes algunha imaxe dos nosos días por Cascais, Sintra, Obidos e Aveiro. Dentro de pouco, tocan máis viaxes. Aí si que vai ser difícil escoller... Pero xa vos contarei.
Bo outono!


ETIQUETAS