13/04/08

O.K.




Había momentos nos que todo se pixelaba.
O meu mundo era recoñecible,
pero pouco nítido.
Había momentos nos que non era meu.
Nada era meu.

Divisaba entre 8 bits recordos de xogos de Atari,
e ansiaba cores novas,
tres dimensións,
o tacto máis electrizante do mundo.

E si, son os meus dedos,
son as miñas mans.
Son os meus sentidos,
ultrapotenciados.
Si, son eu a protagonista da aperta,
son quen non pode pedir máis.

E si, son os teus dedos,
son as túas mans,
e agradezo onde están.
Son as que suben o volume
(ganancias que non entendo,
o potenciómetro da miña pel)
e fan dunha cama baleira unha festa.

Había momentos nos que todo se pixelaba,
pero foron as miñas mans,
foi a miña cabeza,
quero pensar,
a que subiu a resolución.

E agora,
son eu a protagonista da vida,
son quen non pode pedir máis.

Había momentos nos que nada era meu,
agás eu.


ETIQUETAS