29/12/09
De portais dimensionais
A Ponte de Rande éme a emocionante porta de volta á cidade de Vigo, tras unha longa viaxe de tres horas. Haberá a quen tres horas non lle parezan tanto, pero sen saír de Galiza, vaille chegando. Cando fago a ruta á inversa, o punto xeográfico no que sei que estou na casa é un anaquiño pequeno de costa, pasado Foz, onde hai unha casa vella, abandonada, se cadra, a cal, pechando só un chisco o ángulo de visión, semella estar soa nunha costa báltica fría azoutada polo cruel mar.
Hai varias formas de ir a Vigo, pero eu vou pola N-642 á N-634 e logo ata o tramiño de A-8 que hai aló por Vilalba e ata Baamonde. En Baamonde xa se colle a A-6 e nela séguese ata enganchar coa AP-9, aló por Arteixo, para tirar ao sur, todo recto, ata a saída 5v.
Ou ía.
Digo ía porque veño de dar cun achádego incrible e fascinante que pode alterar a miña ruta e acurtala mesmo dúas horas! Temo, iso si, que ao compartila con vós desapareza este novo camiño. Moitas cousas boas desaparecen cando moita xente descubre que son boas. Como as cervexas a un euro e os solares libres en Barreiros.
Fixen a miña descuberta o domingo, volvendo a Vigo da miña visita de nadal á familia. Aló pola N-634, preto dunha estación de servizo e dun camiño tortuoso a Vilanova de Lourenzá, onde o asfalto amosa o grave maltrato sufrido pola construción da A-8, hai un cartel que sinala o camiño para O Grove.
En anteriores viaxes eu pensara o mesmo que estaredes a pensar vós. Hai un sitio por Lugo que se chama tamén O Grove. Pero o domingo debía estar eu creativa e díxenme, que carallo, vou probar!
Puxen o intermitente (hai que poñelo, en serio, aínda que sexades vigueses) e virei cara ao estreito camiño. A senda alonxábase da estrada nacional cobregueando cara aos eucaliptos, que semellaban irse anicando sobre ela, restándolle luz e dándolle un toque tétrico que non me gustou chispa. Seguín conducindo e un par de minutos despois, as árbores fóronse arredando do meu camiño. Respirei de novo, detívenme no cruce ao que viña de chegar, e analicei os arredores.
Un cartel rezaba de novo "O Grove" pero, desta volta, estaba na PO-316, no mismísimo Salnés.
Non é que non teña eu interese en ir ao Grove, debeu ser da emoción, que tirei cara a Vigo directamente.
Se cadra na miña próxima viaxe o volva probar e lles tome unha alí no porto, ou se cadra probarei se o cartel de Cabanas que hai en Nois leva ás fragas do Eume.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)