28/09/12

Dúas velocidades

Axexan nos tellados
e míranme non durmir.

Hai vida,
penso asombrada,
cando eu non estou.

Hai xente,
descubro na escuridade,
cando eu non son.

Mil metáforas do tempo
dinme que terei sono,
que elas non deixan de avanzar
e que
cando as semanas se fixeron minutos
me perdín polo camiño.

Dinme que terei gasolina para chegar
pero,
se cadra,
non estou no carril axeitado.

26/09/12

París: Día 1

Como prometín antes de marchar, aquí vos deixo cousas da nosa viaxe a París.
Non hai moito que compartir, pero quedamos moi contentos coas rutas que fixemos e o que vimos, así que vos conto!

Ao pé do Sacré Coeur, o carrusel - Foto AST

Chegamos mooooi tarde a París (quen dixo que o avión era un medio de transporte rápido?) e durmimos abondo para recuperar. Ao saír do hotel para desayunar, asulagounos os fuciños Montmartre.
Que marabilla! En só uns metros de rúa, a Rue Lépic, fan a boca auga croissants recén feitos (cruasáns de verdade, nada deses bolos con forma de cangrexo!), as rotisseries cos polos xirando ao calor dun forno, tendas de queixos (ai! Queixos! Non digo máis), de especias, de comida típica asiática... Un desmadre, falando claro.
Nós escollimos como orixe para todas as xornadas o Lux Café, xusto enfronte do Café des Deux Moulins (vistes Amélie? Ese), que, como todo en París, non é barato se sentas en mesa no canto de quedar na barra, pero que tiña un café máis que decente e variedade de almorzo (baguette à tartiner, croissants, pain au chocolat... todo light, claro).
E logo que? Logo ver cousas! Teño as rutiñas trazadas nun mapa de Google que aquí deixo (pode ser útil!), cos camiños que seguimos e algún sitio que nos gustou.


Ver París nun mapa máis grande

Así que o primeiro día, pola mañá (ruta 1! Xa ides vendo), fumos ver o Sacré Coeur.

O Sacré Coeur - Foto AST


As vistas son xeniais, unha boa panorámica, e se no canto de mirar só dende a fronte da igrexa camiñades un chisco á dereita (según se mira cara a París) vese mesmo a Torre Eiffel. Tamén por ese lado está a Place du Tertre, perfecta para tomar algo! Nós deixámola para outro día...
Sigo por orde!
Baixamos camiñando por bulevares ata o Georges Pompidou. Edificio curioso, verdade?

Centro Georges Pompidou - Foto AST


E comimos por alí, nun sitio que se chama Komptoir e, a verdade, moi ben. Comer en París non é caro, pero ás bebidas chégalles largo. Sempre podedes pedir un "carafe d'eau", xarriña de auga do grifo que é gratis. Despois do Georges Pompidou (ruta 2!) fumos ver o Hôtel de Ville, o concello ou algo parecido: un edificiaco tremendo!

Hôtel de Ville (a foto non fai moita xustiza) - Foto AST


Precioso, inmenso... E de aí paramos ver a Tour Saint Jacques, punto de partida do camiño de Santiago francés, seica!

O río e unha das pontes que levan á Île de la Cité - Foto AST
 

O paseo ao lado do río é moi agradable e as pontes son preciosas, o Pont Neuf, por exemplo, a ponte máis antiga da cidade, malia o seu nome. Subimos ver tamén Les Halles, pero ou se nos escapou algo, ou está todo en obras, porque non había nada que ver por alí agás a Bourse de Commerce, xa saíndo.
Preto estaba tamén o Palais Royal, cun xardín interior apacible e ben bonito.

Nos xardíns do Palais Royal - Foto Sabela González
 
De aí, ao Louvre. Desta non entramos, pero o edificio, gústenvos ou non os museus, hai que velo. Dende aí, ademais, xa se atravesan os xardíns das Tullerías e chégase á Place de la Concorde. Nela, está o obelisco do mesmo nome, xemelgo do que xa vimos en Luxor.

Obeslicazo, da concordia, en concreto - Foto AST

 A xornada turística rematou na igrexa da Madeleine, aínda que logo aínda visitamos a uns amigos que nos convidaron a unhas crêpes e queixos de-li-cio-sos!
Buff, máis ao día seguinte!

24/09/12

GUSTOUME... (10)

Vouvos facer unha trampa. As entradas "esta semana gustoume" convertíronse, por arte de birlibirloque, en "gustoume...", sen máis. O porqué é abondo evidente, creo eu: manter o ritmo semanal é difícil e sentirse mal por romper o ritmo semanal é inútil. E estas querencias son atemporais, se nos poñemos tontos, porque depende máis de cando descubro eu as cousas que de cando son, non si? Preséntovos, entón, un novo "gustoume". E van 10.

Teño un porrón de cousas e vou intentar filtrar. Intentar, palabra clave.

Empezamos con bonrollismo:

Visto en muymolon.com

E seguimos con tema cociña! Como non! A gochiña americana esta que me encanta trae un polo ao forno con ensalada de verduras asadas que hai que probar. E nun blog de receitas vexetarianas (ou veganas, creo) que sigo (é moi interesante, non digades bohp sen velo!) vin esta semana unha receita cunha pinta xenial!

Coliflor tandoori con chutney de menta. Brutal. Visto en My New Roots

 E non pasarei de probar a facer chips de mazá caseiros! Creo que está aprobado para a miña dieta... e se non, vós caladiños e todos contentos.

Deixo o tema culinario cun post interesante sobre canto tempo se poden deixar os alimentos na neveira e no conxelador. Logo non lle faremos caso, pero aí está.

Algunha vez vos preguntastes como son os apartamentos das series? Pois Iñaki Aliste o que fixo foi debuxalos. Eu coido que hai algunha imprecisión, pero molan moitísimo.

O apartamento de Ted Mosby, por Iñaki Aliste Lizarralde, visto en nometoqueslashelveticas.com

 Gústanme os cadros sobre o sofá. No meu caso, agora mesmo teño dous abstractos, pero a ver se un intento que teño en marcha sae como debe e vai para o lugar de honra.

Tamén me gustaron moito estes coxíns.

Visto en decoesfera

Tamén me gustou este xersei con ganchillo. Que cousas!
Cociñas! Hai cousas que non cambian. Estas son monéeeeesimas.

Para a casita de campo :) Vista en decoestilo

E esta para min... Aiiii, que bonitiña! Vista en decoestilo

Se necesitades novas estratexias para ser máis eficientes no traballo (e sufrir menos, enténdaseme), non deixedes de ver o blog thinkwasabi. Esta entrada en concreto, por exemplo, sobre a planificación intelixente, é moi interesante.

Para rematar, se vos queredes divertir un anaco, botádelle un ollo a esta "caixa de música". Divertidísimo, oiga.


21/09/12

Fin de semana!

Imaxe da exposición de Cinta Arribas
Venres!
Sempre están ben, os venres.
Deséxovos que pasedes unha boa finde e déixovos algunhas ideas e cousas interesantes. Despídome ata luns, que volverei á carga, volta ao cole, volta á publicación habitual, que está moi ben. Nada de ter a cabeciña parada, iso é malo, dígovolo eu.

Se non tedes plan (e vivides preto de Vigo) achegádevos ao barrio de Navia: alí celébrase o I Certame Anual Galaico Romano - Vicus Spacorum. Postos pola rúa, actividades,... Que carallo, romanos! Aquí tedes toda a información.

Se estades por Santiago, non vos perdades a exposición de Cinta Arribas no Gato Cósmico. O sitio mola, a exposición máis!

Máis cousas! Por algo leva esta entrada a etiqueta "escribir". Déixovos información sobre un Obradoiro de Poesía que impartirá Antía Otero. Na axenda da AELG tedes a información resumida.

Outra iniciativa literaria, os clubes de lectura da biblioteca central de Vigo. Hainos en diferentes idiomas, soa interesante!

Por último, se vos vedes con ganas, o domingo 23 celébrase a I Carreira Popular 10k en Samil. Haberá tamén carreiras xuvenís, patinada popular (para isto non sei se estou preparada... claro que para correr aínda menos!) e outras actividades.

Será por cousas que facer! A desfrutar da finde!

15/09/12

La rentrée

O Marisquiño, 2012 - Foto: Sabela González

Aló vai o vrao.

Xa sei que para algúns rematou con agosto, e que para outros a calor que vai é abondo para crer que segue aí, e mesmo sei que astronomicamente aínda lle quedan uns días, pero a min tócame volver ao choio o luns e sinto que remata ao bestia, falando claro.

Con todo, deu para abondo cousas, non nos podemos queixar, viaxe incluída e merecido descanso coido que ben aproveitado.

Agora toca a volta "ao cole" e, por suposto, hai mil plans e ideas que poñer en marcha. Ímoslle dando?
:*

06/09/12

París!

Oh là là!

Imos a París!
5 días de oh là là e logo algún día máis libre ai lalelo!
Esta foto é xenérica, pero á volta haberá fotos xenuinas e auténticas!
Ata pronto!

Na miña casa...


Unha idea de manifesto para poñermos na entrada. Todo importante!


05/09/12

Crooked Teeth

Outra de Death Cab for Cutie que non inspirou algo tan elaborado pero que ten unha estrofa que me encantou.

I'm a war of head verses heart
And it's always this way
My head is weak, my heart always speaks
Before I know what it will say

Esta é a versión do libreto do CD, aínda que por aí pulula o verso "I'm a war of head versus heart". Esta versión ten máis sentido, pero que mellor guerra que a da cabeza, os versos e o corazón? Aí volo deixo.

Head, verses, heart



03/09/12

I will follow you into the dark

Na praia, estiven escoitando algunha canción para ver que se me ocorría debuxar. Escoitei moitas veces, sen cansar, este tema de Death Cab for Cutie do que vos deixo o video.
Inspirado nunha estrofa de I will follow you into the dark

01/09/12

Unha proposta interesante

Imaxe tirada de La Voz de Galicia

Hai pouco descubrín unha iniciativa moi interesante que presenta Axóuxere Editora. A cousa trátase dunha especie de convocatoria para gozar dun retiro creativo.
 Este programa de residencia para escritores propón ao agraciado ou agraciada pasar unha tempada (máximo 30 días) nun entorno envidiable para se inspirar, traballar e producir un material publicable.
Para conseguilo, non hai máis que presentar unha idea do proxecto, de acordo coas bases. De saír elexido, o compromiso é simple: terás casa, lugar de traballo, wi-fi e praia moi pretiño a cambio dun obradoiro e/ou charla e o que crees para publicárencho!
Non é interesante? Animádevos!
Tedes toda a información aquí.



ETIQUETAS