26/12/12

Felices festas!




Vou facer un pequeno alto blogueiro ata o ano que vén. Son só uns días para volver con ánimos, fotos, textos e cousas novas e renovadas.

Felices festas!

24/12/12

Cousas de nadal


Un agasallo floral
Este nadal, coma o nadal pasado, ando motivada cos agasallos bonitos e as pseudo-manualidades (a miña habilidade manual coas tesoiras impídeme chamarlle manualidades de verdade).

Un primeiro agasallo, que realmente foi de cumpleanos e non de nadal, é este que vos traio. Isto é o que se pode facer cun sobre normaliño, cordel de cores e un rotring finiño. E un par de horas de diversión debuxando. Non quedou mal, ou?


Un debuxo con bolboretas para a mestra das bolboretas. Iria si que sabe de manualidades e cousas bonitas. Botádelle un ollo ao seu blog aquí mesmiño, merece a pena!

Feliz noiteboa!

21/12/12

No noso salón

Aló polos 90... - Sabela González

Por fin está rematado e colgadiño sobre o sofá. Esta carallada (que é ben grande, por certo) levaba torturándome penso que hai xa máis dun ano. Unha capa de vermello, uns anacos de póster, logo recortes e logo pintura sobre os recortes... E logo un día vén un arrebato que unha confunde con inspiración e bota brochazos e pintura ao tolo. E, que vos vou dicir, a min gústame o resultado (e o ben que vai cos coxíns nin vos conto).

Bo nadal!

19/12/12

Inverno


O inverno azul rezuma agoiros para algúns,
pero a min ábreme as flores,
na noite,
agrómame primaveras,
no vento.

17/12/12

QWERTY



















Ao outro lado atoparei o que busco.

Transportareime á nova dimensión ás agochadas,
primeiro,
e volverei onda ti cada noite
coma se nada.

Logo,
un día calquera,
mergullareime nela de cabeza
berrando
Jerónimo
Eureka
ou, se cadra, o teu nome.

Podes vir comigo
[ven!]
aquí,
onde os qwertys me susurran e sosegan
e os pianos son máquinas de escribir,
onde me peino con pinceis á mañá
e os lápices cantan cancións de amor.

14/12/12

O camiño


Había un camiño correcto,
había un camiño fácil,
e había un camiño soñado.

Onde serpentean e se entrecruzan,
onde facemos as pausas do traxecto,
respiramos un intre, soñamos, e
ás veces
decatámonos:

 sen medo ás alturas,
os tres son posibles.

Onde agarda a fin da ruta correcta,
no destino da senda fácil,
abonda apoiar a palma da man
sorrir
e dar media volta,

e correr,
como se corre ás randeeiras
como se corre na choiva
cara ao soño,

o camiño máis longo,
a vereda máis ampla,
o sorriso máis profundo,

onde abonda apoiar a palma da man
sorrir 
e dicir
"casa".

12/12/12

Moby




Podedes chamarme Ismael
aínda que non lérades a súa historia.
Eu tampouco a lin,
aínda,
pero gústame pensar que poderei,
mesmo se me engule unha balea.
Entón,
se cadra,
poderedes chamarme Pinocho.







05/12/12

A águia do taboleiro

A águia do taboleiro - Sabela González, Dot: 46

Xa sabedes qué cousas escribe Sergio para a Dot e xa sabedes que eu intento que os meus debuxos estean á altura! Quedei moi contenta con esta águia e, aínda que parece mentira, non sabedes o absorta que quedo e o que me relaxa facer eses centos de raias.

Se vivides tan fóra do mundo que non vos subscribistes aínda ao boletín semanal da Dot, deberiades facelo aquí. E se queredes ver o último número, podedes lelo e descargalo aquí mesmiño!

E, por suposto, ide á páxina 27 para admirar o meu debuxo e ler o texto de Sergio. Home no!

03/12/12

GUSTOUME... (16)

Xa é decembro!
Sei que a moitos non vos emociona isto do Nadal que se achega, pero a min ségueme gustando coma cando era pequecha, así que comezo este mes con ilusión e sorrisos cando os faros dos coches reflicten nas rúas molladas.

E sen máis dilación, comezo cunha boa ilustración para un mellor libro:

Visto en Kireei

Antes de seguir coas cousas de hoxe, un consello culinario importantísimo, aquí. Por se non vos pica a curiosidade como para clicar no enlace, xa volo digo eu: o béicon ten que quedar crocante!!!! Nada desas entrefrebas moles dos bocatas mediocres. Cro-can-te. E ben tranquila que quedo compartindo esta sabedoría.

Pasemos a outras cousas...

Xa que, como vos digo, se achega o nadal, aínda que se polo Corte Inglés e IKEA fora comezaba a se achegar en agosto, isto é un bo consello:

De La Casita de Wendy vía Kireei

E para ir pensando en agasallos, para min mesma e para os meus, sempre hai listas e ideas pola rede. Listas coma esta, de libros molóns, e ideas coma os raposos. Si, os raposos sempre molan, en boneco, en pucho e en luvas!

Visto en Kireei

A nota decorativa déixoa con este escritorio. Hai un montón de imaxes de espazos de traballo pola rede e hainos verdadeiramente inspiradores. Este, por exemplo, non está mal para un cuarto xuvenil, ou?:


Visto en Kireei

Dous verdadeiros profetas... Non vos perdades este video que prediciu a crise.
Xa que estou con videos... a peli deste trailer ten boa pinta. Curiosa premisa, pode ser interesante. Tamén pode ser unha cagada. Pero pode ser interesante.
E o último video, a historia do póster da xa famosa frase "Keep calm and carry on". Aquí o tedes. Non perdades detalle da libraría da que saíu, é un paraíso!

Apertas!

Gústanche todas estas cousas tanto coma a mín? Podes seguirme en Pinterest e velas máis a miúdo!

ETIQUETAS