28/02/13

Cambio de imaxe

Se entrastes ler isto ou vos pasastes por aquí ultimamente non é nada novo o que vos conto, pero a gramática cambiou de imaxe!

Non estiven folgando todo este breve mes de febreiro, senón aplicándome en darlle un novo aire ao blog. E xusto onte puxen os toques finais... polo menos por agora!

Grazas a un cursiño online que penso que foi unha boa inversión, púxenme mans á obra e aprendín a darlle forma ás cousas que quería cambiar. Axudaron tamén os pinceis de Photoshop para descarga gratuíta e moito argallar pola rede para procurar ideas. O resultado é este que vedes, cun perfil actualizado, as seccións para atopar as cousiñas ben no seu sitio. Ademais do perfil de Pinterest que xa coñecedes, onde colgo as imaxes que me gustan e inspiran, ando agora tamén en Twitter, chiando, como din agora. E coma sempre, tedes a suscrición ao feed RSS*.

Espero que vos guste. Agora, toca seguir dándolle contido!
Apertas!



______________
*Pregúntaste que raio é un feed RSS? É o enlace que se usa para engadir un blog ou páxina con RSS (con actualización de contidos notificada, por chamarlle algo) a un lector. Lectores de feeds hai uns cantos, eu, por exemplo, uso Google Reader: engádense a el as subscricións e tes todas as actualizacións dos teus blogs favoritos todas xuntas, sen ter que ir navegando entre enlaces de favoritos.  
ACTUALIZACIÓN 14/03/2013:  Google vén de avisar de que pecha o Reader... a ver que alternativa atopo! Menuda peniña!

15/02/13

Premios!


Semella que, ás veces, cando saen anunciados os certames xa non dá tempo a nada... Así que apuntádeos, que se repiten todos os anos!
Se cadra tedes por aí algo rumiado que valla para participar! Velaquí os dous últimos que me chegaron:

Certame literario de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos 2013
Hai ata o 19 de abril para remitir os exemplares. A extensión debe ser de entre 70.000 e 100.000 caracteres (para isto vale o de contar palabras do word...). O premio é de 3.000 €, unha escultura e a publicación da obra.
Máis información e enlace ás bases aquí.

XVII Certame de Poesía Francisco Añón
Presentaranse poemas inéditos na categoría de idade axeitada. Hai moitas modalidades, así que animade a fillos e sobriños (que sempre hai!).
 No caso dos adultos, a extensión mínima é de 150 versos e o premio de 1.200 € e publicación da obra (hai un accésit con publicación pero sen cartos). Tedes ata o 8 de abril.

13/02/13

Mans

Mans - Sabela González, Dot:47

Xa está na rúa a nova Dot. Coma sempre, pódese descargar en Issuu neste enlace. Desta volta, o tempo obrigou a mesturar fotos e debuxos, pero a verdade é que, a pesar das présas, gustoume como quedou.
Iso si, non me comparedes coas ilustracións de Nuria Díaz, que pon imaxe á portada deste número. É unha ilustradora da que xa vos falei, pero nunca está de máis lembrar as cousas cando molan tanto, verdade?


12/02/13

Xaneiro en fotos


Un dos meus propósitos de aninovo é sacar máis fotos. Xa é febreiro e por agora parece que o propósito aínda non esvaeceu... Esperemos que siga así! Velaquí o meu xaneiro. Espero que vos guste.









11/02/13

O retorno


Deixeivos no abandono un mes enteiro... Pensaredes que me casquei unhas vacacións do copón, pero non foi tal. Xaneiro volou, como bo xaneiro e, con tanto traballo os plans e ideas fóronse acumulando. Son cousas que pasan, pero mellor sería que pasasen pouco. Por iso, volvo á carga con cousas novas e moitas ganas. Tempo... tempo, pouco. Pero que vos vou contar que non saibades.
Feliz ano!

ETIQUETAS