31/05/13

Maio en fotos

Non vou mencionar o tempo. Media fina, media gorda. Abrigo peludo, cazadora de choiva. Camiseta e punto, sacar xerseis da caixa. Ou si. Hala. Vaia tempo noxento! Que non vai haber verán? Bueno, podería ser peor. Pero é que non hai nin primavera, carallo! En fin, maio non estivo tan mal, mesmo parece que para esta finde nos vai dar tregua. Tamén deu para paseos e deu para unha finde de ponte en León moi ben aproveitada. E para algunhas fotos! Aí van unhas poucas!



29/05/13

Coliseo

Coliseo - Sabela González, Dot:49
 Desta volta, Sergio pasoume a primeira versión do texto con abondo tempo e puiden debuxar con certa calma. Tinta, escaneo en modo puzzle (o A3 non cabe enteiro, pero non se nota tanto, ou?) e pintado no Photoshop. Hai dúas versións de escudo... a ver cal queda mellor!

Aforro dicir que lle botedes un ollo á web, á revista e ao boletín? Non o creo...

Nuns días, nos puntos habituais, a nova Dot... con esta ilustración miña, claro :)

24/05/13

Choiva

Pecho os ollos e pérdense os sons da miña mente. Sigo oíndo a choiva caer, pero os coches que facían saltar a auga da carretera xa calaron. A choiva nunca cala. Fala cos cristais dos edificios, conversa cos escaparates, pégalle aos paraugas que a intentan evitar.

Enfádase. A choiva enfádase porque ninguén lle fai caso. I eu doulle a razón. Pecho os ollos e converso con ela, falamos da soidade, falamos dos demais, falamos porque ninguén sabe o que dicimos. Quero apertala, pero ela cae sobre min desfeita, báteme nas palmas das mans, abertas cara a ela, cara ao ceo que morre de envexa ao vernos.

Eu xiro e xiro, xiro cos brazos ben abertos, pero ela non vén a min, só cae e cae, fala cos que a oen, móllame todo, enchóupame o pelo e a roupa e a ialma, éncheme os ollos coma se fosen vasos, auga e bágoas, méteseme nos petos i eu béboai, pero non quere saber a nada. Mais a min sábeme salgada, sábeme doce e sábeme amarga. Amarga coma o café. I eu quero vela, e quero bicala sen que se me derrita nos beizos.

Ven, choiva, ven.
Baila diante miña, imítame cos brazos abertos, xira e xira coma unha buxaina do mercado dos venres.
Ven, choiva, ven.
E o seu cabelo móvese sen aire ao compás do repiqueteo nos cristais.

Ela estende os brazos cara a arriba e por entre unha xanela nas nubes un raio de sol rómpelle os dedos. Mírame, cos seus olliños de pena. Non te vaias, choiva, non te vaias. Ábrese a fiestra e o sol lévama, leva á miña choiva que vai calando, que para de falar cos cristais que tan atentos escoitaban, lévaa agarrada da cintura e arrástrai, pero ela quere estar comigo. A luz cubre a estrada, os coches queren berrar de novo.

Eu quero que chova, quero que non pare, quero que ela volva. Que volva comigo.
Quero que chova.
E chove. Chóveme dos ollos ao chan que se achega. Déitome na estrada e faigo que siga chovendo porque ela se foi. Os coches calan e míranme.
Eu quero que chova!
A xente fai un círculo para ver como chovo, igual que chovía ela.
Pero eu chovo viño. Chovo o viño que bebín no bar de Xulio. Os coches xa non me pisan, ceiban pasaxeiros que me miran, miran como chovo viño, como chovo auga.

I eu voume con ela, para as nubes, e o meu corpo chove viño.
Jódete, Xulio, que non che vou beber máis ese viño peleón de catro pesos.
Jódete, Fina, que non me vas tirar ti polo balcón.
Jódete.
Jodédevos todos que ma quedo para min, para que me chova por riba cando queira, para que me chova por baixo cando me pete. A vós déixovos o viño. Jodédevos todos, que só vos deixo viño.

___________________
Este relatiño, só un chisco retocado, é de aló polo 98. Acordeime del hai uns días. Lembrei o "jodédevos que só vos deixo viño" e pensei en compartilo. Do 98... xa choveu... :)

22/05/13

Ven




Non hai noite máis longa ca esta.
Mesmo sen choiva,
mesmo sen tronos,
mesmo se amence e fuxe a lúa
esta noite será tan inmensamente longa
coma o baleiro desta cama,
esta fraga inabarcable, espida,
sen a túa pel, comigo,
sen o teu corpo, co meu.

17/05/13

Quero



Na profundidade dun peito
loito e latexo.

Quero sentir o gromo,
canto antes,
mais perdo folgos e pido,
en silencio,
que uses a túa visión de raios x
na miña fronte,
que te tornes Kitty Pryde
contra as miñas costelas.

Le, entre os labirintos da miña mente
regálame, regálate,
e fagamos que estouren os cránios máis duros
coas mans prendidas
e os beizos ocupados.



Feliz día das letras! :)

15/05/13

Remakes

Hai tantas cousas que pensei que lembraría vivamente
que non me molestei en gravalas a ferro nos miolos.
Síntoas coma o comezo dun libro,
esas liñas estrañas nas que me perdo irremediablemente
antes de dar coñecido aos meus compañeiros de viaxe.
Seméntanse dúbidas nos recordos,
fanse ficción,
e pregúntome en que quedarán,
co tempo,
cos remendos.

08/05/13

Un novo debuxo

Gústame moito debuxar con raias finiñas, supoño que vos daríades conta. Tamén me gusta facer probas de anatomía (unha nunca practica abondo a anatomía) así que me propuxen facer unha serie que comeza co debuxo que vos traio hoxe. Espero que vos guste!


Primeiro, un boceto tirado dun libro de fotografía. Escollín este porque a muller tiña un corpo natural e gustoume a idea de xogar con plegues na pel e formas redondeadas. A foto era pequena, menos dunha cuartilla, pero tiña á muller enteira ollándose nun espello no chan. Calquei os contornos para poder facer liñas de referencia e logo trasladeino a unha folla en A3.


As liñas de fóra son a parte fácil. Fágoas primeiro para facerme mellor a idea de por onde comezar... pero a cousa acaba sendo máis que aleatoria, a verdade.


Aí podedes ver un par de detalles e o traballo comezado. Perde moito realismo, pero esta é a idea. Un pouco coma unha macrotatuaxe, supoño!

 

Velaquí o resultado de varias tardes de raíñas! Sempre hai zonas que me gustan máis ca outras, pero probando se aprende!

03/05/13

Medran edificios



En Vigo, medran edificios.
Deles saen cámaras e faldriqueiras,
herrs,
gentlemans,
e,
supoño,
tamén
señoras.

01/05/13

Abril en fotos

Un mes máis fotografiado. Un mes de propósitos, tamén: propúxenme mover o cu e, polo de agora, estouno cumprindo. Axudou ese bo tempiño que tivemos, a pesar do refresque posterior que esperemos que traia unha boa primavera! Polo de agora, a primavera veu cargada de polen. Maldita. Pensando en positivo, que hai mellor que comezar un mes cun festivo que cae a metade de semana? Feliz semanus interruptus! Feliz día do traballo!



ETIQUETAS