08/06/12

GUSTOUME... (1)

Esta é a primeira entrada que non ten que ver co espírito orixinal da Gramática de Corpos, pero é algo que me vén apetecendo hai tempo. A idea é xuntar os enlaces ás cousas que máis me gustaron esta semana: novas e artigos de opinión, fotos bonitas, receitas dignas de gardar e posts dignos de mencións entre todo o que leo cada día. Haberá, dentro do posible, un "Esta semana gustoume" cada venres.

Todos os días visito varios blogs de gastronomía e acabo sempre gardando algunha receita...
En fin, aínda que estou con menú de operación bikini, teño dereito a babear, ou? Esta semana salivei ao ritmo destas Hamburguesas de pavo y cebollitas glaseadas (igual sen mozarella cola como light) e dunhas Caracolas Saladas... Eu non son moi de dulce, pero con xamón e queixo non se lle fan noxos a nada!
Por suposto, non deixedes de ler o Consultorio do Comidista, risas aseguradas.

Tamén son asidua aos de decoración, que poden ter ideas e fotos chulas. Que vos parece este rincón de lectura con vistas?

Rincón de lectura, visto en Decoratrix
Esta ilustradora é unha artistaza! Chámase Jenni Sparks e eu descubrina esta semana porque debuxou á man un mapa de Londres xigantesco e precioso!

Hand-drawn map of London by Jenni Sparks
Se vos poñedes creativos e vos apetece, por que non tunear unhas camisetas?

 Entre as cousas que molan, hai pezas de louza decoradas, fachadas de cores,...

JeezVanilla en Etsy
Visto en planos-lowcost.com

Visto en planos-lowcost.com

A Princesiña...
Non é novo desta semana, xa que se presentou o mes pasado, pero, por se non a coñecedes, recoméndovos que lle botedes un ollo á opera prima da compañeira Clara do Roxo: A princesiña que conducia unha locomotora. Un libro para nenos e nenas... e para princesas con personalidade!

E se no canto das princesas vos interesan os fogóns, tedes que saber que vén de saír en papel o novo libro de Recetas de Rechupete, Comer Bien a Diario (tamén dispoñible en eBook).





Entre as reflexións tristes pero necesarias, quero gardar desta semana este artigo de Escolar, polo mes de xuño que nos vén enriba e tamén un último adeus ao grande Bradbury.

Ui, creo que para a próxima semana intentarei ser máis breve...

07/06/12

Por se vos gusta isto de escribir

Eu aínda teño que me poñer a traballar noutras cousas, eso de diversificar, pero co libro en revisión e co placer inmediato de bloguear, a cousa complícase. Mesmo se non dá tempo para moitas convocatorias, cómpre ter balas na recámara, pois o ano que vén estarán aí de novo!

Por se vos animades, velaquí algunhas convocatorias que aínda están abertas, coa información da Axenda Cultural da AELG:

NARRATIVA 

XIII Premio Vicente Risco de Creación Literaria
Poden presentarse novelas, conxuntos de relatos, ensaios, etc. en lingua galega cunha extensión mínima de 150 páxinas e máxima de 300*. O premio son 6.000 € e a publicación da obra.
O prazo remata o 1 de outubro de 2012.

XXX Premio de novela longa Blanco Amor
Ai, quen puidera... Para este premio presentarase unha novela longa inédita en lingua galega que supere as 150 páxinas* (permítese a doble cara, cun máximo de 75). O premio son 12.000 €.
O prazo remata o 28 de setembro de 2012.

VI Premio de Narrativa Breve Repsol
Para este falta menos, xa que remata o 20 de xullo de 2012, pero ao ser de narrativa breve a extensión é dun mínimo de 50 follas e un máximo de 120. O premio son 9.000€ e a publicación da obra.

POESÍA

XIII Premio de Poesía Díaz Jácome
Este certame ten un límite de idade nos 30 anos. Os orixinais inéditos deberán ter unha extensión máxima de 150 versos**, con tema e metro libres. A admisión de traballos remata o 2 de xullo de 2012 e establécense 3 premios de 1.500, 600 e 300 €, ademais de placa e diploma.

I Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro
Presentaranse poemas orixinais e inéditos (conta o formato dixital) cunha extensión máxima de 150 versos**, tema libre. O prazo remata tamén o 2 de xullo de 2012. Os premios son tamén de 1.500, 600 e 300 €, ademais de placa e diploma.

XXV edición do Premio  Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé
É un premio para novas voces, polo que os autores non deberán ter obras individuais de poesía publicadas.  Presentarase un "libro" de poesía cun mínimo de 300 versos. O premio consiste en 500€ e a publicación da obra na editorial Espiral Maior.
O prazo remata o 29 de setembro de 2012.

___________________________
*Lembrade que a medida para os certames adoita ser de folios DIN A4 a dobre espazo, letra tipo Times New Roman a 12 puntos e a unha soa cara.
**Mecanografados a dobre espazo.

06/06/12

Estou feita de

Eu
que fun oídos e ollos de milleiros de letras
e crin estar feita de libros.

Eu
que fun lápis e carbón,
que fun bolígrafo inquedo e cores nerviosas
e crin estar feita de lenzos.

Eu
son as palabras que debuxo
son os trazos que escribo
son as ideas que durmo e as vidas que soño
porque
eu
do que estou feita
é de cadernos de min.

05/06/12

Esqueces

Foto: Sabela Glez. - Camelle, abril de 2012
Contan das pedras que che fan as beiras
e dos felgos que che bailan
os suspiros.

Din das flores que te envexan
e dos tecidos
que te gozan esvarándote ao andares.

Esquecen,
cres ti,
que es máis ca un sorriso
e ti sínteste louza
e ti sínteste pote vello.

Esqueces,
creo eu,
que es só un autorretrato
e que pintaches os beizos
e que pintaches a alma.

04/06/12

Back in business

Foto: Sabela González - Fisterra, abril de 2012
O prometido é débeda. Estou de volta.

Dou por rematado o tuneo visual que xa anunciara, e espero que o rexurdimento creativo lle siga sen tardanza.

O de facer outro blog foi unha idea que rematou no lixo. Xa dá un abondo que facer, así que o de xuntar churras con merinas vai acontecer. Iso si, imos separar as cousas para entendérmonos ben: na páxina EU explícovos como.

E que hai dese libro sen comiñas? Pois creádelo ou non, está ben medrado, pero aínda necesita unhas boas fregas. Xa vos irei contando, que ben o merecedes.

En fin, aquí estou, despois de ir ata a fin do mundo, volvo á orixe e volvo ao meu, tecla a tecla e letra a letra. A gramaticar. Vides comigo?

04/02/12

AWOL

Así lle chaman en inglés a estar ausente sen permiso.
Sinto ter estado ausente sen o voso consentimento (nin o meu, realmente) pero teño varias cousas en construción:

1) Este blog, que necesita un tuneo visual, ademais dun rexurdimento creativo.

2) Outro blog, para non xuntar churras con merinas neste espazo de creación literaria que é a miña Gramática.

3) Un libro. Libro sen comiñas. Hai dez anos non lle chamaba máis que "idea". Hai seis anos chamáballe """libro""". Logo quedou a descansar, por períodos abondo longos, mal que me pese,  ata que hai algo máis dun ano lle din orde a todas as notas, cadernos e arquivos e fun quitándolle comiñas. Agora está medrando un libro, sen comiñas.

Por iso, pido desculpas. Porque non me dá a cabeza nin o tempo para todo e preferín descansar da rede sen descansar das letras. Estounas xuntando nunha festa grande que espero que algún día teña unha última páxina. Tamén espero que poida ser lida, pero iso xa é cousa de ollos doutros e non das letras que eu dispoña.

Dádeme uns mesiños. E seguiremos gramaticando.


ETIQUETAS