14/07/12

Un fogar

Foto: Iria González

gústame tremer de contenta
e sorrir sen saber por que.
nos tempos que corren, non é cousa fácil.
é maior,
entón,
o orgullo de dar sentido felicidade.
lembrade, sempre, que esta non é un fin
senón un fogar.

11/07/12

O máis difícil

É máis sinxelo escribir de corazóns rotos ca de corazóns inteiros.
Escribir de cerebros e páncreas, de riles e de pulmóns, debe de ser o máis difícil.
Pero eu lévote aí,
en todos os órganos,
filtrándome o sangue en cañas de verán,
estourándome as neuronas en fogos artificiais,
respirándome pel de pomelo nos bronquiolos máis profundos.
É que eu non te levo no corazón,
que non me dá.
Lévote baixo a pel a todas as viaxes,
lévote nos ósos en todos os momentos.

10/07/12

Premio de Ilustración e Narración

Que logo non me digades que non aviso:
O venres publicouse no blog da AELG a convocatoria dun novo certame de narración e ilustración de literatura infantil e xuvenil, velaquí as bases resumidas, máis información aquí:

NARRACIÓN
Presentaranse textos inéditos e orixinais en galego, 6 copias a unha cara e dobre espazo, en tamaño folio ou holandesa, antes do 12 de setembro. O premio establecido é de 1.500€.

ILUSTRACIÓN
Presentaranse un mínimo de dez ilustracións orixinais e inéditas baseadas no texto premiado na modalidade de narración antes do 20 de decembro. O premio é tamén de 1.500€.


09/07/12

GUSTOUME... (5)

Tarde, sempre tarde! A aguantarse e mirar cousas molonas, veña!

Cousas que mola soltar nas vodas - Visto en PopChartLab

Gústame o kraken.
Tamén me gustan as boas iniciativas. Esta é unha editorial de super-vendas en galego. Nada mal.
E gústanme as cousas brandas e suaviñas coma estas:

Visto en Kireei

Visto en Kireei

Visto en SimplyRecipes
 Non empecei pola comida hoxe, pero non a esquezo.
Ten que molar este polo marinado en iogur (que si, que comer rico non dá traballo!) e facer pan sen amasar.
E non penso deixar sen probar esta leituga á parrilla. 
Por certo, o outro día unha amiga levou a unha barbacoa unha cochada boísima: barbecue pulled pork & coleslaw sandwiches (Combinando estas dúas receitas: [1] [2]). Fli-pas.




20 cousas que podemos (debemos!) aprender dos nenos para ser máis creativos.
E falando de creatividade, atención á convocatoria de arte postal de Disquecool.

As casas bonitiñas... por aquí, por favor:


Visto en BohoDecoChic

Vía MakeLemon8 (en RueVintage74)
A ser felices!

Na feira do libro

Aiiii que ben, que ben! Fustes? Espero que si...
Eu pasei varios días: un día cheirar, outro día á presentación do libro de Francisco Castro e Fina Casalderrey, O neno can (un libro a favor de UNICEF que xa estades comprando...) e o sábado gastar os cartos (de boa maneira, claro).

Croquetamente, gasteinos nesto:

Aí puxen colocadiñas algunhas das compras. O da esquerda atrás é El abuelo que saltó por la ventana y se largó, de Jonas Jonasson, que a verdade é que ten unha pintaza de dar para rir un anaco. Ao seu lado está Juego de Tronos. Canción de Hielo y Fuego I. Xa non é só pola serie, que aínda non vin e din que está moi ben, senón porque no traballo levo oíndo falar da marabilla esta xa hai anos e quero ver a que vén tanto lolailo.
Os outros dous son para os meus sobriños. Unha xoaniña-libro para Elsa, que xa logo fai un ano, e un conto moi bonito para Adrián.




 Pero ollo, que hai máis: dúas marabillas de ilustración: Letras nos cordóns (na páxina podédeslle botar un ollo, pre-cio-so) e Circoxidado - El gran espectáculo de Crispín Capote & Flamarión, outra chulada. Déixovos a foto pa' fardar nada máis, que na web vense moito mellor.
 


Basilio e o seu amigo custodiando os libros

P.D.- Entre as cousas que me perdín pero que non quero deixar pasar está a obra Rapoemas, un libro-disco que lle dá unha nova vida aos grandes clásicos da literatura galega, de Aid (unha mostra aquí).

01/07/12

Se este é o día


Foto: Sabela Glez. - Berenguela, Compostela, abril de 2012

Se este é o día
esta son eu
cránio de pedra e corazón mol
resgardado
nas paredes de xilófono
contra as que batín mil cuncas de lata.

Se este é o día
esta son eu

pel inquisitiva e músculo morno
estourando
na carcasa de temores
contra a que bate o vento.

Se este é o día
este es ti
e seralo todos os días
ata que as pedras sexan area
e os reloxios esquezan o son das campás.

ETIQUETAS