21/08/13

Un vello mariñeiro

Un só. Non son catro metidos nun bote, pero xa me está resoando iso na cabeciña...

O outro día deume forte o mono de pintar e saín mercar uns cantos lenzos. Nunha oda ao consumismo artístico que ás veces me obnubila, volvinme á casa ben cargada con dous lenzos ben grandes e tres "pequenos" (esto é moi subxectivo, penso eu), bocetei un retrato de mariñeiro cos meus novos lápices moleskine (regalazo) e púxenme a "pincelear". Un día relaxado, mono satisfeito, Beluka contenta. Esta é a evolución e o resultado.

Bo día!

14/08/13

Un reino de bolboretas (iv)

Estou de vacacións pero non me esquezo da última entrega das miñas ilustracións para un conto! Se non sabedes cal é, aquí tedes o comezo da historia, aquí o making of da primeira ilustración e aquí a portada e unha mini ilustración para a primeira páxina.

Hoxe remato coas outras ilustracións, a ver que vos parecen. Todas están feitas coa mesma técnica que vos expliquei: debuxo a lápiz, entintado con rótring (aquí en Vigo chámanlles grafos, pero en mi vida, chico...), escaneo e logo color en Photoshop. As sombras fágoas en capas distintas usando "multiplicar" no modo de capa, e os trazados negros elimínoos para darlle bordes brancos a todo.

Sen máis explicacións innecesarias, aquí tedes o resultado!


 Unha maldición escurece o reino e entristece á princesa...

O gnomo Klaus axuda aos dous irmáns que buscan como acabar coa maldición.




A raíña dos vagalumes axuda aos irmáns a saír do labirinto de Teseo.


 O amable cíclope dálles regalos para levaren de volta ao reino.


Miles de mariposas, xoaniñas, vagalumes... A cor volve ao reino!

Xa sei que moi profesional non é (e o das cores nocturas non o levo especialmente ben), pero foi un encargo precioso, unha práctica moi boa e un resulado do que estou máis que orgullosa. Espero que algún día me poña as pilas nestas cousas da técnica e poida facer moito máis.

Apertas!

09/08/13

Un reino de bolboretas (iii)

Non, non me esquezo do conto das bolboretas. Hai que ir pouco a pouco cos contidos, tampouco vos vou a saturar pero, como suporedes, xa está rematado e parece que o autor quedou contento!

Ademais das ilustracións a páxina completa quixen engadir algúns detalles: os separadores son pequenas bolboretas (nada incrible, hai pinceis de Photoshop que as fan) e na primeira páxina hai un paxariño:


Parece que son adicta aos pinceis con efecto acuarela. Non é verdade :)

E aquí tedes a portada rematada:



O texto está feito á man con tinta en papel de acuarela (a posteriori houbo que corrixir unha ponte de máis no 'm'... cousas da escritura estraña dunha), só con iso escaenado, diferentes pinceis e cores e un efecto xogando cos brancos e as sombras, este é o resultado.

Só quedan o resto de ilustracións interiores. Outro día máis!


07/08/13

50 números de Dot:

Foto de Janite @ La Juakina con Sergio Lagartija

Coma sempre, avísovos de que xa está na rúa a nova Dot:. Van xa 50 números e (cof, cof) neste saio eu e todo! Xa sabedes que estará en papel en moitos locais de Galicia pero, se non a vedes, sempre a podedes ler en Issuu aquí.

Non sei se vos dixen que (cof, cof) saio eu, nunha entrevista/afable discusión con Sergio. As entrevistas con cañas e amigos son distintas (grazas, Sergio!). Podedes lela aló pola páxina 24 e, xusto despois, ler o texto do Lagartija coa miña ilustracionciña enriba, esta mesma que vos poño aquí embaixo:





02/08/13

Xullo en fotos

Agosto! Gústame agosto. Gústame, sobre todo, polo motivo egoísta de que comeza co meu cumple. E xa sabedes que me encanta o meu cumple. Este ano tiña pensado collelo libre, pero sempre hai cousiñas, como unha pésima organización das vacacións do 2013 e as necesarias pseudo-vacacións de traballar noutras cousas de rendibilidade a longo prazo. Pero aínda está por ver que trae agosto (aparte do de hoxe!), e non dubido de que será bo. Por agora, aquí está un chisco de xullo, en fotos.


01/08/13

Benvido, agosto

Coooomo que 32 anos!?

Está voando o tempo e hoxe xa é o meu cumpleanos!

Mañá hai outros cumpleanos e eu estarei en Coruña, na Feira do Libro, presentando o meu libro, Bágoa de Lúa, ás 20:00.

Podiades vir, a verdá... E celebramos xuntos a entrada de agosto e todos os cumpleanos.
E se non podedes, botádelle un ollo a isto, porque imos emitilo ao vivo e responderemos a preguntas enviadas co hashtag de Twitter #landereina. Pode estar ben, animádevos!

ETIQUETAS