18/10/13

Nai e fillo

Xa está na rúa a Dot:51 e, coma sempre, podedes lela en Issuu aquí.

Desta volta, fixen o debuxo á man pero, dado o tamaño da folla, tiven problemiñas para escanealo con xeito (i.e. sen ter que facer un puzzle en photoshop) así que a calidade da imaxe non foi toda a que podería ter sido.

En fin, cuestións loxísticas á parte, saqueille unha foto para que se vira un pouco máis o detalle da acuarela que o escáner barateiro da copistería deixou polo camiño.


16/10/13

Setembro en fotos

Ultimamente vou tarde. Pero vou.
Desta volta, non poño excusas, só fotos.
Como vos dixera, estiven de vacacións. Aquí tedes algunha imaxe dos nosos días por Cascais, Sintra, Obidos e Aveiro. Dentro de pouco, tocan máis viaxes. Aí si que vai ser difícil escoller... Pero xa vos contarei.
Bo outono!


27/09/13

In absentia

Non é que estea eu vaga, é que estiven de vacacións. Bloguear dá máis que facer do que parece e non sempre é fácil seguir o ritmo, sobre todo cando hai mil cousas trotando pola cabeza dunha.

Será por excusas, eh?

Pero non teñen por que ser malas excusas... Ás veces hai que esquecer onde traballa unha e deixar que o sol dea na pel (tampouco moito), ollar para unha libreta en branco e que non importe moito que non saia nada, pasear por sitios novos e vellos... En fin, pasamos uns días por Portugal adiante aproveitando o pouco que lle quedaba ao verán (vista a tormenta que nos deu a benvida de volta en Vigo), uns días dos que espero que saia algunha fotiño boa. Sobre todo das analóxicas, que xa había tempo que non sacaba a cámara a pasear, e nótase: teño catro carretes para revelar. Haberá broza, sempre me esquece que carrete hai na cámara cando o deixo a medias e non é o mismo pensar nunha foto en cor a 100 ASA que en branco e negro a 400... Ou iso penso eu, que de fotografía sei tirando a pouco.

En resumidas contas, moito rollo e nada que contar, así que vos deixo unhas pinceladiñas de cousas que me inspiran estes días:



De Sin Zapatos

De Joana Santamans

De Amaia Arrazola

Coñecedes máis páxinas coma estas? Ilustradores/as que mereza a pena coñecer? Contádeme, que o feedly sempre ten sitio para máis :)

20/09/13

O raposo da neve


Na neve porque si. Porque me apetece a min.

Ou porque eu quería facer un mapache pero nos bosquexos a cousa non me convenceu. A verdade é que teño certa debilidade cos raposos (decorativos, sobre todo, sirva de exemplo: 1, 2, 3, 4) e despois de pensar en cambiar ao raposo veume á cabeza esta canción e non houbo volta atrás.

O fondo recórdame ao xelado de menta (cousa boa). Penso que quedaría xenial cun marco negro lisiño.

Os raposos están feitos cun selo de goma vinílica (xa vos amosara aquí e aquí canto me gustou o descubrimento desa manualidade) e pintura acrílica. Están postos ao chou porque, despois de facer moitos números, me guiei pola técnica do "que carallo". E un deles, só un, está na neve.

18/09/13

Cervo xeométrico




Tiña eu teima de debuxar un cervo xa hai tempo.

Vin varias fotos e ilustracións en Pinterest para inspirarme, aínda que o resultado final non é a idea inicial. Estas cousas van cambiando e hai que facer probas, que se non, non se aprende. Eu o de pintar dentro das liñas teño que practicalo ben, a verdade :)

O resultado gústame, aínda que as cores non se aprecian ben na foto: teñen un brillo estraño (e con flash a cousa non melloraba).

Son só catro cores: carmín, verde, amarelo e azul, rebaixados. O que ía ser un fondo de anacos xeométricos tamén, pero en branco e negro, acabou sendo gris, texturizado un chisquiño con branco aplicado con pequenos golpes de brocha e pincel.

Gústavos?




13/09/13

Agosto en fotos

Estou de volta! Xa sei que dixen un par de semaniñas e aínda pasou case unha máis, pero o de descansar é un ben necesario. De feito, hoxe comezo as vacacións (e vaia falta facían). Podedes imaxinarme dando chimpos e con cara de lela. Dáme igual. Teño vacacións.

Peeeero iso non é motivo para non deixar programadas algunhas entradiñas das cousas que fun facendo, comezando, claro, polas fotos de agosto.

Estounas vendo e semella que o Marisquiño foi hai ben máis tempo do que en realidade foi... Ou a Feira do Libro da Coruña, xa postos. Seguramente por iso sempre me dá a sensación de que levo séculos sen actualizar, pero un descansiño pequeno non é tanto, que este ano está sendo un non parar. Un non parar bon, pero un non parar.

Lémonos!





ETIQUETAS