31/10/12

Noite de monstros

E acaso non é estraño que ti, humana, teñas esa longa pranta medrándoche do cránio?

29/10/12

Mecanismos

Vía Décalage


Ocultos tras o papel cebola da miña pel
viran mecanismos metálicos
flúen fíos e cables
imitando arterias e veas
na superficie
branca e fráxil, curtida e forte.

Son os lunares faíscas de aluminio
liberadas nun arranque forzado
tirándome do aire
neste motor de explosión
que teño por peito

nestas bielas que tanto refungan
nesta árbore de levas que tan ben baila
nestas buxías que se me acenden nas meixelas
cando a corda llela das ti.

26/10/12

Choutar nas pozas

Vía Décalage

Fóra
vai frío
e venta
e chove
e faise noite axiña.

E a maioría dos días
prefiro quedar dentro,
baixo unha manta,
baixo unha lámpada,
baixo un libro.

Pero hoxe,
hoxe e todos os días que non son a maioría,
quero saír fóra
e choutar nas pozas.

Quero choutar nas pozas
e poñerme pingando,
poñerme coma un pito,
enchouparme toda,

tesa de vento,
azul de choiva, 
feliz
coma unha nena
con botas de auga
choutando nas pozas

mesmo se vai frío
e venta
e chove
e xa é noite.



24/10/12

Marcela

Obra de Maruja Mallo


Marcela corre cos pés de chumbo e o corazón de pedra.

Marcela sempre corre e esvara e cae e máncase máis adentro de onde doe.

Ai, Marcela.


Hai medo en todas as chamadas,

hai bágoas onde debería haber palabras pero,
co tempo, das en crer que
se pensas en todo o malo que pode acontecer
evitarás que suceda.

Non funciona así, Marcela,
e nunca vas durmir tranquila.

Marcela corre cos pés de laios e o corazón ateigado.

Se nin sequera lle queres, deixa de pensar na súa morte.

Se non queres estar cando esperte,
deixa de chorar porque durma.

Ai, Marcela.

22/10/12

Fuxida - versión 2.0

Imaxe inspiradora via Décalage

Ondea o teu gabán no outono que atravesas,
ceibe, plena, estourante,
e vóanche finos cabelos a gargalladas.

El agarda
nun barco de principios de século,
nun andén aló polos anos 50,
na barra dun bar de madrugada.

Trémenche os dedos, parvos.
Báilache o estómago, lelo.
Mesmo se o viches...
[cando?]
Hai nada!

Pero sabes
el agarda
e sorrirá ao entrares na sala,
mesmo se o viches
[cando?]
hai nada.

Pero non hai tempo longo nin curto para estar sen el.
Pero non hai máis que apertas baleiras devecentes de se encher del.
Pero ti corres,
el agarda,
randeeira no horizonte,
randeeiras no corazón.

19/10/12

GUSTOUME... (13)

Fin de semana!
Xa tardaba! Tedes algún plan? Ides a algún lado? Ou só queredes buscar ideas e inspiracións? Se é así, aquí veño eu ao rescate!

Comecemos cantando! Cantade comigo:

Visto en PopChartLab

 Non? Que tal esta?

Visto en Alberto Montt en dosis diarias


Non sei vós, eu xa me rin un bo anaco. Así que imos con máis cousas!

Empezo con ilustradores. Velaquí vos deixo unhas mostras de Arnal Ballester e Elena Odriozola, nominados ao premio ALMA (xa vos falei del, o Astrid Lindgren Memorial Award).

Ilustración de Arnal Ballester




Ilustración de Elena Odriozola



Se vos faltan enerxías, non deixedes de probar estas barriñas de sésamo. Non probei aínda esta receita, pero se sabe coma as barras de sésamo e mel de toda a vida, merece a pena! E a min non me gusta o mel, pero supoño que se compensa co que me flipa o sésamo. Forzas aseguradas!

Despois de coller forzas podedes probar con algunha manualidade, coma estas tazas. Dende que o ano pasado vira unha entrada de tazas pintadas á man ando con ideas para darlle á creatividade cerámica (tuneando cerámica, non facéndoa, iso é nivel 10). Tal intento xa o sufriron, de feito, nos seus regalos de nadal, a miña hermanísima e o seu home. Esta cousa de pintar con pintura de pizarra gústame especialmente.

Visto en A Beautiful Mess

Queroqueroquero electrodomésticos Smeg. Son unha pija, si, que pasa? Pero queroqueroquero. Nunha casa máis ordenada ca esta, si, pero ai que bonitiños son! Pequeno contratempo, hai que ter casa propia... pero xa lle iremos dando.

Visto en RueVintage74

Esta casa tamén está desordenada, pero ten detalles moi curriños, coma esta cama, que parece o agocho perfecto para ler un conto de raposos!

Visto en ABeautifulMess

Máis desorden. Debo de estarme reformando. Algún día deixarei de tirar posavasos coma se fosen surikens.

Visto en RueVintage74


Outro par de descubrimentos:
A luz de cor rosa non existe. Flipando quedei.
Begoña Martínez, tradutora con moito sentidiño, escribiu o outro día unha entrada de obrigada lectura (sen saltarse o vídeo de Michael Jordan) para os que de cando en cando cren que os que teñen éxito non tiveron que facer esforzos para logralo.
E seguindo co mesmo tema, se estades esperando a ver un sinal que vos indique que o voso futuro comeza, non esperedes máis:

Se estás a agardar un sinal, velaquí o está (Visto en DesignSponge)


Para pechar, unha foto que di máis que tropocentasmil palabras. E apertas, claro.

Vía Décalage, verdadeira fonte de inspiración!


ETIQUETAS