Andy DuFort via Pinterest |
"A inspiración só vén cando estou triste", dixo o lagarto.
Eu rin, refunguei, rosmei retrancas e non souben asentir.
Era un feito no que eu dera en pensar varias veces, tras centos de páxinas debuxadas con bágoas, tras iluminacións pasaxeiras con máis sorbeduras de mocos que sorrisos, pero xa non estaba disposta a crelo certo.
"Pero é que cando son feliz, non vén a inspiración", dixo o lagarto, e falaba de amor.
Eu dubidei, funguei e admitín que, afogada como estaba co corazón a rebordar, enchía menos páxinas ca antano.
Con todo, as páxinas semellaban meirandes, máis completas, vivas.
Non lle souben dicir a verdade. O lagarto non a quería oír, non a precisaba. Porque ao lagarto lle gusta crerse triste e ter escusa para prepararlle un té á súa inspiración. A miña, cando vén, sempre me pilla a pobre sentada, traballando.
non hai mellor inspiración que o traballo.
ResponderEliminarmais, non me negarás que hai estados de ánimo onde a sensibilidade está máis esperta. a felicidade non é moi creativa, seica. Pero non hai problema... non dura sempre. Así que, mentrestanto, gocemos.
Non hai necesidade de non ser feliz, mellor darlle a volta ás cousas, inventar e lembrar! A felicidade faise, non se consume. Gocemos, pero non me sexas negativa, muller :)
Eliminar