16/10/06

Ela e a lúa



Un día viu un furado no ceo e tivo medo de que escaparan por el as estrelas.


Fitouno sen pestanexar, vixiante, ata que apareceu unha nube abondo grande para enfiala e poder coselo. Cando rematou, roeu a nube para cortar o fío e logo contou as estrelas de arredor. Estaban todas, pero algunhas quedaran brancas de medo e houbo de pintalas de amarelo cun lapis pouco afiado para non mancalas.


Un día, á tardiña, chamouna o sol para convidala a un café. Ela puxo un vestido branco limpo, peiteouse ben e subiu onda el, agatuñando polas nubes laranxas do luscofusco e agabeando polos ronseis dos avións. O sol puxo un mantel bordado sobre un neboeiro e serviu café en dúas cuncas de louza. Ela preguntou polo zucre e o sol rebuscou no neboeiro ata atopalo. O sol sorriu, deulle un groliño ao seu café e preguntoulle "a quen queres?".


"Aínda non atopei a quen querer" respondeu ela "así que paso o tempo a ollar o ceo".
"No ceo non has atopar a quen querer" díxolle o sol e a ela caeulle unha bágoa na cunca.


O sol espertigou e ergueuse dun chimpo. Mirou o reloxio de pulso e decatouse de que chegaba tarde, así que botou a rodar e rodar ceo abaixo, ata que caeu no monte e seguiu a baixar a rolo, esquivando os muíños e rindo polas cóxegas da herba, e logo xa non se lle viu máis.


A ela caeulle outra bágoa na cunca. Agora estaba soa e estaba escuro e non podía volver á casa. De súpeto, oíu unha voz ás súas costas e primeiro tivo medo, pero logo decatouse de que era a lúa quen lle falaba.


A lúa deulle as grazas por coser o buraco do ceo e sorriu, asomando a súa cara de queixo na noitiña, e preguntoulle por que choraba.
"Porque o sol me deixou soa! E díxome que non atoparía a quen querer no ceo e agora síntome soa e non poido volver á casiña"


A lúa axitou a cabeza, queixándose con resignación das tolambanadas do sol, pero despois tivo unha idea.


Amosoulle os andeis dos libros de contos para durmir, que están ocultos tralas nebulosas, e díxolle que os podía empregar coma chanzos para baixar de novo á terra. "E tamén podes subir cando queiras facerme unha visita", dixo e chiscou un ollo (ela iso non o viu, pero eu si).


Así que ela foi visitar á lúa varias noites e comeron tarta e bailaron tralas nubes e contáronse historias e segredos, ata que un día rompeu un andel e tiven que ir amañalo.


Collín as ferramentas, unha táboa de ceo nova e un libro de contos de agasallo para a miña amiga lúa. Amañei o andel e subín darlle o agasallo. A lúa convidoume a un refresco e a durmir no cuarto minguante, así que quedei e comezamos a ver unha película xuntos.


E entón chegou ela e trouxo palomitas e a lúa díxome que ela lle cosera un buraco ao ceo coma se me dixera que me cosera a mín o corazón.


Ela contoume un conto e a lúa agochouse.


Eu conteille unha historia e a lúa sorriu.


Eu fíxenlle un chanzo de máis para que o puideramos subir xuntos.


Ela escribiume un conto para poñelo nel.


E agora durmimos nunha aperta nos cuartos minguantes e nun bico nos cuartos crecentes. 

4 comentarios:

  1. Coño chica, eso es precioso!!!

    Queremos más, queremos más, queremos más........

    un beso fugaz

    ResponderEliminar
  2. q bonito, tengo ganas de llorar :)

    besos

    ResponderEliminar
  3. Que estilazo tes escribindo historias!! :)

    ResponderEliminar
  4. Gostoume moito filliña. Como di un dos teu lectores, queremos máis, curtos, pero emocionantes. Xa logo terás un libriño. Bicos

    ResponderEliminar

Dime que pensas...

ETIQUETAS