29/01/07

Shhhhh

Vós non o sabedes, pero en Madrid hai rúas que lle dan a volta ás cousas.


Un pensa que se está achegando ao metro pero en realidade está dado a volta sobre a rúa Areal e ve á xente paseando baixo a súa cabeza. Párase e observa, interesado, e analiza aos transeúntes con ollo clínico. Este mercou zapatos, estoutro vai ao bar, a esta vanlle as quinielas. Logo de cavilar sobre os destinos e as orixes da xente, dáse conta de que está cabeza abaixo sobre eles e non sabe como poñerse dereito.
Mira para os pés e ve que están suspendidos no aire coma agarrados por cadeas, ao fondo as nubes, abaixo a rúa, antes hostil e agora tan desexada.
Chouta e estírase, coa dor nos xeonllos que iso supón. Estira as mans e espera soltarse do seu recén atopado inferno de apresamento. Pero está dado a volta e xa esqueceu que tiña un blog que actualizar. Iso pasounos a moitos, non o neguemos. Só lembra que se quere soltar do ceo e volver á terra, porque hai un límite para todo, mesmo para o bon.
Agarra os nocellos e tira, remexe as dedas e tira da cabeza, e nada o solta do seu engaiolamento. Case pensa que hai nubes ríndose del e que o sol brilla porque escacha da risa. Con xesto anoxado segue a darlle pulo aos membros, a tirar e a se remexer. Xa deixou de mirar á xente, pero a xente segue sen darse conta de que está aí.
De súpeto, un raiola vingadora, coma un superheroe saído dun cómic, rachou as ataduras de nube e el caeu. Caeu de cabeza como da nada pero ninguén o viu. Ninguén ve a ninguén na cidade.
Espertigou, mirou para arriba dende o chan. Alguén achegoulle a man. "Caeu, señor?". Caín, si, di el, coma se non soubera ben de onde. Érguese e segue camiñando. Debino soñar, pensa. Pero a crua realidade é que as rúas de Madrid lle dan a volta ás cousas. E, ás veces, á xente.




E a xente mesmo esquece actualizar o seu blog.




let's get unconscious, honey

bedtime stories -- Madonna

ETIQUETAS