24/07/13

Un reino de bolboretas (ii)

Aquí tedes a primeira ilustración rematada para o conto do que vos falei.

Lembrades o boceto? Pois despois de escanealo púxenme a darlle cor por partes:




Primeiro cor plana e logo noutra capa, en modo "multiplicar", as sombras.


Os efectos da barba e do pelo da roupa son pinceis de efecto acuarela, superpoñendo capa normal e logo capa en modo "multiplicar" de novo.


Para o vestido da princesa usei pinceis de herba. Cando me puxen a comprobar unhas cousas quitando a capa na que tiña o trazado, dinme conta de que o efecto de que as liñas fosen brancas me gustaba moito, así que xoguei con iso para o resultado final:



A pola seguinte! :)

19/07/13

Un reino de bolboretas

Por fin puiden organizarme un chisco e volver a poñerme coas miñas cousiñas de sempre. Unha desas cousas son unhas ilustracións para o conto que un avó fantástico lles escribiu aos seus netos.
Para min é un pracer ilustrar un detalle tan bonito e espero estar á altura. O primeiro medo é dar con como facelo, que estilo darlle, que técnicas utilizar... e todo isto sen complicarse moito tendo en conta as miñas carencias técnicas, claro!

Primeiro fixen probas de como podería ser a princesa do conto. Probei co estilo de debuxo que máis me gusta e saíu isto:


 Logo pensei en darlle un toque máis simpático, con distintas proporcións:


E mesmo se me ocorreu facela máis realista e logo pegar o rostro sobre collage de cores e texturas:



Finalmente, por fin, vin a idea máis clara e boceteina: o rei apertando á súa filla:


Tras unha proba pouco frutífera (pero sempre boa práctica) con acuarelas...


... paseime á tinta:


Agora falta darlle cor, a ver que tal o resultado. Mantereivos informados :)

17/07/13

No canto dunha porta


Deixamos marcas nos libros e nas paredes
e no canto dunha porta, un corazón.

Eu, que tan mal lembro todo,
sorrío ás veces sen vir a conto
e pregúntome se segue alí,
onda o salón de te,
onda as casetes roubadas,
onda as dentadas no cu.

Xa non te roio. Quédasme lonxe.
E os quilómetros non fan senón ferverme no peito
e eu, que tan mal me amoso toda,
sorrío pensando en contos
e pregúntome se son para ti,
coma sempre foron todos,
ou se dar o relevo a eses novos rostros que fixeches
con tanto agarimo como fixemos
no canto dunha porta
aquel corazón.

12/07/13

Normalidade


Despois de toda esta trasfega, volvemos á normalidade.

Aínda queda moito Landereina por compartir, pero esta Gramática miña xa ten ganas de volver aos seus contidos, aínda que vos avise de vez en cando das novas para que non vos despistedes.

Por iso, quero dicirvos que algunhas veces, se me seguides en varios medios, veredes que as cousas se repiten. Entendédeme: prefiro repetirme (a versión dixital de saír berralo á rúa) que calalo.

Tamén quero volver aos poemas, ás ilustracións e ás miñas cousiñas. O tempo non sobra, iso seguro, pero vai dando para todo, pouco a pouco.

Letra a letra, trazo a trazo, volvo á normalidade.

Ah, por se non volo dixen: Feliz verán!

10/07/13

Na feira do libro (2013)

Foto: Alba Rego

A feira deste ano foi ben distinta á do ano pasado.

Por suposto que houbo un paseo de recoñecemento e logo un novo paseo de compra. Aínda que me encanta ver libros e pasar un bo anaco de caseta en caseta, intento ser rápida. Este ano, por dous motivos: 1) ía unha calor abafante, e 2) se me poño a ver máis cousas compro de máis!

Esa parte foi a habitual. A pouco habitual foi coa que vos levo dando a tabarra dende hai semanas: a presentación de Bágoa de Lúa.

Nestse enlace podedes ler a breve crónica que fixen no novo blog, o de As Crónicas de Landereina, se non a listes xa.

Sinceramente, custoume aterrar. Despois de que todo fora moi lento (un libro non se publica en dous días!), todo foi moi, moi rápido. Houbo traballo arreo, dese traballo bonito que fas a gusto, pero traballo, á fin e ao cabo. Saímos aos medios, démoslle voltas ao blog, mesmo fixen un par de entrevistas por teléfono e, sobre todo, púxenme nerviosa pola presentación.

O día foise achegando coma quen non quere a cousa, e o picorciño que me dá cos nervios na palma da man esquerda foi intensificándose. Os meus pais viñeron pasar o día con nós aínda que tiveron que marchar de volta ao acabar a sinatura de exemplares (iso son uns pais xeniais, por se non o sabiades), o Fraco acompañoume todo o día e sorriume como hai que sorrir para dar ánimos, e unha morea de amigos achegáronse pasar calor na carpa para estar comigo. Emoción é pouco chamarlle.

Francisco Castro, editor de Bágoa de Lúa, falou primeiro e eu púxenme colorada (coa calor non se notaba moito, pero, ai, como ardía!). Contou moitas cousas de como comezou este proxecto, do ilusionante que é, de canto nos queda por traballar. Logo, Ledicia Costas, conseguiu transmitir a esencia do meu libro sen desvelar de máis, cousa complicada, e fíxoo cunhas palabras tan bonitas e tanto cariño que nin sabía como agradecerllo. Farteime a dicir grazas, penso que quedou claro. E, por último, tocoume a min. E non sei nin que dixen. Sei que contei como naceu todo, pero coido que algún día volo contarei con máis calma, negro sobre branco. Sei que deixei ver canto estou flipando e falei moi rápido, como falo eu, e atoreime, e sorrín ata que me doeron as fazulas. E iso mola. Caer da burra e ver que un soño se fixo realidade. Erguerse abraiada e correr a polo seguinte.

Tras a presentación, asinei exemplares na caseta de Galaxia. Moitos. Ou non. Eu que sei, nunca asinara tantos libros! Foi divertido, a verdade, pero con todo canto vivín ese día (ou da calor, se cadra) fundíronseme as ideas e nalgúns volumes xa non sabía nin que poñer. Ao rematar, fixen unha entrevista para Libros Lectureka!, un blog de dous irmáns que demostran que a xuventude non está perdida, como moitos din. Esa é a miña primeira entrevista diante dunha cámara. Sei que podería ter dito cousas moito máis interesantes, pero ha ser a mellor de todas: sempre ha ser a primeira.

As cañas, os brindes, as apertas e o cansazo do baixón posterior quédomo para min, canda esta croqueta de recordos inconexos que só pon en orde o tempo.

Grazas por estar aí. Vémonos na próxima (pero xa non ha ser a primeira).


09/07/13

O blog de As Crónicas de Landereina


Aínda que xa puidestes ir vendo os avances do blog de As Crónicas de Landereina (se é que fustes abondo curiosos), fixeron falta unhas semaniñas de traballo para poder dar por pechado o deseño, os contidos e unha morea de cousas.

Hoxe, oficialmente, vimos de lanzalo. O blog de As Crónicas de Landereina xa está pulidiño, ben cheo de cousas e con moitas actualizacións e historias por diante!

Non deixedes de visitarme!

05/07/13

A firmar!

Eu xa sei que me repito. Pero teño que repetirme! Non podedes non ir verme toda colorada, nerviosa e acalorada dos nervios (e, polo que dicen, da calor, claro)...

Mañá, presentación do meu libro na Feira do Libro de Vigo, ás 20:00, na Praza de Compostela. Non ten perda.

E ademais fixen un seliño do brasón para a ocasión.

Feliz venres!

03/07/13

Xuño en fotos

Estes días fixo unha calor do demo en toda Galicia. En toda? Non! Un concello poboado por irredutibles mariñaos resiste aínda e sempre ao nordés...
E digo "un" concello unica e exclusivamente porque a frase queda mellor. En Viveiro sálvanse un chisco. A Ribadeo non fun. Pero abofé que en Burela e Cervo ventou e fixo falta unha chaquetiña. Unha chaquetiña enriba do xerseiciño (de verán, tampouco vaiades pensar, peroooo...).
E, claro, á volta a Vigo o domingo o paso 1 foi quitar o xersei e o paso 2 foi quitar as medias. E non quitamos máis porque non se debe encoirar un pola rúa.

Como este mes xa vos ensinei fotos de Santa Tegra aquí e aquí, xa vos toleei co meu libro e ata vos ensinei a emoción de abrir o paquete, agora tócavos ver cousas de Cervo (San Ciprián, Rueta e a cabeza que apareceu do outro lado do noso muro).



ETIQUETAS