18/12/13

Venecia

Velaquí a última entrega das fotos da nosa viaxe:

A última parada en Italia da lúa de mel, despois de Florencia, foi Venecia.

Collimos tamén un tren e chegamos á illa polo que chaman a Via Libertà: unha ponte longuísima que só é carrís para coches e a vía do tren... ver ás gaivotas voar sobre o tren era un momentazo-zelda-spirit-tracks tremendo.

Frikismos aparte, chegar á cidade e cambiar as rúas con coches por canais con lanchas de góndolas fai que escape un sorriso. Ademais, en outono, parece que a cidade é ben máis agradable, aínda que a marea estea alta grande parte do tempo (e, en consecuencia, algunhas partes anegadas). Faise de noite cedo e a iluminación non é moi abundante, pero esta vila ben merece uns bos paseos.

Para min foi máis que inspiradora, coa súa atmósfera grisenta, coma Santiago na choiva, coas súas curiosidades coma tiradas dun conto e esa sensación de irrealidade. Ata o último día, o clima acompañounos e, malia o frescor do outono que xa se deixaba notar, disfrutamos de cada minuto da viaxe.

Aí non acabou a cousa, voamos a Madrid (chegar ao aeroporto en barco é unha pasada) e de alí a Gran Canaria. Como non vos quero mal, de aí non ensino fotos: todo foi deixar o cerebro líquido e relaxarse ao sol (eu á "sombrilla", pero vale igual). Unha grande viaxe, irrepetible. Espero que vos gustase.

Un conto acuático...
Fermosas igrexas... medio anegadas. Ten o seu encanto.
Portas ás rúas e portas aos canais, coas lanchiñas ao pé da casa // En moitas rúas hai pozos antigos coma este
Piazza de San Marco con dous palmos de auga. Aos nenos non lles importaba o máis mínimo...
Un clásico coñecido: O café Florian // Unha rúa dun clásico: Calle Tron!
O león alado é o símbolo de Venecia, un símbolo precioso, se me preguntades a min...
Baixo a choiva, este outro león ollaba tranquilo á xente pasar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Dime que pensas...

ETIQUETAS