30/05/14

Ultimamente // Libros e orgullo friki


Vou intentar remediar a deixadez á que teño sometido a este bloguiño meu con estas notas de actualización, por chamarlles dalgunha forma.

Ás veces non hai moito que contar, e falar seguido de traballo, sexa o que paga as facturas ou o que alegra o día, acaba por cargar a caixa. Tampouco quero desbarrar cos plans e ideas que me pululan libremente pola cabeza: disque se se confesan os propósitos diminúen as posibilidades de logralos, así que canto máis queden en petit comité, máis factibles me parecerán... se cadra.

Entre as cousas que andan pasando están as Feiras do Libro, das que sempre vos conto. A principios de mes pasei pola de Santiago e non puiden evitar unhas cantas compras, incluído este marabilloso libro de Miguelanxo Prado, Ardalén, que devorei entusiasmada. Este luns achegueime á feira de Vigo á presentación de Recinto Gris, de Ledicia Costas. O acto foi un encontro moi ameno, a modo de diálogo entre a autora e Marcos Calveiro. E non merquei nada. Igual ata me estou rehabilitando...

Por certo, xusto o día antes, o 25 de maio, foi o día do orgullo friki. Teríaseme pasado tan curiosa data de non ser polo blog de Libros Lectureka, que o celebrou compartindo as frikadas dun dos seus autores.

Non puiden evitar, ao lelo, pensar nas miñas, e pareceume unha boa carallada (se me permitides o termo) para compartir con vós. Xa vos decatariades ao ver a primeira foto desta entrada que algo de Star Wars hai pola casa. De feito, ese casco foi usado un antroido, nun disfraz completo da stormtrooper máis baixiña da galaxia, probablemente :). O Delorean meu-meu non é, pero exhibímolo con compartido orgullo no salón o Flaco e máis eu.

De todas as mostras de frikismo, de todos xeitos, vou quedar coa que á xente máis sorprende (que é unha forma de dicir que me miran coma se estivese tola... eu non lles vou quitar a razón toda...): a miña colección de harrypotters. Teño, coma moitos, os 7 libros da saga. No meu caso, en inglés. Pero tamén teño algúns exemplares noutros idiomas...

Valga de proba esta imaxe:
Parte da colección de harrypotters...

En total, son 22 (máis os 7 orixinais), un de cada lingua e case todos o primeiro volume da saga, Harry Potter e a pedra filosofal. Téñoo en galego, en castelán, en catalán, en éuscaro, en portugués, en francés, en italiano, en sueco, en danés, en noruegués, en finés, en neerlandés, en gaélico, en croata, en polaco, en húngaro, en turco, en ruso, en vietnamita, en tailandés, en xaponés e en árabe.

Podedes mirarme coma se estivese tola. Dáme igual, a verdade. A min gústanme moito e faime unha ilusión inigualable cando un/ha amigo/a ou familiar vai de viaxe e me pregunta se teño o libro no idioma do país que visita. Faime aínda máis cando mo traen e comparo a edición e leo esas primeiras liñas que xa sei de memoria para ver se entendo a estrutura gramatical (ou algo, por pouco que sexa) dese estraño idioma. Hai edicións impresionantes, hai edicións curiosas, hai libros ao revés e libros escritos en liñas verticais, hai debuxos distintos e solapas que agochan sopresas. E eu, que son unha friki orgullosa, sorrío ao velos todos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Dime que pensas...

ETIQUETAS