12/11/08

Mecánica de fluídos (II)

Pola mañá, o seu corpo tiña pezas que non eran súas.
Por riba, estaban mal enroscadas.

Pero estaba afeita.
Todas as mañás, unha cabeza nova.
Todos os días, novos globos oculares de todas as cores posibles.

A de hoxe era a cabeza dunha moza nova, dunha beleza mesurada, da que non fai virar á xente pero non ten queixa. Peinoulle a longa melena laranxa en dous moños ridículos, pintoulle as pálpebras de azul, riu ao manchar os dentes imperfectos de carmín.

Puxo unha perna con pelos e outra depilada, un zapato de tacón e unha alpargata e foi camiñar abaneando o cú pola húmida rúa, baixo un ceo gris e pesado. Na esquina de sempre, onde se acumula o lixo cos pobres e as pozas cos escombros a súa amiga Marilín, redonda coma unha lata de cocacola, cunha peluca de permanente rubia e dúas chapas de pepsi por ollos díxolle que os seus pés medraban do chan.
Os de Marilín.

Si, dixo:
“Eu serei gorda, serei puta, serei moitas cousas, pero nunca medrei polo medio, eu saín do chan, do chan medran os meus pés, dos pés as engranax
es e delas, o meu corpo. Eu serei un cubo do lixo travesti, miña rula, pero nacín da rúa, coma os edificios e as farolas”

Ela cavilou un anaco, reflexionando sobre a afirmación que tan feliz facía a Marilín.
Marilín, quen, coma ela, era un androide metálico pero cría ser parte da terra.
Marilín, quen, coma ela, estaba feita con pezas doutros, con lixo doutros.

“Tes moita razón, Marilín”, díxolle, “es xenuina e orixinal. Non só vés de onde nacen as farolas, vés de onde nace a luz que brota nas farolas! Es coma unha estrela!”

“Estrelas, estrelas…” respondeu Marilín con abondo desgusto, “as estrelas só son luz vella”.

“Pode ser”, respondeu ela sorrindo, “pero o vello, cando chega a antigo, volve ser un preciado tesouro”.






Denn ich liebe dieses Leben
ich liebe den Moment in dem man fällt
ich liebe dieses Leben
und ich liebe diesen Tag
und ich liebe diese Welt

Juli -- Dieses Leben


16/10/08

Mecánica de fluídos


Pola mañá, o seu corpo tiña pezas que non eran súas.
Por riba, estaban mal enroscadas.


As xuntas non contiveron o café do almorzo
e foi vertendo camiño ao traballo.


Así, como Hansel e Gretel, non me perderei á volta.


Tivo que engrasar as xuntas máis veces do habitual,
sentada frente ao ordenador,
coa graseira baixo a falda.


(...)

This is how it works
You're young until you're not
You love until you don't
You try until you can't
You laugh until you cry
You cry until you laugh
And everyone must breathe
Until their dying breath

No, this is how it works
You peer inside yourself
You take the things you like
And try to love the things you took
And then you take that love you made
And stick it into some
Someone else's heart
Pumping someone else's blood
And walking arm in arm
You hope it don't get harmed
But even if it does
You'll just do it all again
Regina Spektor -- On the radio

14/10/08

Lección urbana nº 1


O día que el lle contou ao oído que os edificios eran dentes
eu comezara a cavar na encía.


Xa contara os molares, as caries, os restos de comida entre as tuberías.
Xa observara, entrepechando os ollos innecesariamente para denotar esforzo,
que contalos era máis sinxelo que se foran estrelas.


Pero que ninguén vaia pensar que non os había que brillaban máis.
Habíaos.
Os máis escuros,
os edificios case derruídos,
eses que nunca se enxaugan con eucalipto.
Os que se dan por perdidos
brillaban con máis historias ca calquera outro.


Anegábanse de gatos escribas e medraban de noite nas sombras,
mentres el, o descubridor do urbanismo dental,
gravaba na pedra a historia dos gatos
que agatuñaban nos tellados a historia dos edificios
que de noite só eran dentes retortos
e de día non eran máis que macetas.


O día que eu comecei a cavar na encía,
el contoulle que os edificios eran dentes
e ela non o creu.


Eu xa contara as moas, xa recollera saliva na miña pa
e dera patadas ás bochas do interior dos beizos.


Non me importou darlle unha a ela.
Se non o cría, ben a merecía.

07/10/08

Para hoxe...

Sentar no sofá cunha mantiña.





Termar dunha taza de té quente coas dúas mans.






Facerse cunha melancólica obra de Auster.






Ollar como chove.






Escoitar.



26/09/08

Verdades



A agulla agarimou o vinilo
e Beth Gibbons encheume o salón de melancolía.
Esperei que chovera,
esperei que nacera unha cheminea onda a tele,
esperei que a roupa do tendal non secara.


Podo mentir e dicir que houbo tormenta,
que se fixo noite
e que de súpeto foi decembro
e puiden estrear o abrigo negro.

Pero non me gusta mentir.


Chegou o final do disco,
calada, sen respirar,
prestei atención ao delicado ruído da agulla
que volvía á posición de repouso.


Entón,
xusto cando se detivo o disco,
materializácheste no meu sofá
e tiven que confesar que collera prestado a Pegaso.


O meu coche arranca mal,
espero que non che importe.


Conteiche que cabalguei antes do amencer,
cando aínda non puxeran as calles,
nin os bancos.
Que voamos entre a néboa e que
sobre Rande,
berrei todo o que normalmente digo baixiño.


Ti riches
é décheslle a volta ao disco.

Esta vez,
tampouco choveu,
nin houbo tormenta,
nin se fixo noite.


Non vou mentir,
que non me gusta.


Así que só direi a verdade:

que caeu o edificio embaixo
e Vigo desapareceu unhas horas;
que nos tivo que rescatar Pegaso,
para levarnos voando onde,
sen dicilo, queríamos ir,
e que bailamos sobre un vinilo xigante
nunha praia onde si que chovía,
ata que, por fin, se fixo noite.


They made a statue of us
The tourists come and stare and us
The sculptor's model sends regards
They made a statue of us
Regina Spektor - Us

13/04/08

O.K.




Había momentos nos que todo se pixelaba.
O meu mundo era recoñecible,
pero pouco nítido.
Había momentos nos que non era meu.
Nada era meu.

Divisaba entre 8 bits recordos de xogos de Atari,
e ansiaba cores novas,
tres dimensións,
o tacto máis electrizante do mundo.

E si, son os meus dedos,
son as miñas mans.
Son os meus sentidos,
ultrapotenciados.
Si, son eu a protagonista da aperta,
son quen non pode pedir máis.

E si, son os teus dedos,
son as túas mans,
e agradezo onde están.
Son as que suben o volume
(ganancias que non entendo,
o potenciómetro da miña pel)
e fan dunha cama baleira unha festa.

Había momentos nos que todo se pixelaba,
pero foron as miñas mans,
foi a miña cabeza,
quero pensar,
a que subiu a resolución.

E agora,
son eu a protagonista da vida,
son quen non pode pedir máis.

Había momentos nos que nada era meu,
agás eu.


ETIQUETAS