Así lle chaman en inglés a estar ausente sen permiso.
Sinto ter estado ausente sen o voso consentimento (nin o meu, realmente) pero teño varias cousas en construción:
1) Este blog, que necesita un tuneo visual, ademais dun rexurdimento creativo.
2) Outro blog, para non xuntar churras con merinas neste espazo de creación literaria que é a miña Gramática.
3) Un libro. Libro sen comiñas. Hai dez anos non lle chamaba máis que "idea". Hai seis anos chamáballe """libro""". Logo quedou a descansar, por períodos abondo longos, mal que me pese, ata que hai algo máis dun ano lle din orde a todas as notas, cadernos e arquivos e fun quitándolle comiñas. Agora está medrando un libro, sen comiñas.
Por iso, pido desculpas. Porque non me dá a cabeza nin o tempo para todo e preferín descansar da rede sen descansar das letras. Estounas xuntando nunha festa grande que espero que algún día teña unha última páxina. Tamén espero que poida ser lida, pero iso xa é cousa de ollos doutros e non das letras que eu dispoña.
Dádeme uns mesiños. E seguiremos gramaticando.
04/02/12
23/11/11
Medran paraugas, medran galegos
Hai terras tan confusas
que fan xermolar paraugas no formigón.
Froito das sementes dun trebón,
medran abertos,
fillos da choiva,
onde os débiles caeron
con baleas rendidas.
Hai terras tan extrañas
que fan xermolar carriza no corazón.
Froito das sementes dun trebón,
medran galegos,
medran galegos,
fillos da choiva,
onde os mares non arredan
onde os mares non arredan
marabuntas fratricidas.
.
.
.
.
08/11/11
21/10/11
Acontezo
Aí, baixo o óso,
podes notar como apodrece.
Terás que enchelo de mazás.
Máis abaixo, no ventre,
queres sentir como agroma.
Terás que enchelo de agarimos.
Acontece
que as cousas ocorren
só cando ocorren,
nin antes,
nin despois.
Ocorre
que as cousas acontecen
só cando ti as aconteces,
nin eu,
nin el.
Ao mesmo tempo, nos miolos,
sempre sentes como bulen.
Terás que baleiralos de verbas.
Foto: Sabela González - Berlín, xuño de 2011
19/07/11
Pedras no camiño
Fronte ao mar
hai un camiño que leva a todas partes
e a miña máquina es ti.
A sístole e diástole tórnase explosión
e o noso rir enxordece o Mississippi
(porque o Mississippi ten máis glamour que o Xunco,
porque de lonxe todos somos caviar).
Fronte ás pedras vellas
disparamos para atrapar imaxes
por medo a que as borre a retina
(e odio que
fronte ás pedras novas
non sexa igual).
Porque as pedras novas han ser vellas
coma nós
e liscarán ceibes da memoria,
varrendo recordos,
facéndonos crer que nunca fumos nenos
e sempre seremos calvos.
hai un camiño que leva a todas partes
e a miña máquina es ti.
A sístole e diástole tórnase explosión
e o noso rir enxordece o Mississippi
(porque o Mississippi ten máis glamour que o Xunco,
porque de lonxe todos somos caviar).
Fronte ás pedras vellas
disparamos para atrapar imaxes
por medo a que as borre a retina
(e odio que
fronte ás pedras novas
non sexa igual).
Porque as pedras novas han ser vellas
coma nós
e liscarán ceibes da memoria,
varrendo recordos,
facéndonos crer que nunca fumos nenos
e sempre seremos calvos.
Foto: Sabela González - Covas, 2011
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)





