16/06/12

GUSTOUME... (2)

É a segunda semana destas entradas e xa chego tarde. Mellor tarde ca nunca, non?

Descubrín as receitas en video sinxelas e con moi boa pinta de Sarah Carey. Coma as mini-pizzas ou un facilísimo polo asado que ten unha pinta de-li-cio-sa!

Esta merluza ao cava ten unha pintaza.

Toca visitar Barcelona pronto, por que non? Aquí hai ideas de onde ir comer, haberá que probar!

Tamén hai que ir por Madrid, espero que antes de setembro para poder ver a exposición de Hopper no Thyssen!


 Gústanme moito os chans con baldosas porcelánicas.


Chans porcelánicos, visto en Decoratrix
Chans porcelánicos, visto en Decoratrix
Unha boa idea para decorar.

Tamén me gustou este chiste:


Hay cousas que non me gustaron moito, pero que non se poden olvidar como as tristes voltas ao pasado, o pouco que sabe a xustiza de xustiza e os salvavidas que nos afogan.

Boa fin de semana!

12/06/12

Moitos ceros


Medidas de Ahorro, no blog de Cinta Arribas: http://cintarribas.blogspot.com
Ilustración orixinal de Cinta Arribas
Cando Jacinto José Álvarez González se decidiu polo seudónimo J. J. Algón para os seus libros, concedeulle a súa primeira entrevista mental a un medio autonómico. Foi a primeira e a última. Convencido de que as súas inexistentes novelas se convertirían nos famosos best-sellers que merecerían ser, o listón subiu rapidamente, pasando pola prensa escrita nacional ata un programa especial de Página 2, sen esquecer breves incursións nos talk-shows nocturnos norteamericanos.
J. J. Algón brillaba naquelas entrevistas como o persoeiro que era, con comentarios áxiles á vez que meditados e con titulares regalados de sentencias tremendamente poéticas. Pero, mentres J. J. vendía libros sorríndolle ás cámaras, a Jacinto José Álvarez González esquecéralle a parte máis importante do asunto: escribir.
O seu problema non era só encher páxinas nin atopar historias interesantes de contar, o maior obstáculo no seu camiño era unha escandalosa ineptitude para a escritura, un pésimo dominio da lingua, insólito en tan ávido lector, mesturado coa preguiza de quen cre sabelo todo. A combinación de ambos parámetros viña significar que, ante a primeira dificultade gramatical, sempre parecía máis interesante ofrecer unha entrevista imaxinaria que aprender nada novo. De todos xeitos, non precisaría saber nada unha vez que fose famoso.
Á familia vendéralle que estudaría biblioteconomía e documentación polo seu grande amor aos libros, cousa que non era mentira, pero, no fondo, fascinábao poder contar na súa biografía como xurdira dun fondo documental universitario o grande J.J., cun santo grial nas mans, un libro que o catapultaría a un pedestal dende o que diría non ter esquecido os seus humildes comezos na biblioteca da facultade de filoloxía.
Como era de esperar, a trintena pillouno sen santo grial, selando préstamos, botando sorrisos falsos aos lingüistas sabichóns que rían do seu pluscuamperfecto sen compoñer e do seu castrapo incorrixible, e botando sorrisos inútiles ás universitarias de amplios escotes e escasas faldas. Gozaba da sorte, non obstante, de gustar do seu traballo, e o paso dos anos non cambiara o seu san costume de curiosear que libros collía a xente, de follealos para comprobar se a el lle gustarían, de imaxinar a personalidade dos lectores segundo o libro e a personalidade do libro de acordo cos seus lectores. Nunha das súas incursións entre os volumes recén devoltos, como en tantas outras ocasións, atopou un anaco de papel. Este anaco de papel non era un roto de folla cuadriculada, como era habitual, senón un rectángulo perfecto de papel azulado, con letra mecanografada no reverso. E todas as letras mecanografadas, coma as manuscritas, merecen ser lidas:
Páguese al portador la cantidad de #150.000# €
Ciento cincuenta mil euros
Jacinto quedou pálido e sen alento e releu o papel varias veces. Deulle corenta mil voltas, buscou a marca de auga, procurou en Google datos do banco de procedencia e todo, absolutamente todo, apuntaba a que era un cheque de verdade, un cheque ao portador.
Durante o resto da xornada sentiuse flotar, elevado por unha forza superior dentro do peto dos vaqueiros e pagou prazos mentais da hipoteca con sorriso de imbécil. Ao día seguinte, martes, o cheque seguía no peto, facéndolle ferver a nádega, e, co pulso a lle tremer, deu apuntado na axenda “Cheque”. O mércores non chegou a tempo á sucursal e tivo que ir para a casa co picor do papeliño no peto traseiro, tatuándolle o cu con varios ceros e amosándolle no maxín un iate listo para arbolar no pantalán do náutico.
O xoves era o día, os xoves abren pola tarde. Era un día que sempre lle gustara e este ía gustarlle aínda máis. Traballou ausente toda a mañá, cunha urxencia que o comía por dentro e para almorzar abondoulle con uñas e padrastros. Na cola da sucursal, cuberto de suor, custáballe estar quedo, tremíanlle os xeonllos, aínda que o fervor da nádega case desaparecera… Agora que paraba pensalo, non sentía ningún calor. Botou a man á cacha e non sentiu contido ningún no peto. De feito, non había peto. Saíu da oficina correndo, encarnado de carraxe, rosmando para si “seré gilipollas, seré gilipollas” sen parar ata a porta do seu piso.
Ao entrar, a lavadora viña de rematar o centrifugado. A roupa do tambor estaba cuberta dunhas folerpiñas azuladas.
 Máis ilustracións de Cinta Arribas no seu blog.

11/06/12

Premios Xerais 2012

Marcos Calveiro e María Lorenzo e Manuel Lorenzo (Foto: Xerais)

Xa que o outro día falábamos de premios literarios, vou aproveitar para poñervos a nova dos gañadores da edición 2012 dos Premios Xerais.

O Premio Merlín deste ano foi para Marcos Calveiro por Palabras de auga, mentres que o Premio Xerais de Novela o levaron a parella de pai e filla composta por María e Manuel Lorenzo, coa obra Tonas de laranxa.

Hala. Pa' o ano terá que tocarnos a nós, ou?




08/06/12

GUSTOUME... (1)

Esta é a primeira entrada que non ten que ver co espírito orixinal da Gramática de Corpos, pero é algo que me vén apetecendo hai tempo. A idea é xuntar os enlaces ás cousas que máis me gustaron esta semana: novas e artigos de opinión, fotos bonitas, receitas dignas de gardar e posts dignos de mencións entre todo o que leo cada día. Haberá, dentro do posible, un "Esta semana gustoume" cada venres.

Todos os días visito varios blogs de gastronomía e acabo sempre gardando algunha receita...
En fin, aínda que estou con menú de operación bikini, teño dereito a babear, ou? Esta semana salivei ao ritmo destas Hamburguesas de pavo y cebollitas glaseadas (igual sen mozarella cola como light) e dunhas Caracolas Saladas... Eu non son moi de dulce, pero con xamón e queixo non se lle fan noxos a nada!
Por suposto, non deixedes de ler o Consultorio do Comidista, risas aseguradas.

Tamén son asidua aos de decoración, que poden ter ideas e fotos chulas. Que vos parece este rincón de lectura con vistas?

Rincón de lectura, visto en Decoratrix
Esta ilustradora é unha artistaza! Chámase Jenni Sparks e eu descubrina esta semana porque debuxou á man un mapa de Londres xigantesco e precioso!

Hand-drawn map of London by Jenni Sparks
Se vos poñedes creativos e vos apetece, por que non tunear unhas camisetas?

 Entre as cousas que molan, hai pezas de louza decoradas, fachadas de cores,...

JeezVanilla en Etsy
Visto en planos-lowcost.com

Visto en planos-lowcost.com

A Princesiña...
Non é novo desta semana, xa que se presentou o mes pasado, pero, por se non a coñecedes, recoméndovos que lle botedes un ollo á opera prima da compañeira Clara do Roxo: A princesiña que conducia unha locomotora. Un libro para nenos e nenas... e para princesas con personalidade!

E se no canto das princesas vos interesan os fogóns, tedes que saber que vén de saír en papel o novo libro de Recetas de Rechupete, Comer Bien a Diario (tamén dispoñible en eBook).





Entre as reflexións tristes pero necesarias, quero gardar desta semana este artigo de Escolar, polo mes de xuño que nos vén enriba e tamén un último adeus ao grande Bradbury.

Ui, creo que para a próxima semana intentarei ser máis breve...

07/06/12

Por se vos gusta isto de escribir

Eu aínda teño que me poñer a traballar noutras cousas, eso de diversificar, pero co libro en revisión e co placer inmediato de bloguear, a cousa complícase. Mesmo se non dá tempo para moitas convocatorias, cómpre ter balas na recámara, pois o ano que vén estarán aí de novo!

Por se vos animades, velaquí algunhas convocatorias que aínda están abertas, coa información da Axenda Cultural da AELG:

NARRATIVA 

XIII Premio Vicente Risco de Creación Literaria
Poden presentarse novelas, conxuntos de relatos, ensaios, etc. en lingua galega cunha extensión mínima de 150 páxinas e máxima de 300*. O premio son 6.000 € e a publicación da obra.
O prazo remata o 1 de outubro de 2012.

XXX Premio de novela longa Blanco Amor
Ai, quen puidera... Para este premio presentarase unha novela longa inédita en lingua galega que supere as 150 páxinas* (permítese a doble cara, cun máximo de 75). O premio son 12.000 €.
O prazo remata o 28 de setembro de 2012.

VI Premio de Narrativa Breve Repsol
Para este falta menos, xa que remata o 20 de xullo de 2012, pero ao ser de narrativa breve a extensión é dun mínimo de 50 follas e un máximo de 120. O premio son 9.000€ e a publicación da obra.

POESÍA

XIII Premio de Poesía Díaz Jácome
Este certame ten un límite de idade nos 30 anos. Os orixinais inéditos deberán ter unha extensión máxima de 150 versos**, con tema e metro libres. A admisión de traballos remata o 2 de xullo de 2012 e establécense 3 premios de 1.500, 600 e 300 €, ademais de placa e diploma.

I Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro
Presentaranse poemas orixinais e inéditos (conta o formato dixital) cunha extensión máxima de 150 versos**, tema libre. O prazo remata tamén o 2 de xullo de 2012. Os premios son tamén de 1.500, 600 e 300 €, ademais de placa e diploma.

XXV edición do Premio  Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé
É un premio para novas voces, polo que os autores non deberán ter obras individuais de poesía publicadas.  Presentarase un "libro" de poesía cun mínimo de 300 versos. O premio consiste en 500€ e a publicación da obra na editorial Espiral Maior.
O prazo remata o 29 de setembro de 2012.

___________________________
*Lembrade que a medida para os certames adoita ser de folios DIN A4 a dobre espazo, letra tipo Times New Roman a 12 puntos e a unha soa cara.
**Mecanografados a dobre espazo.

06/06/12

Estou feita de

Eu
que fun oídos e ollos de milleiros de letras
e crin estar feita de libros.

Eu
que fun lápis e carbón,
que fun bolígrafo inquedo e cores nerviosas
e crin estar feita de lenzos.

Eu
son as palabras que debuxo
son os trazos que escribo
son as ideas que durmo e as vidas que soño
porque
eu
do que estou feita
é de cadernos de min.

ETIQUETAS