20/03/13

E dálle cos gin tonics

As luces da cidade cantáronlle as boas noites
e el ergueuse para ir mexar.
Era a terceira copa,
a cuarta,
a segunda,
e ningunha semellaba rematar.
O xeos permanecían enteiros,
sólidos,
insolentes,
marmóreos ao remexer a mestura co dedo
(merda pa' as palliñas).
Só 3 mississippis de whisky
arremuiñados na tónica,
por riba doutros 3,
en vaso baixo.
Era a primeira copa,
a quinta,
a milésima,
e tropezou ao ir mexar.
As señoritas
de longos escotes
de longas pernas
de longos cabelos clónicos
engurraron o fuciño coma se non fose guapo,
(homenomejodas)
apartaron cadanseus gin tonics do camiño,
(e dálle cos gintonis)
non os fose verter o moi preas.
As luces do baño murmuráronlle un "vaite deitar"
e el botoulles a lingua.
A man sobre a parede esquivaba as manchas visibles,
a man sobre a pirola debuxaba o seu nome na avellentada louza.

13/03/13

Lagarto, lagarto

Andy DuFort via Pinterest

"A inspiración só vén cando estou triste", dixo o lagarto.
 Eu rin, refunguei, rosmei retrancas e non souben asentir.

Era un feito no que eu dera en pensar varias veces, tras centos de páxinas debuxadas con bágoas, tras iluminacións pasaxeiras con máis sorbeduras de mocos que sorrisos, pero xa non estaba disposta a crelo certo.

"Pero é que cando son feliz, non vén a inspiración", dixo o lagarto, e falaba de amor.
 Eu dubidei, funguei e admitín que, afogada como estaba co corazón a rebordar, enchía menos páxinas ca antano.

Con todo, as páxinas semellaban meirandes, máis completas, vivas.

Non lle souben dicir a verdade. O lagarto non a quería oír, non a precisaba. Porque ao lagarto lle gusta crerse triste e ter escusa para prepararlle un té á súa inspiración. A miña, cando vén, sempre me pilla a pobre sentada, traballando.

08/03/13

Cousas que molan


Un apunte rápido, que estamos de finde e hai que folgar!
Hai pouco descubrín esta páxina, HITRECORD.org e quería compartila con vós.

Máis que páxina, é unha comunidade virtual moi interesante. Eu, por agora, só estiven curioseando, pero teño moitas ganas de colaborar. Como se colabora?  De moitas formas! Se falades inglés, xa volo explica o creador da comunidade aquí (ou no video do inicio da páxina). Se non o falades, igual vos é máis complicado remexervos...

En fin! Sexa como sexa, esta comunidade baséase na colaboración artística: unha persoa sube unha peza (ou "record"), e esta ponse automaticamente a disposición do resto da comunidade, que a pode mesturar, facer un remix, lle chaman e así sae unha peza nova. Pode ser un texto ao que logo se lle pon voz, imaxe e son... Pode ser unha imaxe que se retoca e transforma noutra... Hai moitas posibilidades!

Tamén saen colaboracións que buscan contribuidores, polo que se pode axudar e facer un traballo combinado para crear cousas xeniais: películas, curtas, historias, arte visual, gráfica...

Sei que moitos diredes que o de poñer unha obra dun para que a toquen outros non mola nada... Cada un é libre de compartir (iso si, os dereitos son sempre do creador), pero non me digades que apuntarse a unha colaboración molona non é unha grande inspiración? Eu penso que si, e espero sacar tempo para colaborar algunha vez.

Are we recording? :)

06/03/13

Febreiro en fotos

De verdade que xa rematou febreiro? É marzo, vai achegándose a primavera e eu coma se viñese de comezar o ano... Así non se pode. Polo menos fixen algunhas fotiños! Estas son as que máis me gustaron. Porque me gustan as pintadas, as portas e os zapatos :)



28/02/13

Cambio de imaxe

Se entrastes ler isto ou vos pasastes por aquí ultimamente non é nada novo o que vos conto, pero a gramática cambiou de imaxe!

Non estiven folgando todo este breve mes de febreiro, senón aplicándome en darlle un novo aire ao blog. E xusto onte puxen os toques finais... polo menos por agora!

Grazas a un cursiño online que penso que foi unha boa inversión, púxenme mans á obra e aprendín a darlle forma ás cousas que quería cambiar. Axudaron tamén os pinceis de Photoshop para descarga gratuíta e moito argallar pola rede para procurar ideas. O resultado é este que vedes, cun perfil actualizado, as seccións para atopar as cousiñas ben no seu sitio. Ademais do perfil de Pinterest que xa coñecedes, onde colgo as imaxes que me gustan e inspiran, ando agora tamén en Twitter, chiando, como din agora. E coma sempre, tedes a suscrición ao feed RSS*.

Espero que vos guste. Agora, toca seguir dándolle contido!
Apertas!



______________
*Pregúntaste que raio é un feed RSS? É o enlace que se usa para engadir un blog ou páxina con RSS (con actualización de contidos notificada, por chamarlle algo) a un lector. Lectores de feeds hai uns cantos, eu, por exemplo, uso Google Reader: engádense a el as subscricións e tes todas as actualizacións dos teus blogs favoritos todas xuntas, sen ter que ir navegando entre enlaces de favoritos.  
ACTUALIZACIÓN 14/03/2013:  Google vén de avisar de que pecha o Reader... a ver que alternativa atopo! Menuda peniña!

15/02/13

Premios!


Semella que, ás veces, cando saen anunciados os certames xa non dá tempo a nada... Así que apuntádeos, que se repiten todos os anos!
Se cadra tedes por aí algo rumiado que valla para participar! Velaquí os dous últimos que me chegaron:

Certame literario de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos 2013
Hai ata o 19 de abril para remitir os exemplares. A extensión debe ser de entre 70.000 e 100.000 caracteres (para isto vale o de contar palabras do word...). O premio é de 3.000 €, unha escultura e a publicación da obra.
Máis información e enlace ás bases aquí.

XVII Certame de Poesía Francisco Añón
Presentaranse poemas inéditos na categoría de idade axeitada. Hai moitas modalidades, así que animade a fillos e sobriños (que sempre hai!).
 No caso dos adultos, a extensión mínima é de 150 versos e o premio de 1.200 € e publicación da obra (hai un accésit con publicación pero sen cartos). Tedes ata o 8 de abril.

ETIQUETAS