10/03/08

Agardeite facendo largos nunha copa de mencía





Cando chegaches, o cuarto estaba en branco e negro,
soaba Koko Taylor,
a luz era tenue
e eu levaba aquel vestido dunha peli de Hitchcock
(dunha calquera).

Tardei un anaco en colorear a estancia,
e ti agardaches á porta,
nun Porsche 911 do 69
co motor en marcha.

Eras Cary Grant e eu...
eu era algunha muller máis fermosa,
máis esbelta,
máis elegante.

Pero conducindo polas reviradas estradas da costa
perdimos ese look dos sesenta
e volvimos ser pop
con abrigos de pano longos,
ollando o mar;
as lapelas cubrindo o rostro
e os cabelos bailando no ar.

Con música de fondo,
ten que haber música de fondo,
paramos o tempo
(só ti sabes como)
e das apertas erguímonos espidos,
feitos de velcro e aloumiños
nun suspiro e un sorriso.

E ata aquí podo ler...





5 comentarios:

  1. Gústame o que podo ler, o resto vouno imaxinar pechando os ollos e oindo esa música de fondo...
    Apertas.

    ResponderEliminar
  2. Que envexa, eu tamén quero vivir en cinemascope :)

    ResponderEliminar
  3. Convertir a Cary Grant en un mod, o a Rita Hayworth en una diva pop!!

    Si no recuerdo mal eran los Ocean. Tiempo hacia que no los escuchaba.

    Besos reencontrados

    ResponderEliminar
  4. Cunha copa de mencía e en cinemascope. Asi calquera!

    ResponderEliminar
  5. O meio quilo de laranxas que nos regalaches foi unha delicia/ledicia, o seu xugo escorregou pola miña gorxa coma ondas da Lanzada e, de súpeto, sentinme pegar curvas ó ritmo dunha música luminosa e suave coma un horizonte.

    ResponderEliminar

Dime que pensas...

ETIQUETAS