Carrapuchiña corre que se mata, carreiro adiante, visiblemente enfadada.
Non sabe que é peor: que logo vaian dicir que andaba parándose coller flores ou que o lobo prefira comer á avoa primeiro. Acaso non sería máis lóxico, pregúntase, paparme a min, papar o da cesta e logo ir con calma papar á avoa?
Para colmo de males, a historia non cambia. Todos os días igual. “Que orellas máis grandes tes!”, terá que dicirlle, para logo escoitar “son para oírte mellor”. Si, home, si. Así, medran dun día para outro. Ai, pensa, se Darwin levantara a cabeza…
Inevitablemente, Carrapuchiña parece parva. Pero, ollo, Carrapuchiña non é parva. Tócalle ir ver ao lobo, peludo e grimoso, e facer coma quen que é a avoa, pero ela sabe ben que non o é, sabe que son esixencias do guión.
O caso é, a quen raio lle ocorreu que era mellor que a vella vivira soa no bosque a vivir na aldea con ela e a nai? Carrapuchiña aposta a que a avoa ten unha aventura co leñador, non hai outra explicación para a perrencha de non se mudar, nin para que o home estea perto da casa para oílas berrar, que o descampado non dá para tanto.
Hoxe é o último día, pensa mentres corre canto lle dan as pernas, xa estou farta de estar nun conto sen príncipe, sen amigos e sen xeito.
Á porta da casa da avoa, para coller aire. Previsiblemente, o lobo está deitado, disposto a comezar coa leria. Abre a porta co sorriso de rigor (ai, avoa, tampouco era mal pechar con chave…) e vai a carón da cama.
“Avoíña! Pero que cara de parvo me tes!”
O lobo queda parado, non sabe como reaccionar e murmura entre dentes “pero que dis! As oreeeellas, as oreeeeellas”
“As orellas o carallo. Comiches á vella? Pois que che preste”, di Carrapuchiña, mentres saca da cesta un coitelo grande e afiado. O lobo abre os ollos, grandes coma pratos, pero antes de dar dito nada, Carrapuchiña rebánalle o pescozo.
“Hala. E morra o conto”.
*Ilustración de "A verdadeira historia de Carapuchiña" de Marc Taeger
Pienso que es una monada ;)
ResponderEliminarSiempre sonrojándome :P
ResponderEliminarNon sei que é peor... que se che ocorran estas cousas ou que a min me molen tanto, jeje. ¡Gustoume moito! (pero contar o conto a sobri en versión fidedigna a partir dagora xa non vai ser o mesmo)
ResponderEliminarCuidao, que hai versións orixinais do conto moito máis gore :) Manteremos a versión habitual ;)
ResponderEliminarGracias de veras por descubrir de una vez a la verdadera Caperucita. Ya está bien de muchachitas manidas! :) Genial Sabela.
ResponderEliminarGracias, Noe! Petonets! :)
ResponderEliminar