22/03/10

Manual do usuario

Noraboa pola adquisición do seu novo equipo Beluka 4.0!
Para sacar o máximo rendemento ao seu equipo,
siga as instrucións e conserve este manual para futuras consultas.

Para activar a súa Beluka 4.0, efectúe un bico de bos días.
Este procedemento será suficiente para poñer en marcha o sistema.
Agarde feedback e proceda sen medo a interactuar co equipo.
A Beluka 4.0 non só está preparada para lle contestar e dar conversa,
a súa capacidade de risa e chiste fácil foi testada polos expertos máis esixentes.

Ademais, a Beluka 4.0 vén cun sistema organizativo integrado
capaz de reordenar e sacar o máximo partido ao seu fogar
(Nota do fabricante: A Beluka 4.0 fará isto mesmo se vostede non quere, se estima que non precisa ou non quere sufrir unha reorganización exhaustiva de máximo aproveitamento espacial e eficiencia, por favor, remítase a versións anteriores ou produtos alternativos, xa que esta función non se pode desinstalar).

A súa nova Beluka 4.0 incorpora software específico de última xeración:
  • Cociña innovadora MX 2009
  • Consolas v10.0.2
  • Curiosit-ee (este programa actualízase de maneira constante sen gasto adicional e sen que se teña que preocupar polo espazo en disco)
  • eBookMania
  • Art-O-Rama Home Edition XP
  • Beek-OS (sistema operativo supletorio de alta fidelidade que activa os sensores ultrasónicos incorporados)

Para activar o sistema operativo supletorio pode:
premer o cursor táctil mamela esquerda e/ou dereita,
introducir comandos de tag < romance > ou < sensual >
ou subministrar bicos apaixoados á Beluka 4.0.

Se a súa Beluka 4.0 sofre un quecemento de hardware provocado por unha sintaxe errónea
ou polo emprego de comandos inadecuados,
pregámoslle que execute < aperta >
e reordene os seus comandos mediante unha secuencia lóxica de comprensión e razoamento.
De seguro que a súa Beluka 4.0 recuperará o seu habitual sorriso!
(Nota do fabricante: a Beluka 4.0 non formateará estes datos e non podemos garantir a ausenza do bug Rencor1.0 sen a pertinente corrección da súa sintaxe e comandos).

Grazas pola súa compra e desfrute do seu novo equipo!

11/03/10

O capitán Adrián

Ti serás o capitán
do noso barco.
Levarás un chapeu cunha caveira
e guiarás o navío surcando os mares.
Loitaremos con canóns contras a bestas mariñas,
atracaremos en portos ignotos
e probaremos suculentos bocados en novas terras.
Ti serás o capitán
e ensinarasme un mundo novo.

Ti serás o capitán
da nosa caixa de cartón.
Levarás un chapeu de papel de periódico
e sentarás no teu cartón no garaxe.
Guindaremos pelotas de tenis por furados feitos no cartón,
sairemos ao xardín,
iremos merendar á cociña.
Ti serás o capitán
e eu ensinareiche o mundo que xa coñeces.



E diranme infantil,
pero eu, simplemente, prefiro o teu mundo,
prefiro o meu mundo,
no que as caixas de cartón son barcos
e ti e máis eu somos piratas
que rescatamos aos inconscientes da súa absurda realidade.

09/03/10

Macguffin

 
Se cadra era unha vil trama deseñada por un demo coñón.
Se cadra non era máis ca un macguffin dos de Hitchcock,
un detalle perfectamente intercambiable na súa vida
inserto no contexto co único fin de darlle suspense á historia.

O suspense, neste caso metamorfosado en cólera e nerviosismo,
pode crear, aínda que se pense o contrario,
unha explosión de ideas dignas da imaxinación máis portentosa.
Iso si, esta xeración de ideas tende a centrarse na tortura e na dor.

No seu caso, todo aquel material de oficina parecía converterse en malignas armas
coas que dar unha incerta solución aos seus problemas.
Enténdase, unha forma de dar morte á causante da ira en si mesma.

Visualizouna atada a unha cadeira pola cinta adhesiva oficial da universidade.
Logo, toda a gama de funxibles do escritorio ofrecía vastas posibilidades.
O celo para suxeitar as pálpebras abertas,
as grampas, nos beizos por suposto,
os clips, baixo as uñas...

A chegada da hora de saída sacouna da ensoñación.
Viría ben unha tila.
E manterse lonxe dos clips.
E lonxe daquela macguffin do sur.



22/02/10

Re: busco recipiente para zume de estrés

a responsabilidade tornóuselle estrés
e deron en sangrarlle as ideas.

pediu unha esmola de comprensión
e coma moitas esmolas
déronlla fóra da casa.

recolléronlle aquel zume de presión
sen luxuria
sen engano
e el cometeu o erro de namorarse da idea
de non ter estrés
ou, se cadra, de non ter responsabilidades.

19/02/10

O resultado

no fondo, non era nin muller nin paxaro.
era unha besta agochada trala dualidade dun descoñecido ser mitolóxico,
o resultado de ser devorada tantas veces,
de térenlle remexido as entrañas
con mentiras.

a salvación, sempre se soubo, está nas ás,
ben dos anxos, ben da águia que unha leva ás costas.


16/02/10

Os meus domingos

Decidimos non celebrar San Valentín.
Non temos nada en contra do día.
Tampouco nada a favor.

A min gústame pensar que te quero igual todos os días.
A ti gústache que os domingos sexan domingos.


Querería dicirlle á xente que os domingos levo unha vida bohemia,
que disfruto dos praceres máis sinxelos da vida dos que sempre falan os intelectuais.

Querería dicirlles que leo os periódicos tomando o café,
que poño a radio mentres me ducho
e logo saio pasear na calma dominical.

Se me chegaran as ondas do mar pola radio
poida que a puxese,
pero o certo é que vexo a tele.
Vexo debuxos animados
con sumo interés
e tomo torradas con aceite co café
con non menos interés.

Logo, mentres non te ergues,
xogo a videoxogos,
escribo,
fago garabatos,
penso qué comeremos
e, entrementres,
vou a cada chisco ao cuarto darche un chucho.

Despois xogarás comigo,
riremos,
arrolarémonos no sofá
e iremos tomar as cañas de domingo,
cos seus dardos e, ao volver á casa,
cos seus bocatas.

Por iso decidimos non celebrar San Valentín.
Non temos nada en contra do día,
tampouco nada a favor.

Pero os domingos son domingos,
e eu quérote igual todos os días.

ETIQUETAS