23/11/11

Medran paraugas, medran galegos



Hai terras tan confusas
que fan xermolar paraugas no formigón.
Froito das sementes dun trebón,
medran abertos,
fillos da choiva,
onde os débiles caeron
con baleas rendidas.
Hai terras tan extrañas
que fan xermolar carriza no corazón.
Froito das sementes dun trebón,
medran galegos,
fillos da choiva,
onde os mares non arredan
marabuntas fratricidas.
.
.



08/11/11

7 palabras e unha coma



Son os seus bicos,
vestíndome
de festa.




Foto: Sabela González - Vigo, outubro de 2011

21/10/11

Acontezo


Aí, baixo o óso,
podes notar como apodrece.
Terás que enchelo de mazás.

Máis abaixo, no ventre,
queres sentir como agroma.
Terás que enchelo de agarimos.

Acontece
que as cousas ocorren
só cando ocorren,
nin antes,
nin despois.

Ocorre
que as cousas acontecen
só cando ti as aconteces,
nin eu,
nin el.

Ao mesmo tempo, nos miolos,
sempre sentes como bulen.
Terás que baleiralos de verbas.

Foto: Sabela González - Berlín, xuño de 2011

19/07/11

Pedras no camiño

Fronte ao mar
hai un camiño que leva a todas partes
e a miña máquina es ti.

A sístole e diástole tórnase explosión
e o noso rir enxordece o Mississippi
(porque o Mississippi ten máis glamour que o Xunco,
porque de lonxe todos somos caviar).

Fronte ás pedras vellas
disparamos para atrapar imaxes
por medo a que as borre a retina
(e odio que
fronte ás pedras novas
non sexa igual).

Porque as pedras novas han ser vellas
coma nós
e liscarán ceibes da memoria,
varrendo recordos,
facéndonos crer que nunca fumos nenos
e sempre seremos calvos.


Foto: Sabela González - Covas, 2011

28/06/11

Espertar

Foto: Sabela González - Morás, 2011

Espertar
e sentir todos os días domingos
lentos
longos
grandes
inmensos
nosos

Durmir
e soñar realidades
porque vivimos soños
e falámonos bicos

Ti e máis eu sabemos que ninguén durme coma nós


Coitados aqueles que esquecen dicir "bos días"
e nunca espertan en domingos coma os nosos
lentos
longos
grandes

inmensos

25/06/11

Mariñadas

Foto: Sabela - Vigo, 2010
Non creo nos homes que din caer en redes
porque ninguén sae ao arrastre.

Noite tras noite
podería ter guindado a poteira ao baleiro,
pero eu non son de calamar.

Noite tras noite
podería ter enfiado os meus vermes nun anzol,
pero eu non son de troita.

Noite tras noite
saín ao curricán buscar o meu bonito.

Para norte xa estou eu,
e no meu aparello,
ti.

ETIQUETAS