21/02/08

O home de vinilo


O home de vinilo é mouro coma a noite.
Un suco finísimo percorre o seu corpo
da cabeza aos pés,
e agocha melodías, ritmos e sons que ninguén coñece.


O home de vinilo vive baixo a cabina do dj,
nun buraco acolchado con teas e coxíns
para non raiar as súas pistas contra as esquinas.


Os sábados á noite,
senta nunha butaca verde,
sorbe whisky con coca-cola por unha palliña
e escoita atento as sesións.


Cando é hip-hop,
dá co pé no chan.
Cando é minimal,
move a cabeza e sorrí,
amosando unha galleta vermella de Television Records.
Cando pincha ela
a súa perfecta combinación de músicas,
fica quedo,
observa
e teme derreterse de paixón e estragar as pistas que o cubren.


Ela é un androide cuberto de terciopelo granate,
con finas agullas nas xemas dos dedos,
que fai malabarismos cos discos
e esculturas cos sons.


El pensa que é fermosa coma o son dun piano,
que a súa música sona coma un cadro de Lempicka,
que o seu sorriso brilla máis có revés dun cd,
que as súas palabras riman todas.


E por iso non lle fala.


Pero hoxe empuxámolo onda ela,
presentámolos,
ao home de vinilo e ao androide de tercipelo,
“el ten música no canto de estómago”,
“ela fai remezclas cos ollos”.


E, cando a súa conversa foi máis densa cá música
cando xa era mañá e abrían as panaderías,
cando cruzamos os brazos e puxemos cara de querer pechar,
o home de vinilo e o androide con agullas nos dedos apertáronse,
e soou a melodía máis bonita que escoitáramos nunca.


Alguén lle subiu os baixos,
alguén subiu o volume,
e remezclámola e bailámola,
mentres eles xiraban, soaban e se bicaban,
ata que caímos rendidos, estrados polo chan,
e xa abriran os quioscos.



i never loved nobody fully
always one foot on the ground
and by protecting my heart truly
i got lost in the sounds
i hear in my mind all these voices
i hear in my mind all these words
i hear in my mind all this music

Fidelity -- Regina Spektor

07/02/08

A silueta perdida


En xaneiro a area é case sempre un lenzo en branco.

O outro día, metín as miñas pegadas nunha bolsa de plástico do Froiz
e fun poñelas ao Morrazo.
A aquela praia, destas praias de ría... non coma na casa.
Na casa, á fronte, só hai mar,
(e o faro que pintou meu pai)
e máis aló, supoñemos, ingleses e irlandeses
(seica).

Coloquei as pegadas na area pragada de puntillismo de choiva.
Desta vez, deixeinas moi separadas, coma se non foran de pasos meus,
senón dalguén máis grande,
un xigante de pés ridiculamente pequenos.

Cando rematei a miña tarefa, vin aquela sombra,
queda na area, alongada, sen un corpo que a acompañase.

Souben ao instante que alí estaba soterrado un esqueleto,
e aínda así, escarvei na area.

Era coma un achádego antropolóxico fascinante,
que intentaba sorrir sen pel nin músculo
(estas cousas sábense, mesmo se faltan pezas).

Paseamos, o esqueleto e eu, pola area da praia,
e eu pregunteime se el estaba a sentir o frío da húmida area.

Faleille das miñas pegadas, de como conseguira algunhas,
como fixera outras,
das que me regalaran
e das que aparecen de cando en cando no chan do cuarto de baño.

El faloume de cando lle arrincaran a pel,
aquela fermosa moza que parecía tan boa
e que ao marchar só deixara cicatrices.

«As cicatrices», díxome, «non as curei ben,»
(movía a cabeza con pesar, se cadra arrepentimento)
«e fóronse facendo autovías,
eu metíalles o dedo para lembrala e iso só as agrandaba,
ata que a pel comezou a arrastrar tras miña,
enchéndose da merda do asfalto,
rasgándose nos chanzos,
deixando anacos nas beirarrúas,
uñas nos desaugues.
E un día, pisárona.
Desprendeuse, sen previo aviso,
soltouse e quedou no chan.
Logo pisárona máis pés.
E non volvín por ela.
Habíame dar boa pereza limpala.
Aínda que me había lembrar quen a rompera».

Pregunteille cando perdera os músculos, os tendóns, os órganos, os ollos...


Abaneou a caveira.
O vento resoou nas cuncas dos ollos coma nunha caracola.

«Mandeille un bíceps por correo.
Aquel que tanto lle gustaba bicar.
Envieille o ventre para o que tanto cociñou.
Deille os ollos nunha caixiña de seda para que se vira como a vía eu.
E o resto... o resto regaleino pola rúa,
queimeino,
guindeillo ás gaivotas».

Os dous miramos ao horizonte, que aquí non é horizonte, senón Aldán,
e eu non lle dixen o errado que estivera,
canto perdera, como se amaña a pel,
todo o que eu aprendera das cicatrices sen furgar nelas co dedo.

«Méteme no meu furado», dixo.
«Algún día...
algún día atoparame ela».

Mentres o cubría quixen preguntarlle se ela era das que escarvan nas sombras sen corpo.
Non o fixen.
E non o creo.




We get so hungry
We eat each other alive
We get so hungry
Only the strong survive
We get so hungry
Cannot get you off my mind
We get so hungry

We sleep
We dream
Discuss the things we’ve seen
We take
We give
This is the way we live

Ben Lee - So Hungry






16/12/07

Pour qu'on y reste




Se o frío non che encolleu as dedas
é que non vai abondo.


Se cadra escorrentámolo
con café
con apertas
con whisky
con palabras
con olladas
nun bar de tenue luz amarela
e cabichas no chan.




Parei o tempo e mireite dende outros ángulos.


Eras un perfil recén debuxado,
unha silueta alongada sobre min,
unha sombra na parede,
unha ollada atenta,
un pensamento perdido.


Dinche un toque no ombro
e saqueite da man daquela fantasía estática.
Eu debín quedar atrapada.


Sinto non ter escoitado o que dixeches entón,
perdinme ollándote.


Perdinme en risos de tragaperras,
aloumiñeite enteiro co pensamento,
din voltas no aire nun tambor de lavadora
e estoupáronme fogos artificiais
nas puntas dos cabelos.


É a miña maneira de convidarte ás miñas sabas novas.
É como te quero arrastrar, espir, bicar, apertar.
É como debuxo como moverme sobre ti,
debaixo de ti,
onda ti.
É como rematamos rindo ao amencer,
como nunca espertamos de verdade,
como,
pouco a pouco,
nos esperta só a pel e percorrémonos coas mans
ata percorrernos cos corpos cálidos,
tensos, excitados,
suspirando,
xemindo,
eu calo,
ti non,
e...


E co sexo encóllenseme as dedas.
Coma co frío.





'cause when i look at you
i squint
you are that beautiful

slide - Ani Difranco

I got a burning passion in my throat.
I got a burning passion inside me.
I got a job that wastes my time and gift.
I got a life that needs a serious lift.

more for me - Tegan and Sara


07/12/07

Porque hoxe é inverno


Porque hoxe é inverno
os espellos reflicten néboa.


Na miña rúa só pasan homes con gabáns
todos teñen a mesma cara
todos se saúdan cun aceno da cabeza
todos levan maletíns de coiro
cheos de reloxios.


Os tellados detrás de Manuel Núñez
estanse convertindo en París
e os homes dos gabáns non tardarán en asaltalos.
[18ème arrondissement.
montmartre.]


As bailarinas mortas sairán do Moulin Rouge
(aló pola Ronda de Don Bosco)
correndo,
axitando plumas e sosténs
e abrirán os peitos sanguiñolentos
baleiros
e pediranlles reloxios
que lles devolvan o ritmo
que accionen as pernas
que substitúan os corazóns que perderon
nunha partida de póker cando querían gañar diamantes.




Os peitos péchanse con candado
e os homes dos gabáns gardan as chaves nos maletíns
antes de subir aos tellados
detrás de Manuel Núñez
en París


Antes de xogar á brisca con cadáveres
e ao xadrez con magos
apostando os corazóns perdidos
das bailarinas mortas do Moulin Rouge.










that i would be great if i was no longer queen
that i would be grand if i was not all knowing

that i would be loved even when i numb myself
that i would be good even when i'm overwhelmed
that i would be loved even when i was fuming
that i would be good even if i was clingy
That i would be good -- Alanis Morissette

Isto, iso, aquilo



Douche dúas oportunidades.


Tes que adiviñar
que me fai rir
que me fai chorar
que me fai calar


Iso pasa pouco, xa o sei.






Lembras cando el saltou ao mar pensando que era whisky?
Dixera que os xeos eran dos malos e xa se desfixeran.
Creu que o faro era o limón.
E papou auga a esgalla sen notar o sal.
Logo durmiu de día. El sempre durme de día.




Lembras cando chovía porque eu choraba
ou
eu choraba porque chovía?
Xa non sei.
Sei que se che abriron cremalleiras nos brazos, nas pernas, no peito
e te convertiche nun edredón de plumas
e nun pano
e nun fogar
todo ao mesmo tempo.


(e na morna escuridade do teu interior
bicábanme mil beizos)




Lembras cando saín do meu corpo para verte durmir ao meu carón?
Foi aquel día que me rebentou a pel de tanto sentir
e tiveches que coserma con aloumiños.


(agora teño cicatrices
e ti tes que percorrelas todas para investigarme
e descubrirme
e conquistarme
e derreterme)




Lembras cando tiveches que adiviñar que me fai rir?
Esta é a máis importante das tres.


(tamén é a máis fácil)


Porque só se a intentas adiviñar non volverei chorar
e ficarei calada


pensando que o mar é cervexa
contando as miñas cicatrices
pedíndoche que as percorras


que me descubras
que me conquistes
que me derritas


coma os xeos dos malos,
rápido,
ata desaparecer na cocacola.






And I can still smell you on my fingers and taste you on my breath;
Stepping through brilliant shades,
All the color you bring,
This time, this time, this time,
Is fine just as it is.
Today is whatever I want it to mean
Beth Orton -- Central Reservation (Then Again Version)

25/11/07

Sen chumbo

Dende onde te miro, dáme o sol nos ollos e éntrame o frío nos ósos.
Dende aquí, non me oes, así que berro.
Dende aquí, non me ves, así que lanzo fotos feitas avións de papel.


Onde estou hai remuíños de voces e estrondos de teclas.
Qwertys no rural.
Onde estou choven olladas, estrelas e xeada.
Vixíame Orión.
Coma sempre.




Póñoche outra?




... e poñerás.... pero sen chumbo, que levo o coche...


Aquí hai rebumbios de xente-globo.
Nenas nas nubes de perfil.
(¿Que pasa se as pinchas?)


Hai quen hoxe suma coma mín de novo
2+6=5+3
[felicidades]


Hai ratos que comen vinilos dos 70.


Hai detectives con gabáns que sospeitan de mín.
Fuman pipas de marihuana e pensan que estou a bailar.
Non, señor, eu non lle bailo.


Hoxe non.
Outro día.
Sobre a area.
Con zapatos novos, se cadra.
Envolta en ti.


Oíches iso?


Terei que berrarcho.


Velaí vai outra foto.
Gárdame un mimo e levareiche máis.






Fotos: Raquel Campos





You and I should ride the coast
and wind up in our favourite coats
just miles away

The Day We Caught The Train -- Ocean Colour Scene

ETIQUETAS