29/12/09

De portais dimensionais



A Ponte de Rande éme a emocionante porta de volta á cidade de Vigo, tras unha longa viaxe de tres horas. Haberá a quen tres horas non lle parezan tanto, pero sen saír de Galiza, vaille chegando. Cando fago a ruta á inversa, o punto xeográfico no que sei que estou na casa é un anaquiño pequeno de costa, pasado Foz, onde hai unha casa vella, abandonada, se cadra, a cal, pechando só un chisco o ángulo de visión, semella estar soa nunha costa báltica fría azoutada polo cruel mar.

Hai varias formas de ir a Vigo, pero eu vou pola N-642 á N-634 e logo ata o tramiño de A-8 que hai aló por Vilalba e ata Baamonde. En Baamonde xa se colle a A-6 e nela séguese ata enganchar coa AP-9, aló por Arteixo, para tirar ao sur, todo recto, ata a saída 5v.

 Ou ía.

Digo ía porque veño de dar cun achádego incrible e fascinante que pode alterar a miña ruta e acurtala mesmo dúas horas! Temo, iso si, que ao compartila con vós desapareza este novo camiño. Moitas cousas boas desaparecen cando moita xente descubre que son boas. Como as cervexas a un euro e os solares libres en Barreiros.

Fixen a miña descuberta o domingo, volvendo a Vigo da miña visita de nadal á familia. Aló pola N-634, preto dunha estación de servizo e dun camiño tortuoso a Vilanova de Lourenzá, onde o asfalto amosa o grave maltrato sufrido pola construción da A-8, hai un cartel que sinala o camiño para O Grove.

En anteriores viaxes eu pensara o mesmo que estaredes a pensar vós. Hai un sitio por Lugo que se chama tamén O Grove. Pero o domingo debía estar eu creativa e díxenme, que carallo, vou probar!

Puxen o intermitente (hai que poñelo, en serio, aínda que sexades vigueses) e virei cara ao estreito camiño. A senda alonxábase da estrada nacional cobregueando cara aos eucaliptos, que semellaban irse anicando sobre ela, restándolle luz e dándolle un toque tétrico que non me gustou chispa. Seguín conducindo e un par de minutos despois, as árbores fóronse arredando do meu camiño. Respirei de novo, detívenme no cruce ao que viña de chegar, e analicei os arredores.

Un cartel rezaba de novo "O Grove" pero, desta volta, estaba na PO-316, no mismísimo Salnés.

Non é que non teña eu interese en ir ao Grove, debeu ser da emoción, que tirei cara a Vigo directamente.

Se cadra na miña próxima viaxe o volva probar e lles tome unha alí no porto, ou se cadra probarei se o cartel de Cabanas que hai en Nois leva ás fragas do Eume.

9 comentarios:

  1. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  2. Voy a tener que aprender "galleguiñu" porque solo pillo 1 de cada cuatro ja ja ja. Lo intenté con el vasco y fracasé ja ja ja.

    En fin, que este año te sea dulce como tu.

    Besos eternos

    ResponderEliminar
  3. Xan, si que merecen un bo paseo :) Aínda non as coñezo ben, pero son asignatura para este ano!

    Dani, en este os lo he puesto difícil, con tanto nombre de pueblo, creo... pero no me dejes por eso! :))

    Feliz año!

    ResponderEliminar
  4. no Grove veraneaba eu de pequena... :)

    Feliz ano!!

    ResponderEliminar
  5. Os meus sinais indicadores favoritos nunha estrada son eses que poñen "Todas as direccións"; poucos reclamos á aventura hai coma eles.

    ResponderEliminar
  6. Pois a próxima vez proba con un que pon "Vigo", case chegando a Mondoñedo ;-)

    ResponderEliminar
  7. Flor de Lis24/02/10, 08:49

    Que absurdo lo tuyo Ricardo "son eses que poñen "Todas as direccións"; poucos reclamos á aventura hai coma eles".

    ResponderEliminar

Dime que pensas...

ETIQUETAS