07/12/07

Porque hoxe é inverno


Porque hoxe é inverno
os espellos reflicten néboa.


Na miña rúa só pasan homes con gabáns
todos teñen a mesma cara
todos se saúdan cun aceno da cabeza
todos levan maletíns de coiro
cheos de reloxios.


Os tellados detrás de Manuel Núñez
estanse convertindo en París
e os homes dos gabáns non tardarán en asaltalos.
[18ème arrondissement.
montmartre.]


As bailarinas mortas sairán do Moulin Rouge
(aló pola Ronda de Don Bosco)
correndo,
axitando plumas e sosténs
e abrirán os peitos sanguiñolentos
baleiros
e pediranlles reloxios
que lles devolvan o ritmo
que accionen as pernas
que substitúan os corazóns que perderon
nunha partida de póker cando querían gañar diamantes.




Os peitos péchanse con candado
e os homes dos gabáns gardan as chaves nos maletíns
antes de subir aos tellados
detrás de Manuel Núñez
en París


Antes de xogar á brisca con cadáveres
e ao xadrez con magos
apostando os corazóns perdidos
das bailarinas mortas do Moulin Rouge.










that i would be great if i was no longer queen
that i would be grand if i was not all knowing

that i would be loved even when i numb myself
that i would be good even when i'm overwhelmed
that i would be loved even when i was fuming
that i would be good even if i was clingy
That i would be good -- Alanis Morissette

Isto, iso, aquilo



Douche dúas oportunidades.


Tes que adiviñar
que me fai rir
que me fai chorar
que me fai calar


Iso pasa pouco, xa o sei.






Lembras cando el saltou ao mar pensando que era whisky?
Dixera que os xeos eran dos malos e xa se desfixeran.
Creu que o faro era o limón.
E papou auga a esgalla sen notar o sal.
Logo durmiu de día. El sempre durme de día.




Lembras cando chovía porque eu choraba
ou
eu choraba porque chovía?
Xa non sei.
Sei que se che abriron cremalleiras nos brazos, nas pernas, no peito
e te convertiche nun edredón de plumas
e nun pano
e nun fogar
todo ao mesmo tempo.


(e na morna escuridade do teu interior
bicábanme mil beizos)




Lembras cando saín do meu corpo para verte durmir ao meu carón?
Foi aquel día que me rebentou a pel de tanto sentir
e tiveches que coserma con aloumiños.


(agora teño cicatrices
e ti tes que percorrelas todas para investigarme
e descubrirme
e conquistarme
e derreterme)




Lembras cando tiveches que adiviñar que me fai rir?
Esta é a máis importante das tres.


(tamén é a máis fácil)


Porque só se a intentas adiviñar non volverei chorar
e ficarei calada


pensando que o mar é cervexa
contando as miñas cicatrices
pedíndoche que as percorras


que me descubras
que me conquistes
que me derritas


coma os xeos dos malos,
rápido,
ata desaparecer na cocacola.






And I can still smell you on my fingers and taste you on my breath;
Stepping through brilliant shades,
All the color you bring,
This time, this time, this time,
Is fine just as it is.
Today is whatever I want it to mean
Beth Orton -- Central Reservation (Then Again Version)

25/11/07

Sen chumbo

Dende onde te miro, dáme o sol nos ollos e éntrame o frío nos ósos.
Dende aquí, non me oes, así que berro.
Dende aquí, non me ves, así que lanzo fotos feitas avións de papel.


Onde estou hai remuíños de voces e estrondos de teclas.
Qwertys no rural.
Onde estou choven olladas, estrelas e xeada.
Vixíame Orión.
Coma sempre.




Póñoche outra?




... e poñerás.... pero sen chumbo, que levo o coche...


Aquí hai rebumbios de xente-globo.
Nenas nas nubes de perfil.
(¿Que pasa se as pinchas?)


Hai quen hoxe suma coma mín de novo
2+6=5+3
[felicidades]


Hai ratos que comen vinilos dos 70.


Hai detectives con gabáns que sospeitan de mín.
Fuman pipas de marihuana e pensan que estou a bailar.
Non, señor, eu non lle bailo.


Hoxe non.
Outro día.
Sobre a area.
Con zapatos novos, se cadra.
Envolta en ti.


Oíches iso?


Terei que berrarcho.


Velaí vai outra foto.
Gárdame un mimo e levareiche máis.






Fotos: Raquel Campos





You and I should ride the coast
and wind up in our favourite coats
just miles away

The Day We Caught The Train -- Ocean Colour Scene

11/11/07

A primeira era



A primeira
era a que esculpía letras en porexpán.


Gardábaas nun cuarto poerento, algunhas apiladas, outras estradas sen máis.
Ás veces formaban sílabas, palabras.
Se cadra se marchara de vacacións volvería para atopar poemas engarzados ata o teito.
Pero nunca marchaba de vacacións.


Cando remataba de redondear os bordes das letras, pintábaas de negro.
A última quedara con regueiros grisentos.
Pero moitas tiñan regueiros de pintura corrida.
Sería das bágoas. Sería do sol.


Ao chegar aquel amencer á casa, decidiu que a seguinte sería un 'a'.
Deixou a cazadora e o bolso estrados no sofá e non se molestou en acender a luz.
Xa logo amencería.
Tallou a forma, tosca, bosquexada, un 'a' de máquina de escribir.
Observouna, queda, varias veces, dende un metro, dende dous.


Logo ollou as boliñas brancas do chan e quixo deitarse nelas.
Coma se fosen neve, para facer anxos gardiáns de bólas de porexpán.
O 'a' quedou alí, facendo unha sombra alongada coa luz do sol.
A primeira adormeceu.
Non sabía que non o remataría nunca.







































(e, cando durmeu, as fadas do porexpán agarráronlle as pálpebras para asegurarse de que soñara, daba igual con qué. eu olleinas cunha lupa e logo marchei a modiño sen espertala, pero xusto entón, soou o teléfono)





and some vicious whispering voice 
keeps saying you have no choice 
(...)
the pouring rain is no place for a bicycle ride 
try to hit the breaks 
and you slide 
and you slide 
and you slide 

Slide -- Ani Difranco




30/10/07

A vulnerabilidade da noite






















Esquecín a coraza na casa e saín en carne viva.
Foi estrañamente agradable sentir o vento entre os tendóns.
Mesmo me detiven un anaco a observar cómo se contraían os músculos, húmidos e rosados.

Cando un esquece a coraza deixa máis que pel ou ferros.
Deixa as armas, coma se o resto do tempo foramos amazonas, guerreiras, murallas de granito protexidas por arqueiros.
Deixa o valor e a mercromina.
Que a mercromina cura todo.

Pero sinte tan fortes os bicos coma os puñais.
Sinte coma se fora do revés.
E as cóxegas no estómago son tornados de ilusión.
E as caricias son terremotos de pracer.
E os bicos no pescozo son xemidos atronadores que che piden que non pares.

Non pares.
Que esquecín a coraza e son vulnerable.
Non pares.
Que te sinto tras as veas, atrapado en mín.
Non pares.
Que mañá poida que non a esqueza.

E poida que un arqueiro me defenda de ti.
Mesmo se eu non quero.




and I roll over
and taste the pillow with my grin
Shy -- Ani Difranco


I know men are delicate origami creatures
who need women to unfold them
hold them when they cry
Origami -- Ani Difranco




26/10/07

Quero un






















Se non fora de louza tería sangue no canto de letras esmaltadas.
Viría de serie con vísceras que me latexasen e me fixesen funcionar.
Un estómago que encher. Un intestino que baleirar.
Se non fora brillante por fóra podería selo por dentro.
Pregúntome se venderán en liña bágoas,
uñas que medren,
corazóns.
E se hai páxinas de contactos para atopar quen lles dea corda.

ETIQUETAS