14/10/08

Lección urbana nº 1


O día que el lle contou ao oído que os edificios eran dentes
eu comezara a cavar na encía.


Xa contara os molares, as caries, os restos de comida entre as tuberías.
Xa observara, entrepechando os ollos innecesariamente para denotar esforzo,
que contalos era máis sinxelo que se foran estrelas.


Pero que ninguén vaia pensar que non os había que brillaban máis.
Habíaos.
Os máis escuros,
os edificios case derruídos,
eses que nunca se enxaugan con eucalipto.
Os que se dan por perdidos
brillaban con máis historias ca calquera outro.


Anegábanse de gatos escribas e medraban de noite nas sombras,
mentres el, o descubridor do urbanismo dental,
gravaba na pedra a historia dos gatos
que agatuñaban nos tellados a historia dos edificios
que de noite só eran dentes retortos
e de día non eran máis que macetas.


O día que eu comecei a cavar na encía,
el contoulle que os edificios eran dentes
e ela non o creu.


Eu xa contara as moas, xa recollera saliva na miña pa
e dera patadas ás bochas do interior dos beizos.


Non me importou darlle unha a ela.
Se non o cría, ben a merecía.

07/10/08

Para hoxe...

Sentar no sofá cunha mantiña.





Termar dunha taza de té quente coas dúas mans.






Facerse cunha melancólica obra de Auster.






Ollar como chove.






Escoitar.



26/09/08

Verdades



A agulla agarimou o vinilo
e Beth Gibbons encheume o salón de melancolía.
Esperei que chovera,
esperei que nacera unha cheminea onda a tele,
esperei que a roupa do tendal non secara.


Podo mentir e dicir que houbo tormenta,
que se fixo noite
e que de súpeto foi decembro
e puiden estrear o abrigo negro.

Pero non me gusta mentir.


Chegou o final do disco,
calada, sen respirar,
prestei atención ao delicado ruído da agulla
que volvía á posición de repouso.


Entón,
xusto cando se detivo o disco,
materializácheste no meu sofá
e tiven que confesar que collera prestado a Pegaso.


O meu coche arranca mal,
espero que non che importe.


Conteiche que cabalguei antes do amencer,
cando aínda non puxeran as calles,
nin os bancos.
Que voamos entre a néboa e que
sobre Rande,
berrei todo o que normalmente digo baixiño.


Ti riches
é décheslle a volta ao disco.

Esta vez,
tampouco choveu,
nin houbo tormenta,
nin se fixo noite.


Non vou mentir,
que non me gusta.


Así que só direi a verdade:

que caeu o edificio embaixo
e Vigo desapareceu unhas horas;
que nos tivo que rescatar Pegaso,
para levarnos voando onde,
sen dicilo, queríamos ir,
e que bailamos sobre un vinilo xigante
nunha praia onde si que chovía,
ata que, por fin, se fixo noite.


They made a statue of us
The tourists come and stare and us
The sculptor's model sends regards
They made a statue of us
Regina Spektor - Us

13/04/08

O.K.




Había momentos nos que todo se pixelaba.
O meu mundo era recoñecible,
pero pouco nítido.
Había momentos nos que non era meu.
Nada era meu.

Divisaba entre 8 bits recordos de xogos de Atari,
e ansiaba cores novas,
tres dimensións,
o tacto máis electrizante do mundo.

E si, son os meus dedos,
son as miñas mans.
Son os meus sentidos,
ultrapotenciados.
Si, son eu a protagonista da aperta,
son quen non pode pedir máis.

E si, son os teus dedos,
son as túas mans,
e agradezo onde están.
Son as que suben o volume
(ganancias que non entendo,
o potenciómetro da miña pel)
e fan dunha cama baleira unha festa.

Había momentos nos que todo se pixelaba,
pero foron as miñas mans,
foi a miña cabeza,
quero pensar,
a que subiu a resolución.

E agora,
son eu a protagonista da vida,
son quen non pode pedir máis.

Había momentos nos que nada era meu,
agás eu.


24/03/08

Un bosque de tellados




A cidade transformouse baixo a miña ollada,
baixo a choiva e baixo o musgo dos tellados.
As chemineas comezaron a berrar segredos,
aproveitando o repicar da choiva na lousa,
e contáronlles aos gatos a historia de cando abrín o peito.

Faláronlles da cremalleira enferruxada que me surca a pel,
dixéronlles que ten un candado,
un pecho cunha combinación que ninguén sabe
e que ninguén pode lembrar se eu non quero.

Contaron de aquel día,
o mesmo día que baixo outros tellados
sucedían historias máis interesantes
e sobre outras rúas paseaba xente máis importante,
o día que che amosei a miña cremalleira enferruxada
e abrina só para ti.

Baixo as costelas,
nadaches, alumeando o camiño cunha lanterna,
descubrindo o que se cadra non che contara,
fixéchesme cóxegas no diafragma e entroume o himpo.
Rimos revolcándonos coma se houbese herba,
e aprendimos ben as leccións máis importantes:
riso absurdo de palabras, apertas de como durmir,
mapas de bicos a ningures,
navegación de sabas e conquista de almofadas.

Logo ti durmiches,
eu recollín canto me escapara do peito,
cores de máis para calquera, cancións lentas de máis para os puristas,
palabras de máis mesmo para mín.

Co son das olas, intentei lembrar as horas de tódolos días
e só puiden lembrar unhas poucas,
pero din en pensar que son as mellores
e que non as cambiaría
nin por días enteiros
nin por cremalleiras sen ferruxe.

10/03/08

Agardeite facendo largos nunha copa de mencía





Cando chegaches, o cuarto estaba en branco e negro,
soaba Koko Taylor,
a luz era tenue
e eu levaba aquel vestido dunha peli de Hitchcock
(dunha calquera).

Tardei un anaco en colorear a estancia,
e ti agardaches á porta,
nun Porsche 911 do 69
co motor en marcha.

Eras Cary Grant e eu...
eu era algunha muller máis fermosa,
máis esbelta,
máis elegante.

Pero conducindo polas reviradas estradas da costa
perdimos ese look dos sesenta
e volvimos ser pop
con abrigos de pano longos,
ollando o mar;
as lapelas cubrindo o rostro
e os cabelos bailando no ar.

Con música de fondo,
ten que haber música de fondo,
paramos o tempo
(só ti sabes como)
e das apertas erguímonos espidos,
feitos de velcro e aloumiños
nun suspiro e un sorriso.

E ata aquí podo ler...





ETIQUETAS