25/11/07

Sen chumbo

Dende onde te miro, dáme o sol nos ollos e éntrame o frío nos ósos.
Dende aquí, non me oes, así que berro.
Dende aquí, non me ves, así que lanzo fotos feitas avións de papel.


Onde estou hai remuíños de voces e estrondos de teclas.
Qwertys no rural.
Onde estou choven olladas, estrelas e xeada.
Vixíame Orión.
Coma sempre.




Póñoche outra?




... e poñerás.... pero sen chumbo, que levo o coche...


Aquí hai rebumbios de xente-globo.
Nenas nas nubes de perfil.
(¿Que pasa se as pinchas?)


Hai quen hoxe suma coma mín de novo
2+6=5+3
[felicidades]


Hai ratos que comen vinilos dos 70.


Hai detectives con gabáns que sospeitan de mín.
Fuman pipas de marihuana e pensan que estou a bailar.
Non, señor, eu non lle bailo.


Hoxe non.
Outro día.
Sobre a area.
Con zapatos novos, se cadra.
Envolta en ti.


Oíches iso?


Terei que berrarcho.


Velaí vai outra foto.
Gárdame un mimo e levareiche máis.






Fotos: Raquel Campos





You and I should ride the coast
and wind up in our favourite coats
just miles away

The Day We Caught The Train -- Ocean Colour Scene

11/11/07

A primeira era



A primeira
era a que esculpía letras en porexpán.


Gardábaas nun cuarto poerento, algunhas apiladas, outras estradas sen máis.
Ás veces formaban sílabas, palabras.
Se cadra se marchara de vacacións volvería para atopar poemas engarzados ata o teito.
Pero nunca marchaba de vacacións.


Cando remataba de redondear os bordes das letras, pintábaas de negro.
A última quedara con regueiros grisentos.
Pero moitas tiñan regueiros de pintura corrida.
Sería das bágoas. Sería do sol.


Ao chegar aquel amencer á casa, decidiu que a seguinte sería un 'a'.
Deixou a cazadora e o bolso estrados no sofá e non se molestou en acender a luz.
Xa logo amencería.
Tallou a forma, tosca, bosquexada, un 'a' de máquina de escribir.
Observouna, queda, varias veces, dende un metro, dende dous.


Logo ollou as boliñas brancas do chan e quixo deitarse nelas.
Coma se fosen neve, para facer anxos gardiáns de bólas de porexpán.
O 'a' quedou alí, facendo unha sombra alongada coa luz do sol.
A primeira adormeceu.
Non sabía que non o remataría nunca.







































(e, cando durmeu, as fadas do porexpán agarráronlle as pálpebras para asegurarse de que soñara, daba igual con qué. eu olleinas cunha lupa e logo marchei a modiño sen espertala, pero xusto entón, soou o teléfono)





and some vicious whispering voice 
keeps saying you have no choice 
(...)
the pouring rain is no place for a bicycle ride 
try to hit the breaks 
and you slide 
and you slide 
and you slide 

Slide -- Ani Difranco




30/10/07

A vulnerabilidade da noite






















Esquecín a coraza na casa e saín en carne viva.
Foi estrañamente agradable sentir o vento entre os tendóns.
Mesmo me detiven un anaco a observar cómo se contraían os músculos, húmidos e rosados.

Cando un esquece a coraza deixa máis que pel ou ferros.
Deixa as armas, coma se o resto do tempo foramos amazonas, guerreiras, murallas de granito protexidas por arqueiros.
Deixa o valor e a mercromina.
Que a mercromina cura todo.

Pero sinte tan fortes os bicos coma os puñais.
Sinte coma se fora do revés.
E as cóxegas no estómago son tornados de ilusión.
E as caricias son terremotos de pracer.
E os bicos no pescozo son xemidos atronadores que che piden que non pares.

Non pares.
Que esquecín a coraza e son vulnerable.
Non pares.
Que te sinto tras as veas, atrapado en mín.
Non pares.
Que mañá poida que non a esqueza.

E poida que un arqueiro me defenda de ti.
Mesmo se eu non quero.




and I roll over
and taste the pillow with my grin
Shy -- Ani Difranco


I know men are delicate origami creatures
who need women to unfold them
hold them when they cry
Origami -- Ani Difranco




26/10/07

Quero un






















Se non fora de louza tería sangue no canto de letras esmaltadas.
Viría de serie con vísceras que me latexasen e me fixesen funcionar.
Un estómago que encher. Un intestino que baleirar.
Se non fora brillante por fóra podería selo por dentro.
Pregúntome se venderán en liña bágoas,
uñas que medren,
corazóns.
E se hai páxinas de contactos para atopar quen lles dea corda.

19/09/07

Papel Cebola







A miña pel é de papel cebola.


Podes percorrer o camiño das veas co dedo
por todo o meu corpo
esquiva os lunares, as cicatrices, as marcas.


A miña pel é de papel cebola.


Podo verte cos ollos pechados,
pode delatarme o corazón
se o ves latexar, con forza, brillando baixo o transparente peito.






And sometimes you're happy,
Sometimes you cry.
Half of me is ocean,
Half of me is sky.
Walls -- Tom Petty & The Heartbreakers


18/07/07

Caixas de min

Agochei palabras debaixo da alfombra.


Nuns días marcho e, para a mudanza,
terei que agochalas nunha caixa de zapatos.

Como todo. Como a colección de posavasos.
Logo a miña caixa de palabras e eu volveremos.

Aí.





































Uns días.
Eses días terei que abrila varias veces.
Atarei unhas palabras a outras e farei colgantes de agasallo para amigas,
outras heinas coser e facer camisetas de moda.
Tamén as pegarei en tarxetas de aniversario,
en libros
e no corpo.


Cun par de bicos adheriranse perfectamente,
negro sobre branco,
times new roman no embigo
e confesións en arial nas fazulas.



Nuns días marcho e, para a mudanza,
levo apertas en mochilas e bicos en maletas.
Levo ganas de volver nos pés,
aos que lles pesa a incertidume de a onde van.


Mentres vaian,
e teña mochilas,
todo irá ben.










And I'm surrounded
You spill
All alive and brand new
And I'll forget about you long enough
To forget why I need to

And I saw
Pictures in my head
And I swear I saw you opening up again
Cuz I would be heavenly if
Baby you'd just rescue me now

I Saw -- Matt Nathanson




ETIQUETAS