29/12/09

De portais dimensionais



A Ponte de Rande éme a emocionante porta de volta á cidade de Vigo, tras unha longa viaxe de tres horas. Haberá a quen tres horas non lle parezan tanto, pero sen saír de Galiza, vaille chegando. Cando fago a ruta á inversa, o punto xeográfico no que sei que estou na casa é un anaquiño pequeno de costa, pasado Foz, onde hai unha casa vella, abandonada, se cadra, a cal, pechando só un chisco o ángulo de visión, semella estar soa nunha costa báltica fría azoutada polo cruel mar.

Hai varias formas de ir a Vigo, pero eu vou pola N-642 á N-634 e logo ata o tramiño de A-8 que hai aló por Vilalba e ata Baamonde. En Baamonde xa se colle a A-6 e nela séguese ata enganchar coa AP-9, aló por Arteixo, para tirar ao sur, todo recto, ata a saída 5v.

 Ou ía.

Digo ía porque veño de dar cun achádego incrible e fascinante que pode alterar a miña ruta e acurtala mesmo dúas horas! Temo, iso si, que ao compartila con vós desapareza este novo camiño. Moitas cousas boas desaparecen cando moita xente descubre que son boas. Como as cervexas a un euro e os solares libres en Barreiros.

Fixen a miña descuberta o domingo, volvendo a Vigo da miña visita de nadal á familia. Aló pola N-634, preto dunha estación de servizo e dun camiño tortuoso a Vilanova de Lourenzá, onde o asfalto amosa o grave maltrato sufrido pola construción da A-8, hai un cartel que sinala o camiño para O Grove.

En anteriores viaxes eu pensara o mesmo que estaredes a pensar vós. Hai un sitio por Lugo que se chama tamén O Grove. Pero o domingo debía estar eu creativa e díxenme, que carallo, vou probar!

Puxen o intermitente (hai que poñelo, en serio, aínda que sexades vigueses) e virei cara ao estreito camiño. A senda alonxábase da estrada nacional cobregueando cara aos eucaliptos, que semellaban irse anicando sobre ela, restándolle luz e dándolle un toque tétrico que non me gustou chispa. Seguín conducindo e un par de minutos despois, as árbores fóronse arredando do meu camiño. Respirei de novo, detívenme no cruce ao que viña de chegar, e analicei os arredores.

Un cartel rezaba de novo "O Grove" pero, desta volta, estaba na PO-316, no mismísimo Salnés.

Non é que non teña eu interese en ir ao Grove, debeu ser da emoción, que tirei cara a Vigo directamente.

Se cadra na miña próxima viaxe o volva probar e lles tome unha alí no porto, ou se cadra probarei se o cartel de Cabanas que hai en Nois leva ás fragas do Eume.

07/11/09

Gramática básica. Introdución.



O científicio ávido por explorar o complexo estudo da gramática de corpos debe, sen temor a perder a súa mestría ou sabedoría, despoxarse de todo preconcepto adquirido sobre a morfoloxía , en xeral, do ser humano e sobre o funcionamento do seu cerebro, en concreto.

O estudo que a gramática de corpos ofrece da ontoloxía humana debe entenderse en todo caso, meu querido lector, como un re-descubrimento, un re-coñecemento das partes que conforman a cada unha das persoas e outros seres afíns. Establecerase, no curso da nosa actividade, unha nova taxonomía de carne e ósos, baseada na máis estrita semántica neurofuncional a escala celular.

Está vostede a punto de descubrir non só unha gramática funcional, senón unha gramática histórica e, sen dúbida, transformacional, traída ás súas mans grazas ao estudo exhaustivo adicado durante longos anos polas persoas (e seres afíns) que conformamos o Equipo Gramático B4A.

Propoñemos ao lector, antes de se adentrar no corazón deste volume, realizar un sinxelo exercicio de reflexión,  de cara á nosa primeira lección, sobre as seguintes cuestións:



1. ¿Perde un acto/efecto humano importancia se se repite coa suficiente frecuencia?
2. ¿Perde este mesmo acto/efecto humano complexidade nas devanditas circunstancias?
3. ¿Cre lóxico afondar na complexidade deste acto/efecto, tan habitual?


 

17/10/09

Ollo vago



De pequeno era birollo.
Tiña un ollo mirando para diante e o outro de esgueira.

Os médicos dixeron que era un ollo vago,
pero a el parecíalle o máis traballador dos dous.

Puxéronlle un parche no ollo bon
(así son as cousas para os maiores, ou boas, ou malas)
para que ollo malo volvera ao seu.

A idea pareceulle boa,
á fin e ao cabo, quería ter os ollos coma os máis.
Queixábase pouco do que proía aquelo,
do suor que lle escorregaba no verán,
e esforzábase en mirar, en ver todo.

Pero segundo pasaba o tempo
e o ollo vago se endereitaba,
decatouse de que deixaba de ver moitas cousas.

Por que non o avisaron os maiores
de que cos dous ollos dereitos non se vía igual?
Por que non avisara el aos maiores
de que o seu ollo vago vía fadas,
vía máis cores, monstros,
auroras boreais, princesas,
dragóns máxicos sobre as farolas?

Antes de que o ollo vago se endereitara de todo,
aproveitou para apuntar nun diario todo canto vía de esgueira.
Encheu páxinas e máis páxinas de debuxos e anotacións,
escribiu a todas horas,
todos os días,
ata que deixou de velas.

Cando, anos despois, sendo un famoso escritor,
lle preguntaron por aquel diario,
disque contou que descubrira a orixe de todas as historias.

O diario, dixo,
non era máis que a súa imaxinación,
que a el,
por desgracia,
no canto de virlle de serie metida na cabeza,
viñera nun ollo de esgueira,

nun ollo vago,
que, en realidade,
sempre fora o máis traballador dos dous.



We used to be so free
We were living for the love we had and
Living not for reality

Just my imagination - The Cranberries

15/10/09

Amor carnal



O seu foi un amor carnal.

Comezara con algunha peituga,
algún musliño, inocente coma un bico na meixela.

Logo, aproveitando un churrasco
e a desaparición da muller do carniceiro
–mira que deixalo así, lurpia–
ela aproveitou para avanzar na súa estratexia.

 Pasaron cordeiros, criollos e chuletas e,
co tempo, a luxuria foise tornando entrecot recíproco.

Fixérono sobre o mostrador,
no conxelador, rodeados de medios porcos
e porcos enteiros.

O seu si que era amor carnal.

Houbo tempo despois un rumor.
Ela abandonouno. Desapareceu.

Mira que deixalo así, so vaca.

Anda, Ramón, ponme uns filetiños,
pero que non sexan coma os do outro día,
que estaban algo secos...

É que aqueles lle eran de vaca,
dona Herminia,
dunha mala vaca.

02/02/09

A morte e o desastre



Ela vomitaba de noite polas esquinas agardando que alguén lle termara do cabelo.

El espertara un día coa certeza absoluta de que morrería novo.

Mentres ela pasaba as noites intentando afogar en copas baratas,
el cruzaba as rúas sen mirar para axudar ao seu destino.

Aquela noite atopouna abrazada a unha maceta enorme das que hai nas beirarrúas.
No canto de volver cruzar, parou onda ela.
Apartoulle o cabelo do rostro, xa impregnado en vómito líquido de alcohol e bebidas gaseosas.

Ela recoñeceu o seu ansiado símbolo do amor verdadeiro
e logo desexou morrer de vergonza.
El pensou que, se cadra, ela morrería nova pero non o sentira.

Marcharon xuntos da man, compartindo as eses dela e os cruces arriscados del,
e chegaron sans e salvos á casa dela.

"Eu vou morrer novo", confesou el.
"Eu xa morrín", respondeu ela.

Fixeron o amor, primeiro como estraños,
despois como namorados,
logo coma nunha película porno.

Fixérono durante anos,
comeron só espaguetis con tomate,
beberon só auga do grifo
e un día naceulles un fillo con forma de mexillón
ao que quixeron coma se tivese forma de flor.

Logo, esqueceron morrer durante décadas.


And all I really want from you is to feel me
As the feeling inside keeps building
And I will find a way to you if it kills me
If it kills me
If it kills me -- Jason Mraz

12/11/08

Mecánica de fluídos (II)

Pola mañá, o seu corpo tiña pezas que non eran súas.
Por riba, estaban mal enroscadas.

Pero estaba afeita.
Todas as mañás, unha cabeza nova.
Todos os días, novos globos oculares de todas as cores posibles.

A de hoxe era a cabeza dunha moza nova, dunha beleza mesurada, da que non fai virar á xente pero non ten queixa. Peinoulle a longa melena laranxa en dous moños ridículos, pintoulle as pálpebras de azul, riu ao manchar os dentes imperfectos de carmín.

Puxo unha perna con pelos e outra depilada, un zapato de tacón e unha alpargata e foi camiñar abaneando o cú pola húmida rúa, baixo un ceo gris e pesado. Na esquina de sempre, onde se acumula o lixo cos pobres e as pozas cos escombros a súa amiga Marilín, redonda coma unha lata de cocacola, cunha peluca de permanente rubia e dúas chapas de pepsi por ollos díxolle que os seus pés medraban do chan.
Os de Marilín.

Si, dixo:
“Eu serei gorda, serei puta, serei moitas cousas, pero nunca medrei polo medio, eu saín do chan, do chan medran os meus pés, dos pés as engranax
es e delas, o meu corpo. Eu serei un cubo do lixo travesti, miña rula, pero nacín da rúa, coma os edificios e as farolas”

Ela cavilou un anaco, reflexionando sobre a afirmación que tan feliz facía a Marilín.
Marilín, quen, coma ela, era un androide metálico pero cría ser parte da terra.
Marilín, quen, coma ela, estaba feita con pezas doutros, con lixo doutros.

“Tes moita razón, Marilín”, díxolle, “es xenuina e orixinal. Non só vés de onde nacen as farolas, vés de onde nace a luz que brota nas farolas! Es coma unha estrela!”

“Estrelas, estrelas…” respondeu Marilín con abondo desgusto, “as estrelas só son luz vella”.

“Pode ser”, respondeu ela sorrindo, “pero o vello, cando chega a antigo, volve ser un preciado tesouro”.






Denn ich liebe dieses Leben
ich liebe den Moment in dem man fällt
ich liebe dieses Leben
und ich liebe diesen Tag
und ich liebe diese Welt

Juli -- Dieses Leben


ETIQUETAS