21/10/11

Acontezo


Aí, baixo o óso,
podes notar como apodrece.
Terás que enchelo de mazás.

Máis abaixo, no ventre,
queres sentir como agroma.
Terás que enchelo de agarimos.

Acontece
que as cousas ocorren
só cando ocorren,
nin antes,
nin despois.

Ocorre
que as cousas acontecen
só cando ti as aconteces,
nin eu,
nin el.

Ao mesmo tempo, nos miolos,
sempre sentes como bulen.
Terás que baleiralos de verbas.

Foto: Sabela González - Berlín, xuño de 2011

19/07/11

Pedras no camiño

Fronte ao mar
hai un camiño que leva a todas partes
e a miña máquina es ti.

A sístole e diástole tórnase explosión
e o noso rir enxordece o Mississippi
(porque o Mississippi ten máis glamour que o Xunco,
porque de lonxe todos somos caviar).

Fronte ás pedras vellas
disparamos para atrapar imaxes
por medo a que as borre a retina
(e odio que
fronte ás pedras novas
non sexa igual).

Porque as pedras novas han ser vellas
coma nós
e liscarán ceibes da memoria,
varrendo recordos,
facéndonos crer que nunca fumos nenos
e sempre seremos calvos.


Foto: Sabela González - Covas, 2011

28/06/11

Espertar

Foto: Sabela González - Morás, 2011

Espertar
e sentir todos os días domingos
lentos
longos
grandes
inmensos
nosos

Durmir
e soñar realidades
porque vivimos soños
e falámonos bicos

Ti e máis eu sabemos que ninguén durme coma nós


Coitados aqueles que esquecen dicir "bos días"
e nunca espertan en domingos coma os nosos
lentos
longos
grandes

inmensos

25/06/11

Mariñadas

Foto: Sabela - Vigo, 2010
Non creo nos homes que din caer en redes
porque ninguén sae ao arrastre.

Noite tras noite
podería ter guindado a poteira ao baleiro,
pero eu non son de calamar.

Noite tras noite
podería ter enfiado os meus vermes nun anzol,
pero eu non son de troita.

Noite tras noite
saín ao curricán buscar o meu bonito.

Para norte xa estou eu,
e no meu aparello,
ti.

21/06/11

A lóxica na era dixital

Pediume que lle botara unha foto e posou estudándome ben.

Por se acaso.

Logo non me creu cando lle dixen que na miña cámara non se vían as fotos por detrás.

Vense despois, tempo despois, en plásticos máxicos para a eternidade.

P.S.- Se a alguén lle sona esta neniña, que non dubide en preguntarlle se quere a súa foto, estarei encantada de facerlla chegar.




Foto: Sabela - Vigo, 2011

11/05/11

Logaritmo neperiano


Ela aparecéuseme como un problema sen solución, revolucionando toda a lóxica da física, cunha gravidade propia que aínda non sei ben se tiraba de min cara ao seu corpo ou me empurraba cara ao baleiro.
De toda canta beleza hai no mundo ela deu en buscar entre refugallos de laboratorio para me escoller, para deixarme descubrir o seu corpo de xeometría perfecta, un espazo entre X e Y de marabillosas e fluctuantes dimensións, onde os seos deixaban de ser factores numéricos, mesmo para un cateto coma min, onde o meu corpo feito hipotenusa tendía a infinito.
Ela era unha nova dimensión, unha personaxe máxica e fantástica capaz de ver o mundo a través dos ollos dun neno, de coidar coas apertas dunha nai e de loitar coa forza dunha muller. Por iso, comprender a súa mente era para min tan inacadable como resolver a conxetura de Poincaré (ai, Henri, moi só debiches de estar para dar cavilado tanto). O seu resultado era inconstante, a súa formulación voluble coma o máis inestable dos gases. Ela era un ser incrible, de risa constante, apertas de plumón e ideas de película. E eu crin que, se cadra, se daba coa súa estrutura molecular subatómica, non me sentiría tan pequeno ao seu lado.

Explícame que fas, dixo un día, quero entender os números.

Foi ese o momento no que sentín o baleiro ben preto. Que inxustiza! O único que me fai grande, o único que me fai especial ao teu carón son os números, pensei. Como darlle a chave da lóxica a quen non a necesita? Sería peor agravio que dicirlle a un neno que as fadas non existen. Sería matar unicornios. Excuseime, sen resposta, e volvín ao meu laboratorio con intención de buscar unha solución ao problema. Non durmín na casa. Non fun comer ao día seguinte. Só pensei e cavilei buscando o xeito de darlle unha resposta, evitando a toda costa que perdera a súa inocencia de coherente irracionalidade.

A resposta veume nun soño, tal como se a enviase ela, unha resposta tan sinxela como certa, e puiden á fin volver á casa, onde a atopei chorosa no sofá.

Pensei que non habías volver. Por que marchaches así?
Para buscarche unha resposta aos números. A única resposta. Ti es 3, e un chisco máis. Es 3,141593. Es pi, porque fas posible este círculo no que estamos, só nós. Ti es 2, case 3. Es 2,718281. Es o número de Neper. Porque sen ti, non hai solución ao logaritmo que son eu.

ETIQUETAS