17/12/10

Tic Tac

Estou segura 
de que o tempo está a correr máis que hai anos.
É curioso pensar que eu corro moito menos.

09/12/10

Bosquexo de personaxe (IV)


O chef mantivo agochadas durante os dous anos que viviron xuntos a morea de camisas que lle mercara cando se coñeceran. Ela non se decatou de que nunca usaba camisa. Entrou na súa vida e encheulla de caixas, de cousas, de palabras e de choros. Invadiuno de historias de amores rotos que el non entendía, pois nunca tivera un amor de verdade que romper, mentres ela semellaba terse namorado miles de veces. Traía á casa cans perdidos e adicaba o cen por cen do seu tempo a buscarlles un dono, só para chorar pola perda do seu novo compañeiro de xogos, unha e outra vez. Coidaba gatos do vecindario co amor dunha nai, para logo se deprimir baixo a manta no sofá cando o seu amor non se correspondía. Cambiaba a cor dos cuartos e a orde das cousas cada mes e atopaba unha nova vocación cada semana. Pero queríao, ou iso lle amosaba. Tiña apertas para el todos os días, tiña bicos a todas horas, en directo e en forma de chamadas ou mensaxes. Tiña historias para contarlle todos os días, mesmo se eran inventadas. El só tiña sorrisos e palabras de ánimo tímidas de máis para animar a ninguén. E ninguén pode dar toda a vida sen recibir. Como ela non puido dar máis de dous anos de si, mesmo se lle quería, mesmo se cría que, polo que o pasado lle ensinara, o futuro fóra podería non ser brillante.


Non é a historia que nos ocupa, pero o futuro foi benévolo con ela. Deulle un traballo, se cadra algo nimio ou insulso ás veces, mais de agradable monotonía e constante compaña, nunha cafetería calquera. E a cafetería deulle un home. Un home dos que unha di que nunca se fixaría nel, pero o home que toda muller debería querer. Un home feliz, que sempre tomaba un café con leite e unha torrada ás 11:00. Un home cheo de apertas e de agarimos, un home sen berros e sen queixas. Si, era gordiño, pero ela sabía que toda aquela panza era amor, tanto, que lle rebosaba e lle saía pola ollada e polas inquedas mans que sempre o xesticulaban todo, coma se calquera sardiña fose un atún de récord. E foi el, o home que nunca buscara, o home ao que non tivo que roubar o número de móbil con falsas premisas, o que a fixo feliz, a fixo nai, a fixo deixar de chorar frustrada por todo. E bastoulle cunha frase. Hoxe fáltache o sorriso, queres un, que me sobran?

03/12/10

Bosquexo de personaxe (III)


Ela era delgada de máis para ser nada, pero ao mesmo tempo era de todo.
Contaba que na súa xuventude fora modelo, pero en realidade fora azafata de congresos, desas que teñen que medir máis de 1,70 para poder sorrirlle á xente e indicar a ubicación de stands nas feiras. Tamén fora camareira e, logo, cantante nunha ducia de grupos distintos. Fora dependenta de perfumes, dependenta de moda e dependente de homes varios que non a trataran ben. E agora seica era actriz, aínda que non se sabía moi ben de que.
Cando o coñeceu a el, aínda era dependenta, dependente e comezaba a crerse actriz. Naquel home tímido e algo encollido, de amables ollos grises, creu ver a liberdade. Amosoulle un cento de chaquetas por que non marchara, e el probounas todas para que o día non rematara. Recomendoulle mil camisas e el mercou dous centos para que levara a comisión. Contoulle que axiña marcharía dalí, que sería actriz, a nova Julia Roberts, dixera, pero había que empezar por abaixo, e el tivo medo de non vela nunca máis. Ela observoulle as mans, desprovistas de aneis, aprendeu de memoria o seu carné, 1972, Vigo. El sorriu, aínda con medo, sen pulo para facer nin dicir nada, porque as mulleres fermosas sempre teñen a alguén, e porque as mulleres fermosas nunca o quererían a el. Ela inventou que el era o cliente un millón e díxolle que precisaba o seu número de móbil para o informar do seu premio nun par de días. El marchou, tras sorrirlle en silencio unhas cinco veces, seguro de que non a volvería ver.
Aos dous días, soou o móbil. Sei que non nos coñecemos, pero eu teño que fuxir e non podo pensar en mellor cobixo que contigo. Non teño onde ir. Quereríasme canda ti? O altofalante pronunciou un tímido "si", seguido do seu enderezo, e ela instalouse na súa vida.

23/11/10

Bosquexo de personaxe (II)


O chef, no día que nos ocupa, sae fumar un cigarro, tras o servizo de ceas, a unha calexa
próxima. Si, el fuma, ás veces, porque hai xente tan gris que precisa de fumar para que lle pasen cousas, e el é deses. Fumaba xa na escola de hostelaría, onde, grazas ao cigarro ocasional entre clases, se decatou de que os fumadores formaban un grupo na porta, sobre todo no inverno, coma se o seu grupúsculo os resgardase do frío, coma se esa adición común lles aforrase o esforzo de buscar outras cousas que poderían ter en común, coma se así evitasen descubrir que nada máis os unía. El saía fumar e os outros fumadores entablaban conversas con el, como se xa tivese gañada a súa amizade. Fumar aforroulle, sen dúbida, esforzos de socialización, porque o noso chef non é un home de palabras, pero tampouco é un home de acción.

Naquel cigarro furtivo do día que nos ocupa, o chef pensaba niso. Na acción. En todas as accións que quedaran ás portas do seu ser, en todas as ambicións, ideas, movementos, réplicas e portazos que nunca dera. O chef pensaba na muller, esa lánguida beleza frustrada con todo que adoitaba agardalo na casa ao chegar. Xa non. Nunca máis o agardaría no sofá, durmida ante unha película calquera. Había xa dous días que o deixara e o que máis lle pesaba a el, baixo a palpitante luz da farola da calexa, era que ela tivera a forza de marchar, o estómago de dicir canto sentía e botalo para fóra, contra el, contra a porta da entrada pechándoa con forza ao marchar. O que máis doía era comprendela, entender que ninguén podía vivir cunha persoa así, coma el, encrequevellado por fóra, coma á procura do sal, que nunca está onde ten que estar, e encrequevellado por dentro, sen azos nas vísceras para botar as palabras fóra, sen fíos para mover as articulacións para nada. Un home desprovisto de apertas, ansiando toda a súa vida unha aperta allea. Quen era el para culpar á única persoa que o apertara sen pedir nada a cambio?

21/11/10

Bosquexo de personaxe (I)

A escea é unha cociña. A cociña dun restaurante.
E el, é o cociñeiro. O chef, lles chaman.
Podería ser un home novo duns trinta e poucos, pero semella un señor de trinta e tantos. Case sempre anda encorvado, coma á procura do sal sobre o mesado, que nunca está onde ten que estar. Na cociña, a súa desgarbada e torpe persoa de cotío móvese cunha áxil parsimonia que moitos poderían confundir con lentitude, pero que en realidade é unha sucesión de calmos movementos pensados e controlados que teñen como resultado un maxistral manexo das artes culinarias. El é a alma oculta daquel restaurante, un restaurante que na miña cabeza aínda non ten nome, pero do que sei que é un lugar cálido, con moita madeira, con botellas de bos viños nas paredes, elegante e simetricamente colocadas, con manteis colorados.
É un lugar de bon comer, destes nos que, sen un luxo excesivo, pero con clase, se poden degustar carnes no seu punto, con ese ton rosado, nunca sanguiñolento, que torna o músculo animal nun tecido suave e de sabor vigoroso, sempre acompañadas de bailes para o padal, en forma de tímidas salsas de froitos vermellos, de teimudas texturas de queixos do país, de verduras ao vapor deitadas no prato con meditada precisión. Tamén hai bos peixes, faltaría máis, os reis da prancha e do pucheiro, ben sexan á galega coas súas ameixiñas, ben abertos, ofrecéndose ao comensal con dourado esplendor e salsa de algas. A carta non é ampla, pero si satisfactoria. E todo é feito con coidada adicación polo noso personaxe, o chef, coa inestimable asistencia dos seus axudantes.
Os camareiros viven un mundo distinto ao da cociña. Ese mundo que el non coñece, pero ao que serve con precisión e puntualidade, para axudar a que non se desmorone, polo ben do local, sempre polo ben dun local que non é seu. El pensa nos camareiros, quere que estean contentos, se cadra, igual que quere que todo mundo estea contento. E o xefe estao. Porque non vaiades pensar que o xefe é unha mala persoa, un explotador sen escrúpulos, un contacartos calquera; o xefe é, de feito, un dos camareiros que atenden dilixentemente á clientela e el está contento con todos, contento co negocio, contento co traballo, mesmo se ás veces as cousas van un chisco a contracorrente e se fai costa arriba, logo todo volve ao seu e a cousa funciona.
Entendo que para que unha historia sexa interesante ten que haber alguén creando conflito. Pero non é o xefe. Os conflitos veñen moitas veces de dentro. E, máis veces aínda, de dentro da casa.

09/07/10

Que foi da caixa tonta?



 
Eles non se decataban da diferenza.
Sempre había dúas dimensións
e os tubos catóditos, LEDs, píxeles ou o raio que inventaran os humanos
non lles amosaba ningunha imaxe realmente alterada.
Antes chamábanlle a caixa tonta,
pero agora, mesmo se non era máis lista,
xa non era unha caixa.
Un home lamentouse.
Acontecerá coma co teléfono,
a rodiña dos números,
o rrrrriiiiiiinnnnnng...
alguén será a última persoa en esquecelo.
E o que un día foi tecnoloxía
quedará,
con sorte, 
nun museo.


Imaxe: Shaun Tan

ETIQUETAS