17/12/10

Tic Tac

Estou segura 
de que o tempo está a correr máis que hai anos.
É curioso pensar que eu corro moito menos.

09/12/10

Bosquexo de personaxe (IV)


O chef mantivo agochadas durante os dous anos que viviron xuntos a morea de camisas que lle mercara cando se coñeceran. Ela non se decatou de que nunca usaba camisa. Entrou na súa vida e encheulla de caixas, de cousas, de palabras e de choros. Invadiuno de historias de amores rotos que el non entendía, pois nunca tivera un amor de verdade que romper, mentres ela semellaba terse namorado miles de veces. Traía á casa cans perdidos e adicaba o cen por cen do seu tempo a buscarlles un dono, só para chorar pola perda do seu novo compañeiro de xogos, unha e outra vez. Coidaba gatos do vecindario co amor dunha nai, para logo se deprimir baixo a manta no sofá cando o seu amor non se correspondía. Cambiaba a cor dos cuartos e a orde das cousas cada mes e atopaba unha nova vocación cada semana. Pero queríao, ou iso lle amosaba. Tiña apertas para el todos os días, tiña bicos a todas horas, en directo e en forma de chamadas ou mensaxes. Tiña historias para contarlle todos os días, mesmo se eran inventadas. El só tiña sorrisos e palabras de ánimo tímidas de máis para animar a ninguén. E ninguén pode dar toda a vida sen recibir. Como ela non puido dar máis de dous anos de si, mesmo se lle quería, mesmo se cría que, polo que o pasado lle ensinara, o futuro fóra podería non ser brillante.


Non é a historia que nos ocupa, pero o futuro foi benévolo con ela. Deulle un traballo, se cadra algo nimio ou insulso ás veces, mais de agradable monotonía e constante compaña, nunha cafetería calquera. E a cafetería deulle un home. Un home dos que unha di que nunca se fixaría nel, pero o home que toda muller debería querer. Un home feliz, que sempre tomaba un café con leite e unha torrada ás 11:00. Un home cheo de apertas e de agarimos, un home sen berros e sen queixas. Si, era gordiño, pero ela sabía que toda aquela panza era amor, tanto, que lle rebosaba e lle saía pola ollada e polas inquedas mans que sempre o xesticulaban todo, coma se calquera sardiña fose un atún de récord. E foi el, o home que nunca buscara, o home ao que non tivo que roubar o número de móbil con falsas premisas, o que a fixo feliz, a fixo nai, a fixo deixar de chorar frustrada por todo. E bastoulle cunha frase. Hoxe fáltache o sorriso, queres un, que me sobran?

03/12/10

Bosquexo de personaxe (III)


Ela era delgada de máis para ser nada, pero ao mesmo tempo era de todo.
Contaba que na súa xuventude fora modelo, pero en realidade fora azafata de congresos, desas que teñen que medir máis de 1,70 para poder sorrirlle á xente e indicar a ubicación de stands nas feiras. Tamén fora camareira e, logo, cantante nunha ducia de grupos distintos. Fora dependenta de perfumes, dependenta de moda e dependente de homes varios que non a trataran ben. E agora seica era actriz, aínda que non se sabía moi ben de que.
Cando o coñeceu a el, aínda era dependenta, dependente e comezaba a crerse actriz. Naquel home tímido e algo encollido, de amables ollos grises, creu ver a liberdade. Amosoulle un cento de chaquetas por que non marchara, e el probounas todas para que o día non rematara. Recomendoulle mil camisas e el mercou dous centos para que levara a comisión. Contoulle que axiña marcharía dalí, que sería actriz, a nova Julia Roberts, dixera, pero había que empezar por abaixo, e el tivo medo de non vela nunca máis. Ela observoulle as mans, desprovistas de aneis, aprendeu de memoria o seu carné, 1972, Vigo. El sorriu, aínda con medo, sen pulo para facer nin dicir nada, porque as mulleres fermosas sempre teñen a alguén, e porque as mulleres fermosas nunca o quererían a el. Ela inventou que el era o cliente un millón e díxolle que precisaba o seu número de móbil para o informar do seu premio nun par de días. El marchou, tras sorrirlle en silencio unhas cinco veces, seguro de que non a volvería ver.
Aos dous días, soou o móbil. Sei que non nos coñecemos, pero eu teño que fuxir e non podo pensar en mellor cobixo que contigo. Non teño onde ir. Quereríasme canda ti? O altofalante pronunciou un tímido "si", seguido do seu enderezo, e ela instalouse na súa vida.

23/11/10

Bosquexo de personaxe (II)


O chef, no día que nos ocupa, sae fumar un cigarro, tras o servizo de ceas, a unha calexa
próxima. Si, el fuma, ás veces, porque hai xente tan gris que precisa de fumar para que lle pasen cousas, e el é deses. Fumaba xa na escola de hostelaría, onde, grazas ao cigarro ocasional entre clases, se decatou de que os fumadores formaban un grupo na porta, sobre todo no inverno, coma se o seu grupúsculo os resgardase do frío, coma se esa adición común lles aforrase o esforzo de buscar outras cousas que poderían ter en común, coma se así evitasen descubrir que nada máis os unía. El saía fumar e os outros fumadores entablaban conversas con el, como se xa tivese gañada a súa amizade. Fumar aforroulle, sen dúbida, esforzos de socialización, porque o noso chef non é un home de palabras, pero tampouco é un home de acción.

Naquel cigarro furtivo do día que nos ocupa, o chef pensaba niso. Na acción. En todas as accións que quedaran ás portas do seu ser, en todas as ambicións, ideas, movementos, réplicas e portazos que nunca dera. O chef pensaba na muller, esa lánguida beleza frustrada con todo que adoitaba agardalo na casa ao chegar. Xa non. Nunca máis o agardaría no sofá, durmida ante unha película calquera. Había xa dous días que o deixara e o que máis lle pesaba a el, baixo a palpitante luz da farola da calexa, era que ela tivera a forza de marchar, o estómago de dicir canto sentía e botalo para fóra, contra el, contra a porta da entrada pechándoa con forza ao marchar. O que máis doía era comprendela, entender que ninguén podía vivir cunha persoa así, coma el, encrequevellado por fóra, coma á procura do sal, que nunca está onde ten que estar, e encrequevellado por dentro, sen azos nas vísceras para botar as palabras fóra, sen fíos para mover as articulacións para nada. Un home desprovisto de apertas, ansiando toda a súa vida unha aperta allea. Quen era el para culpar á única persoa que o apertara sen pedir nada a cambio?

21/11/10

Bosquexo de personaxe (I)

A escea é unha cociña. A cociña dun restaurante.
E el, é o cociñeiro. O chef, lles chaman.
Podería ser un home novo duns trinta e poucos, pero semella un señor de trinta e tantos. Case sempre anda encorvado, coma á procura do sal sobre o mesado, que nunca está onde ten que estar. Na cociña, a súa desgarbada e torpe persoa de cotío móvese cunha áxil parsimonia que moitos poderían confundir con lentitude, pero que en realidade é unha sucesión de calmos movementos pensados e controlados que teñen como resultado un maxistral manexo das artes culinarias. El é a alma oculta daquel restaurante, un restaurante que na miña cabeza aínda non ten nome, pero do que sei que é un lugar cálido, con moita madeira, con botellas de bos viños nas paredes, elegante e simetricamente colocadas, con manteis colorados.
É un lugar de bon comer, destes nos que, sen un luxo excesivo, pero con clase, se poden degustar carnes no seu punto, con ese ton rosado, nunca sanguiñolento, que torna o músculo animal nun tecido suave e de sabor vigoroso, sempre acompañadas de bailes para o padal, en forma de tímidas salsas de froitos vermellos, de teimudas texturas de queixos do país, de verduras ao vapor deitadas no prato con meditada precisión. Tamén hai bos peixes, faltaría máis, os reis da prancha e do pucheiro, ben sexan á galega coas súas ameixiñas, ben abertos, ofrecéndose ao comensal con dourado esplendor e salsa de algas. A carta non é ampla, pero si satisfactoria. E todo é feito con coidada adicación polo noso personaxe, o chef, coa inestimable asistencia dos seus axudantes.
Os camareiros viven un mundo distinto ao da cociña. Ese mundo que el non coñece, pero ao que serve con precisión e puntualidade, para axudar a que non se desmorone, polo ben do local, sempre polo ben dun local que non é seu. El pensa nos camareiros, quere que estean contentos, se cadra, igual que quere que todo mundo estea contento. E o xefe estao. Porque non vaiades pensar que o xefe é unha mala persoa, un explotador sen escrúpulos, un contacartos calquera; o xefe é, de feito, un dos camareiros que atenden dilixentemente á clientela e el está contento con todos, contento co negocio, contento co traballo, mesmo se ás veces as cousas van un chisco a contracorrente e se fai costa arriba, logo todo volve ao seu e a cousa funciona.
Entendo que para que unha historia sexa interesante ten que haber alguén creando conflito. Pero non é o xefe. Os conflitos veñen moitas veces de dentro. E, máis veces aínda, de dentro da casa.

09/07/10

Que foi da caixa tonta?



 
Eles non se decataban da diferenza.
Sempre había dúas dimensións
e os tubos catóditos, LEDs, píxeles ou o raio que inventaran os humanos
non lles amosaba ningunha imaxe realmente alterada.
Antes chamábanlle a caixa tonta,
pero agora, mesmo se non era máis lista,
xa non era unha caixa.
Un home lamentouse.
Acontecerá coma co teléfono,
a rodiña dos números,
o rrrrriiiiiiinnnnnng...
alguén será a última persoa en esquecelo.
E o que un día foi tecnoloxía
quedará,
con sorte, 
nun museo.


Imaxe: Shaun Tan

E dragóns


Vimos de inaugurar un novo servizo na universidade.
Quen se porte mal, xa sabe para onde vai.

28/06/10

Bon appétit!

Este é o último regalo [emocionante] que me fixeron.
Que ben me coñecen algúns...
Unha boa excusa para cociñar e apuntar as ideas,
e un bo pulo para revivir iniciativas pasadas.
Xa me ferven as mans por amasar...

25/06/10

Slurp!


Vou estragar unha imaxe bonita cun mal título.
Vou esquecer unha gran película cun bo bico.
Vou escarallar un intento poético cun pésimo último verso.
Vas flipar.

Hop on a plane


O luxo convertiuse en cacahuetes
e o prezo dun bocata de xamón
voa máis alto cás aeronaves.

Moito aeroporto para unha semana,
moi mala sorte para demasiados voos.

Agárdote,
ceos mediante
e terra de por medio.
Esqueceremos esta tediosa espera*
e a aperta será grandiosa.
Xa verás.
*(cun pequeno resquemor contra a patria gala)

17/06/10

Desculpas


Por primeira vez dende que blogueo (e xa van uns cinco anos), veño de borrar unha entrada publicada. Por iso, pido desculpas. Unha vez repousada, pareceume que me pasara. E, non vou mentir, tamén teño en conta a crueldade da rede, que todo lembra e convirte en arma. Así que vos pido desculpas pola miña falta de profesionalidade. Pero só a vós.

14/06/10

Ñam, ñam

Pizza.
Pan.
Pasta.
As 3 p's dos meus próximos intentos,
unha vez liberada de estudos.

Imaxe: Google Images

Exploracións


Chegou explorar
pero explorárono a el.
Era un mundo cruel.
Os seus habitantes pensaban que era o único.
E se non o único, de certo o mellor.

Imaxe: Shaun Tan, Tales from Outer Suburbia

Descorazonador

Hai anos eu era tirando a vaga. Xa dicía meu pai: "Preguiciña, queres pan? Quero, quero, se mo dan!".

Pero o tempo ensina, para ben, normalmente, e desta volta puxen toda a carne no asador.

Vin unha oportunidade de demostrar, máis a min mesma cá ninguén máis, que con esforzo e adicación podía fuxir da mediocridade (e mesmo collerlle algo de vantaxe).
Polo camiño, conseguino, demostreime que era capaz de superar as probas, e con nota. Claro que, no mesmo camiño, a outros empurráronnos á meta, aínda que non correran tanto.

E agora, toca a última proba. E é das miñas. Teño absolutamente todas as papeletas para me desmarcar, para o gordo. Alén do estudiable, levo preparándome para isto máis de vinte anos. Vouno bordar, vou romper a pana, vou reinar.

Pero non vai valer de nada.

E iso descorazóname, coa facilidade punzante coa que se descorazona unha mazá. Non arredo, non, pero perdo a miña habitual esperanza, o infantil positivismo de cotío.

Mañá irei facer o exame sen corazón, pero, se cadra, é mellor así. Mellor sen corazón que con el cheo de veleno.


now pick up your pencil 
and turn over your test
use your education
and make an educated guess

30/03/10

John Doe

 Dóeme un dedo.
Cando era pequena chamábase a puñeta.
Agora chámase o corazón.
A misma cousa é...

É a mesma puñeta que esnafrei contra aquel coche,
lembras, mamá? Cando abrín tamén a cabeza?
Vaia se lembras...
Abríraselle unha boa raxa,
ao dedo,
e facíame as curas un enfermeiro que se me parecía a Felipe González.

Pero claro, co da cabeza o dedo non levou protagonismo,
debe ser por iso que se me queixa vinte anos despois.

Está gordo e barrigudo,
pouco mol e decaído,
doe ao dobralo cara a dentro,
e doe ao estiralo cara a fóra.

Maldita puñeta,
será de usala pouco.

Vou ir ao médico
(eu non quería, pero leva así unha semana e o Flaco púxoseme perrenchudo)
e direille
"Mire usté,
dóeme a puñeta dereita
e, como son zurda,
non lle é a man de insultar,
nin de escribir, nin de pintar,
debe queixarse de pouco uso,
e iso que o teclado non discrimina entre maus".

(É que nós dicímoslle "mau", coma a cervexa)

E el dirame algo de médicos...
por non facerme a puñeta.

Pero aínda a ha erguer cando marche,
porque unha puñeta dorida é para a medicina
como cortar as puntas para a perruquería:
un aburrimento.

Eu digo por avisar:
se vedes unha moza facendo a puñeta
por Príncipe adiante,
vai ser que son eu,
que teño que practicar.

22/03/10

Manual do usuario

Noraboa pola adquisición do seu novo equipo Beluka 4.0!
Para sacar o máximo rendemento ao seu equipo,
siga as instrucións e conserve este manual para futuras consultas.

Para activar a súa Beluka 4.0, efectúe un bico de bos días.
Este procedemento será suficiente para poñer en marcha o sistema.
Agarde feedback e proceda sen medo a interactuar co equipo.
A Beluka 4.0 non só está preparada para lle contestar e dar conversa,
a súa capacidade de risa e chiste fácil foi testada polos expertos máis esixentes.

Ademais, a Beluka 4.0 vén cun sistema organizativo integrado
capaz de reordenar e sacar o máximo partido ao seu fogar
(Nota do fabricante: A Beluka 4.0 fará isto mesmo se vostede non quere, se estima que non precisa ou non quere sufrir unha reorganización exhaustiva de máximo aproveitamento espacial e eficiencia, por favor, remítase a versións anteriores ou produtos alternativos, xa que esta función non se pode desinstalar).

A súa nova Beluka 4.0 incorpora software específico de última xeración:
  • Cociña innovadora MX 2009
  • Consolas v10.0.2
  • Curiosit-ee (este programa actualízase de maneira constante sen gasto adicional e sen que se teña que preocupar polo espazo en disco)
  • eBookMania
  • Art-O-Rama Home Edition XP
  • Beek-OS (sistema operativo supletorio de alta fidelidade que activa os sensores ultrasónicos incorporados)

Para activar o sistema operativo supletorio pode:
premer o cursor táctil mamela esquerda e/ou dereita,
introducir comandos de tag < romance > ou < sensual >
ou subministrar bicos apaixoados á Beluka 4.0.

Se a súa Beluka 4.0 sofre un quecemento de hardware provocado por unha sintaxe errónea
ou polo emprego de comandos inadecuados,
pregámoslle que execute < aperta >
e reordene os seus comandos mediante unha secuencia lóxica de comprensión e razoamento.
De seguro que a súa Beluka 4.0 recuperará o seu habitual sorriso!
(Nota do fabricante: a Beluka 4.0 non formateará estes datos e non podemos garantir a ausenza do bug Rencor1.0 sen a pertinente corrección da súa sintaxe e comandos).

Grazas pola súa compra e desfrute do seu novo equipo!

11/03/10

O capitán Adrián

Ti serás o capitán
do noso barco.
Levarás un chapeu cunha caveira
e guiarás o navío surcando os mares.
Loitaremos con canóns contras a bestas mariñas,
atracaremos en portos ignotos
e probaremos suculentos bocados en novas terras.
Ti serás o capitán
e ensinarasme un mundo novo.

Ti serás o capitán
da nosa caixa de cartón.
Levarás un chapeu de papel de periódico
e sentarás no teu cartón no garaxe.
Guindaremos pelotas de tenis por furados feitos no cartón,
sairemos ao xardín,
iremos merendar á cociña.
Ti serás o capitán
e eu ensinareiche o mundo que xa coñeces.



E diranme infantil,
pero eu, simplemente, prefiro o teu mundo,
prefiro o meu mundo,
no que as caixas de cartón son barcos
e ti e máis eu somos piratas
que rescatamos aos inconscientes da súa absurda realidade.

09/03/10

Macguffin

 
Se cadra era unha vil trama deseñada por un demo coñón.
Se cadra non era máis ca un macguffin dos de Hitchcock,
un detalle perfectamente intercambiable na súa vida
inserto no contexto co único fin de darlle suspense á historia.

O suspense, neste caso metamorfosado en cólera e nerviosismo,
pode crear, aínda que se pense o contrario,
unha explosión de ideas dignas da imaxinación máis portentosa.
Iso si, esta xeración de ideas tende a centrarse na tortura e na dor.

No seu caso, todo aquel material de oficina parecía converterse en malignas armas
coas que dar unha incerta solución aos seus problemas.
Enténdase, unha forma de dar morte á causante da ira en si mesma.

Visualizouna atada a unha cadeira pola cinta adhesiva oficial da universidade.
Logo, toda a gama de funxibles do escritorio ofrecía vastas posibilidades.
O celo para suxeitar as pálpebras abertas,
as grampas, nos beizos por suposto,
os clips, baixo as uñas...

A chegada da hora de saída sacouna da ensoñación.
Viría ben unha tila.
E manterse lonxe dos clips.
E lonxe daquela macguffin do sur.



22/02/10

Re: busco recipiente para zume de estrés

a responsabilidade tornóuselle estrés
e deron en sangrarlle as ideas.

pediu unha esmola de comprensión
e coma moitas esmolas
déronlla fóra da casa.

recolléronlle aquel zume de presión
sen luxuria
sen engano
e el cometeu o erro de namorarse da idea
de non ter estrés
ou, se cadra, de non ter responsabilidades.

19/02/10

O resultado

no fondo, non era nin muller nin paxaro.
era unha besta agochada trala dualidade dun descoñecido ser mitolóxico,
o resultado de ser devorada tantas veces,
de térenlle remexido as entrañas
con mentiras.

a salvación, sempre se soubo, está nas ás,
ben dos anxos, ben da águia que unha leva ás costas.


16/02/10

Os meus domingos

Decidimos non celebrar San Valentín.
Non temos nada en contra do día.
Tampouco nada a favor.

A min gústame pensar que te quero igual todos os días.
A ti gústache que os domingos sexan domingos.


Querería dicirlle á xente que os domingos levo unha vida bohemia,
que disfruto dos praceres máis sinxelos da vida dos que sempre falan os intelectuais.

Querería dicirlles que leo os periódicos tomando o café,
que poño a radio mentres me ducho
e logo saio pasear na calma dominical.

Se me chegaran as ondas do mar pola radio
poida que a puxese,
pero o certo é que vexo a tele.
Vexo debuxos animados
con sumo interés
e tomo torradas con aceite co café
con non menos interés.

Logo, mentres non te ergues,
xogo a videoxogos,
escribo,
fago garabatos,
penso qué comeremos
e, entrementres,
vou a cada chisco ao cuarto darche un chucho.

Despois xogarás comigo,
riremos,
arrolarémonos no sofá
e iremos tomar as cañas de domingo,
cos seus dardos e, ao volver á casa,
cos seus bocatas.

Por iso decidimos non celebrar San Valentín.
Non temos nada en contra do día,
tampouco nada a favor.

Pero os domingos son domingos,
e eu quérote igual todos os días.

07/02/10

Unha ducia de bailarinas



Cando se achega a noite,
as bailarinas chegan ao cabaret de incógnito.

Son corpos de pulida madeira de buxo,
carcasas baleiras agás polos enferruxados mecanismos que as gobernan.

Onde a miña vista as perde,
cúbrense de plumas e peles,
de sorrisos e insinuación,
e outros homes gozan dos seus movementos,
mentres eu agardo o día
neste escuro cuarto.

Cando chega o día,
as bailarinas saen do cabaret crebadas.

Veñen a min coas chaves dos peitos na man,
e eu abro con coidado os cofres dos seus tórax.
Amaño as dentadas rodas grazas ás que respiran,
engraxo os seus engrenaxes
e afío as finas agullas que lles lembran que están vivas.

Cando se achega a noite,
volven estar listas para o espectáculo.

Sorprendeume coma ao que máis
a chegada do home da maleta de coiro aquela noite.

Escolleu unha, unha soa de entre unha ducia de bailarinas,
e só a ela lle ensinou o contido da maleta.
Á mañá, foi a última en vir verme,
e veu da man do home da maleta de coiro.

O home sorriume e cedeume a maleta.
Nela, o mecanismo dun reloxo latexaba os segundos incansable.
Seguindo as súas ordes, coloquei o mecanismo no cofre do peito da súa bailarina, 
da bailarina escollida entre unha ducia.

Abandonaron o cuarto da man,
latexando felices ao unísono.

Cando chegou a noite,
once bailarinas entraron de incógnito no cabaret.

Cando chegou o día,
once bailarinas viñeron engraxarse e amañarse,
máis enferruxadas ca nunca,
crebadas de ciumes e envexa.

ETIQUETAS